Mostrando postagens com marcador Lugo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Lugo. Mostrar todas as postagens

sábado, 5 de janeiro de 2008

Porta do Hospital


Na imaxe, pintura de Xoán Guerreiro




O bocexo tremendo do splen. Melancolía.
A inmóbil somnolencia coa que esperguiza o día.
O inútil ruxe-ruxe do déjá vu varado.
A cidade moulando o presente e pasado.



The great yawn of splen. Melancholy.
the inmobil sleepywhich wises up the day.
the useless moaning of the just seen run aground.
And the city moaning the present and the past.

LUGO DA PONTE Á PIRINGALLA



«Os do Agro do Rolo mataron un burro e os da Piringalla comérono crudo»
Popular.
Escribo sobre un Lugo inexistente, un Lugo que só existe nos soños recorrentes e nos suburbios da memoria das xentes da miña idade. Nese Lugo hai un espléndido chalé na rúa de Concepción Arenal, unha rúa que está cortada en dous anacos sen posible comunicación, e nese chalé centos de flores e unha retorta ameixeira que dá cirolas xaponesas e litros de resina, e as árbores medran nas beirarrúas das Casas Baratas, e agáchanse na néboa londinense que sobe desde a Fonte dos Ranchos. O barrio de Domingo Tallo ten dúas ou tres rúas, e as Casas Sindicais non existen. No seu lugar, un aserradeiro espértame cada mañá coa súa sirena. Cando non, fai o mesmo a de Abella, que chama ós seus traballadores, os meus veciños. En Lamas de Prado a estrada é de lastros e as beirarrúas de barro, e nas tormentas de verán os rapaces facemos presas nos regos e atoamos as bocas das cloacas. As travesías son en realidade carrís, e din que no que vai ás hortas do Lopo aniña unha donicela que escoita canto falamos. Na Chousa do Castiñeiro tódalas árbores teñen nome propio, e son os nosos mellores amigos. Está a árbore-escaleira, a árbore-cama. Xogamos neles ás escondidas, construímos cabanas, ímolos visitar na tremenda mañá na que aparece alí o corpo acoitelado dun veciño, latando ás clases. E nas tardes de verán van as familias coas merendas, na fonte cuadrada brincan as rás e refréscanse as botellas, un inmenso formigueiro érguese a carón dos ósos mondos dun gato.
Hai unha fonte na Casa do Rolo e outra nas Chanquiñas. Medra nela a saponaria e imos co José Luís buscar auga no lusco-fusco. Un regato bordeado de amieiros baixa desde Abella e leva os desperdicios ata o que chamamos os Pantanos. Desde alí, por camiños que coñecemos ben, imos pola Cheda ata a Calzada e baixamos á Ponte. Ou pola estrada de Hombreiro imos ofrecidos ó San Nicolás coa avoa ou achegámonos ás Saamasas, darnos un mergulliño. Cruzamos polos caneiros ata as Illas e nos bares dese lado do río xogamos ó xogo da Ra, botándolle moedas á boca aberta.
A Muralla apóiase nas vellas casas escanastradas que a circundan e bocexa de puro aburrimento. Na Porta Nova hai unha fonte e un quiosco. Na Porta da Estación está a Peluquería Carballal e nela catro ou cinco limpabotas non paran de traballar. O colexio dos Maristas é un tétrico e escuro labirinto. As pelotas burlan a barreira e van caer ó Seminario. Cae unha neve de algodón nos invernos, e corremos ó Parque a xogar e botarnos bólas. A carón do colexio está o Campo da Feira. Ó saír de clase imos ver os circos que se poñen nel, os elefantes, os leóns, os hipopótamos. No San Froilán xantamos alí o pulpo e os cegos tocan os violíns mentres comemos. No xardín do cárcere xogamos ó cravo, ás bólas, ós peóns. Nese cárcere estivo preso o avó, durante a guerra.
Fronte á Librería Celta hai un precioso palacete de Barras Eléctricas. Na trastenda da Librería hai imprenta e moitos libros amoreados. Os nenos do barrio imos xuntos ó cine, se cadra ó Victoria a ver Drácula, se cadra ó Central Cinema, en Xoán Montes, fronte a Viajes Cantabria, se cadra ó Paz, na sesión infantil, sete pesetas, a ver un Supermán xaponés, ou ó España, na Rúa do Progreso, ou aínda ó Kursaal, no que un pode coarse desde un garaxe contiguo. No Gran Teatro vin King-Kong e volvín á casa polo adarve. Nunca subimos nin baixamos da Muralla polas escaleiras de pedra, senón agabeando por un poste de teléfonos na Tinería ou por unha escaleira de banzos de ferro que hai detrás de Maestría, agora o meu instituto (pero xa non hai a escaleira).
Cos meus pais vou os domingos polos carreiros da Piringalla, ata Garabolos. Paso xunta os depósitos da auga, os restos do acueducto, o vello campo de fútbol. Aínda podo pisar algunhas laxas do esquecido camiño romano.
Escribo deste Lugo que só está dentro de min, que xa non hai. A especulación derrubou os edificios, convertiu as rúas en tubos, estragou as fontes e esnaquizou, con furor arboricida, paulonios e castiñeiros. Concepción Arenal é só unha rúa, na que non hai chalés, e desapareceron os regos e as árbores da Chousa e o palacio de Barras e a Librería Celta e tódolos cines. Enriba dos caneiros, nas terras máis feraces, alzouse todo un Continente e un complexo deportivo, e unha feira-exposición.
Pero eu sigo nun Lugo no que os nenos xogan á billarda e o pasemisí. A materia deste soño son horas perdidas, roubadas pola educación mediofranquista, e horas gañadas, liberadas nesta xeografía sentimental.

domingo, 30 de dezembro de 2007

Nomes de Lugo


Nomes de Lugo desaparecidos, en desuso ou en perigo de extinción:
Corredoira da Vella da Manta, O Castiñeiro, A Chousa. As Chanquiñas, O Chapuzón, O Cagarrón, O Campo das Cagallas, Río dos Sapos, Rúa da Cañería, O Boquete, O Carballal, Rúa do Sol, Rúa do Cuartel, Carril do Gato Mouro, Porta do Poxigo, Campo da Forca, Barrio do Paxaro, Torres do Conde, Colexio das Orfas, Carril da Ramella, O Frontón, A Mina, Domingo Tallo, Carril das Margaridas, Rúa da Liberdade, Carril das Ferrerías, Praza do Carboeiro, Corredoira das Campás, Volta da Viña, Paseo da Tolda, Barranco de Friás, Fingoi de Abaixo, Areeiras de Magoi, Campo da Feira, Porta Toldá, Camiño Vello, Camiño Novo, Quinteiro do Carme, Paseo dos Coengos, Rúa Pita, Rúa das Nóreas, O Garañón, Hortas do Lopo, Costa da Barxiela, Cortiña das Estantigas, Praciña da Herba, Praza do Cárcere, Agro do Rolo, Alameda, Cantón, Rúa Travesa, Batitales, Praza da Pinguela, Os Tilos…
Nomes desprazados ou minimizados:
Garabolos, Colexio Paradai, Os Miñóns, Acea de Olga, Augas Férreas, Fingoi, Magoi, Rúa do Carboeiro, Caiñós…
Nomes afortunadamente conservados:
Rinconada do Miño, Tinería, Porta Miñá, Porta Nova, Porta Falsa, Porta da Estación, Rúa do Conde, Lamas de Prado, Rúa do Prado, A Piringalla, Albeiros, A Garaballa, O Ceao, Casas Baratas, Rúa do Conde, Canella do Hospital, San Domingos, Rúa Nova, Carril dos Fornos, Praza do Campo, Rúa dos Cregos, Rúa dos Gardas, Casás, Paradai, Ponte Romai, Recatelo, San Roque, Paxariños, Rúa da Cruz, San Pedro, San Xillao, Camiño de Pipín, Acea do Rei Chiquito, Rato, Fervedoira, Galegos, O Piteiro, Cimadevila, Chanca, Gándaras de Piñeiro, A Mosqueira, Regueiro dos Hortos, Quinta de Pérez, Rúa das Hortas, Carril das Flores, Xuíz, Carril do Xuicio, Carril dos Indios, Rúa Falcón, Fonte dos Ranchos, Catasol, Rampa de Claudio López, O Portiño, Rúa da Zarra, Rúa da Bouza, A Cheda, A Tolda, Campo Castelo, Porta do Castelo…
Nomes recuperados:
Carril das Estantigas

domingo, 18 de novembro de 2007

A CORREDOIRA DA VELLA DA MANTA



Infórmame o amigo Paco Nieto da existencia no Lugo vello dunha corredoira que levaba o asombroso nome de “ Corredoira da Vella da Manta”. Comprobo o dato e atopo, efectivamente, esta corredoira que leva un nome coma unha bomba de reloxería. Un nome que asusta polo que implica e que me obriga a facer reflexións sen número.
Primeiro, polo sorpresa, porque é unha corredoira (agora unha rúa entre traseiras de casas) pola que teño pasado centos de veces e nunca souben cal era o seu nome. De feito, cando eu era neno non o tiña. Era só “o carril que vai das Casas Baratas ao Camiño Vello”. Un carril triste e suxo, frío, umbrío, pequeno. Miña nai dicíanos que para ir ao cine (ao Paz, ao Victoria) non fósemos por alí. O nome perdérase. Cal o motivo? Sen dúbida, a deturpación franquista (ou anterior) de todo o noso. Desapareceu o nome como desapareceu outro ben similar, o do “Carril das Estantigas”. Pero como as cousas nunca acaban de desaparecer, un pleito fixo que nun documento oficial (un boletín da Provincia) rexurdise, porque cando hai que entenderse é preciso entrar en detalles e hai que acudir ás escrituras. Por iso, paradóxicamente, só hai que entrar na rede, poñer “vella da manta” e alí está: unha casa que dá á rúa Pontevedra e, polo norte, á “antes llamada Corredoira da Vella da Manta y actualmente rúa do Freixo”.
Toda a barriada á que se accede desde a Porta Nova levou o nome de “Arrabal da Porta Nova” e as Casas Baratas (que tiveron o nome oficial de Cidade-Xardín) son unha parte dela. Non cabe dúbida de que antes de facerse esas casas e de abrirse esas rúas no primeiro tercio do século XX, a corredoira da Vella da Manta sería moito máis longa e, polo trazado actual, debía continuar pola que á agora rúa Tui. Ocorre precisamente que canto máis torta, estreita e labiríntica é unha rúa, máis vello é o seu trazado: o carril é preexistente ao barrio.
Neses momentos a zona era extrarradio, un extrarradio sen luz e de míseras casiñas. As nais, para impedir que os nenos se metesen por percorridos escuros e perigosos (sempre houbo asasinos e violadores), dicíanlle que por alí andaba o chupasangues, a Compaña ou a meiga chuchona. Maríamanta, a muller que se corresponde pé a pá co home do saco, o sacaúntos, é unha muller que rouba os nenos. Descríbese como unha esmolante moi fea, cun papo moi grande, envolta nunha manta: a Vella da Manta, que lles vai zugar o sangue. Un personaxe mítico que poden vostedes atopar no Dicionario dos Seres Míticos.
A función protectora dos cocos queda explícita. A mesma función debía ter o nome “Carril das Estantigas” noutra zona despoboada e medrosa dentro de murallas. Este carril tivo máis sorte. Cambiáronlle o nome polo de “Carril das Ortigas”. Haber, había ortigas e ademais rima. Como quen alterou o nome probablemente non comprendía o que eran “estantigas”, buscou un con certa lóxica. Afortunadamente alguén se deu conta (gracias aos documentos e planos) do calote e o nome volveu oficialmente ao seu.
Habería que pedir o mesmo para a Corredoira da Vella da Manta, porque rúa do Freixo é un nome posto ao chou e non ten ningún senso. Posto, iso si, con boa vontade e con vontade galeguizadora (peor sería “calle del Fresno”). Con boa vontade pero errada, ignorando (neste caso con desculpa) a realidade ilustre do carril. Ilustrísima., pintoresca, atraínte, romántica realidade. Que lle devolvan o seu belísimo nome. Porque aínda que non estivese na conciencia dos nosos antergos, esa vella ten parentela ben coñecida en sociedade. Esa vella fea, tenebrosa, é curmá de Hécate e irmá xemelga de Lilith e Ceres. Parécese tanto a elas que un diría que é a mesma, esa que rouba os nenos para chucharlles o sangue e facer con ela a cor vermella do seu arco.