Mostrando postagens com marcador poesía. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador poesía. Mostrar todas as postagens

sábado, 26 de janeiro de 2008

Esqueleto



Cinchas de ferro
Serán o enterro
Do bo mozo,
Pasto do verme
Mentres o terme
O pescozo.

Seu esqueleto
Preso no peto
Da gaiola,
Ao ritmo lento
Baila do vento
Que o arrola.

Na orela porca
Penden da forca
Amosados
Para que os nosos
Vexan seus ósos
Esburgados

Feden na brisa
Que é a súa camisa
E á fronte
Ollan canseiras
As súas caveiras
O horizonte.

Renxe a cadea
E pon na area
Desacougo
E ao lonxe as aves
Pousan nas naves
Nun mar vougo

sábado, 5 de janeiro de 2008

ALBORADA DO POETA MORTO



Érguete, meu amigo,
Porque as nubes son sombras de barcos derretidos
E os astros, como chumbos, afondan no infinito.
Érguete, meu amado,
Porque os xinetes mortos deitaron os cabalos
E levan polo estribo os días arrastrados.
Vai a lúa dos xitanos
Desde Granada a Santiago
Coas barracas do teatro.
Desde Santiago a Granada
Tras dun arcanxo de prata
Vai a lúa namorada.
Namorada dos teus ollos
E dos teus dedos lindos de pianista morto.
Morto en todos os barrancos,
En todas as vereas que corren os lagartos.
Lagartos que están chorando,
Cos seus panos vermellos e as súas bocas de espanto.
Espanto que hai que tornar
E ao que as augas do río xa levan para o mar.
Pero érguete tu
E que chova mil anos pola camisa azul.
Pero levantate
E que veñan mil noites sobre ese amanecer.
Érguete, meu amigo,
Que as nubes son as sombras do teu corpo transido.
Érguete, meu amado,
Que xa os xinetes podres caeron do cabalo.

Porta do Hospital


Na imaxe, pintura de Xoán Guerreiro




O bocexo tremendo do splen. Melancolía.
A inmóbil somnolencia coa que esperguiza o día.
O inútil ruxe-ruxe do déjá vu varado.
A cidade moulando o presente e pasado.



The great yawn of splen. Melancholy.
the inmobil sleepywhich wises up the day.
the useless moaning of the just seen run aground.
And the city moaning the present and the past.

sexta-feira, 14 de dezembro de 2007

GUAU













Son un can de palleiro e ladro o meu rancor polas esquinas
¡Veu, veu!
¡Guau, guau, guau, gunc, gunc, nunc, nunca!
Ladro o meu rancor polas esquinas.
Eu son un can cadavérico, un can calamitoso,
son o can desastrado que lambe as feridas e sofre a dor do mundo,
son un can iraquí que se deitou á última volta, despois de arrodear os ziguraths,
un can africano ateigado de moscas e tabaos,
no meu coiro casaron a pulga e o piollo e bailaron a samba as chinches e as carrachas,
o arador da sarna tomou a miña pel por terra de cultivo
e a tiña fíxome vinte tonsuras sucesivas conferíndome a santidade,
son un can paria da India, nómade que anda en catervas e que en mandas percorre as chairas devorando as propias bágoas,
son un can kurdo que busca o seu sustento nos cubos do lixo e nas moreas de merda, un can filisteo,
o ollo que me falta saltoumo dunha patada un soldado hebreo que ría feliz ás gargalladas mentres mascaba chicle,
era un soldado que practicaba o precepto cristiano:
se lle tiras unha pedra á meixela dereita el devólveche un balazo na meixela esquerda
porque xa non lembra o código de Hamurabi, que é tan primitivo,
e en cambio lamenta diante do muro que eu aínda conserve o outro ollo e poida ver,
son un can arxentino que oulea, todo ollos e rabo, engulindo herbas para amansar o estómago,
e se me apuran son un can de Harlem escorrentado da porta traseira dun restaurante, durmo cos meninos da rúa
e cos pobres de pedir entre cartóns e entre carteis vellos que anunciaban paquetes de tabaco con modelos núas,
negro nacín no bosco sur, galego son da beiramar
e corrín polas pradeiras detrás dos xinetes de Cabalo Tolo,
partíronme un xeonllo en Wounded Knee
e por beber un prato de leite cazáronme a lazo en Santiago de Chile.
Eu son un can
e ladro o meu rancor polas esquinas.
¡Ladro o meu rancor polas esquinas!














Son un can de palleiro que defende a súa casa
a brazo e a dente
e a ladrido e a ouveo.
E ladro o meu rancor polas esquinas:
veu, guau, gunc, nunc, nunca, nunca, nunca, nunca.
Corrín detrás dos nenos meneando o rabo e brincando canda eles
ata que chegou o tanque e os esmagou.
Corrín pola praia cos fillos do meu amo
ata que chegou o chapapote.
Eu, un can que hipa o seu infortunio botado a morrer,
que bocexa farto de vermes e mortadela,
que leva debaixo da pel tódalas cicatrices da historia
e que ladra o seu rancor polas esquinas.
Vin un home cunha maza de miles de quintais,
un home moi forte, moi forte, moi forte, moi forte, moi forte,
tan forte que andaba polo mundo esmagando,
esmagábao todo,
sentaba o seu cu nas montañas
e esfondaba as montañas,
pisaba un país
e achaaba o país,
mexaba nunha cidade
e asolagaba a cidade,
bloqueaba unha nación
e a súa sombra mataba nenos e mais, e avoas e cans e gatos e formigas e árbores
e non chegaban o trigo nin a auga,
as medicinas nin as lentes,
as pernas ortopédicas nin os libros,
leite para tódolos nenos nin as tres comidas ao día.
Era un xigante moi forte, o máis forte,
era invencible
e petaba no peito imitando os gorilas. Petaba no peito
e ía deixando os seus excrementos enterrados polo mundo, os seus excrementos de uranio e metralla,
as súas minas antipersoa,
cando non inzaba unha terra de bombas
inzábaa de bonecos esparexidos desde os avións, bonecos con paracaídas
e cun detonante que só estoupaba no momento en que o collía un neno
ou o cheiraba un can coma min.
¡Ladro o meu rancor polas esquinas!
Eu son un can abandonado, non levo correa
e os ladridos e os dentes furiosos énchenme a boca
e vou deixando un escumallo polas rúas,
son un can danado. ¡O can danado, o can danado, coidado!
Aquel home que derrotaba a todos,
que esmagaba a todos,
que mexaba por todos,
aquel xigante cheo de prestixio,
atopou nunha ocasión outro xigante,
un xigante de pez, de brea, de piche, de betume, de alcatrán, de chapapote,
un xigante de asfalto que non lle respondeu,
que non se declarou vasalo nin lle cedeu as bases,
nin os avións nin os portavións,
nin se agachou perante el,
porque era de alcatrán e non falaba nin sentía,
era un xigante artificial e sen alma que non podía obedecerlle
nin cumprir a súa vontade.
E o xigante da maza enfadouse seriamente e amenazou con darlle unha labazada,
con zoscarlle unhas hostias,
con largarlle uns misís engadindo un pouco máis de perexil,
e como o outro non lle respondía levantoulle a man
e deulle un golpe.
A man quedou presa no alcatrán.
Para liberarse, o xigante golpeou coa outra, que tamén quedou presa,
e despois cunha perna
e despois coa outra
e tódalas súas extremidades quedaron presas do piche e da súa soberbia superpotente.
Como doutro xeito non podía e a carraxe afogábao, botoulle os dentes ao seu inimigo
e os dentes quedáronlle presos da brea,
a boca pegada no chapapote,
os pulmóns cheos de arrecendo a pez
ata que morreu consumido.
E eu, como non son mudo,
como teño lingua e boca
ladro o meu rancor polas esquinas
e ríome tanto que as bágoas saen disparadas dos meus ollos
e mexo enriba dos vómitos negros do xigante
e falo e afalo
e clamo no deserto e pido xustiza
e ergo o pescozo e ládrolle á lúa e aos ceos indolentes,
porque son un can, pero non estou mudo
nin cego, nin xordo,
nin manco e teño voz
e se hai que ladrar ladro:
¡Nunca, nunca, nunca, nunca máis!
E se hai que grallar, grallo, como o corvo de Poe que estaba americando:
¡Never more! ¡Nunca Máis!
Se hai que ornear orneo
se hai que bufar bufo
se hai que ruxir ruxo
se hai que mouchar moucheo
se hai que bear beo
se hai que rinchar rincho
Ladro, ladro,
ladro o meu rancor polas esquinas:
América para os americanos,
Irak para os americanos,
os votos galegos para os cans perdigueiros dos americanos.
¡Non! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis petróleo nas costas! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis nenas sen pernas en Timor! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis nenos mortos de fame en Tucumán! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis balas no ollo esquerdo dos nenos de Ramala! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis nenas sen clítoris en Etiopía! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis países invadidos! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis avións bombardeando! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis caciques que non son palleiros, son pallasos! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis dioivos de alcatrán e merda! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis vacas tolas e homes moito máis tolos! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis burkas postos pola forza moral dos que o saben todo e o poden todo! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis individuos con gomina na alma e luvas brancas nas mans limpas! ¡Nunca Máis!
¡Nunca Máis un só voto para eles! ¡Nunca Máis!
Sempre Galicia, sempre.
Sempre mascatos voando e garzas e mazaricos e panos e refaixos para a miña Manoela. ¡Sempre!
Sempre nenos e nenas sorrindo e rindo e avoas e avós e árabes e europeos e africanos e indios. ¡Sempre!
¡Sempre leite para tódolos nenos de Chile! ¡Sempre!
¡Sempre comida para todos tres veces ao día! ¡Sempre!
¡Sempre Quiero Tierra y Libertad! ¡Sempre!
¡Sempre non pasarán! ¡Sempre!
Sempre liberdade, igualdade e fraternidade! ¡Sempre!
¡Sempre unhas migallas e un agarimo para un can, aínda que ladre polas esquinas
e chore, coma un Pimentel, polas gabias!
Sempre e Máis Alá e a sotavento e o gabieiro e o rapaz.
¡Sempre!


Eu, que son un can e ladro o meu rancor polas esquinas
e marco nos sotos e nos soutos o meu territorio meu
porque non son mudo, aínda que o pretendan,
e me botasen un lazo e apretasen a correa ata case esganarme e deixarme sen voz,
eu canto, eu canto e digo
que ha chegar o día, ha vir o día
no que tódolos xigantes comecen a esfarelarse polos seus pés de barro,
ha vir o día, ha vir o día, xa veu,
xa veu, veu, veu ¡Veu! ¡Veu!
¡Veu! ¡Veu!
e vouno ladrando polas esquinas,
ladro polas esquinas,
ladro.

terça-feira, 4 de dezembro de 2007

MANIFESTO INDETERMINADO




MANIFESTO INDETERMINADO

A pantasma ignorada de Manuel Antonio percorre os camiños de Europa
e racha as cadeas nos suburbios de Roma,
as rodas, o pao da fogueira, o mastro,
a barbarie civilizada, a crónica atrofia da sensibilidade, o seguidismo artístico da metrópole,
a mocidade imbécil, os prosmas inxertados de raposo, a podredume interior, as pexas neocoloniais, as arráns académicas,
o aserrín encefálico, os mamaleites literarios, a indixente babelia madrileña,
os camiños vellos e fracasados, a negación da razón, as normas antinormativas, o letrismo inocuo, o individualismo inerme,
a literatura deportiva, os tónicos reconstituíntes, os versos estomacais, a divertida microcefalia hipercrítica,
a acrítica literaria,
o comando dos parvos, a imprensa trasamarela, o verbalismo afásico, o costumismo suxo, o costumismo desaforado e con aires de importancia,
o diálogo de besugos interior,
o método introspectivo, os narradores da súa propia idiocia, os sectarios do baleiro,
a retagarda monetaria, a incesante moralina práctica, a Compaña dos desnutridos,
os baladistas do baladí, ai, amor, os columnistas da quinta páxina,
os tipos serios que non coñecen a Marcel Schwob,
o inacabable bombardeo dos veciños colaterais,
o exército dos torpes, que xa elixiu coronel e comandante,
os réprobos medindo moito as súas amizades
e os prudentes, sempre coa súa nodriza da man.
Boto os dados contra o taboleiro da realidade para atopar o sorriso indeterminado do meu gato
e remexo no spleen do atardecer xogando ao guá cos bosóns e os neutrinos,
no labirinto azul dos días percorro os sotos en mil universos paralelos
que non poden por iso tocarse e en todos Lenin conversa con Castelao
e no meu barrio os nenos rodean con neumáticos o mastro da fogueira
no medio do verán
e préndenlle lume ao día como se fose unha nave vikinga inestimable
e en todos esqueces nalgún lugar a miña imaxe.
Cazador de cetáceos acuáticos que cantan a canción orixinaria e afirman a superioridade transcendental do socialismo,
entrégolle un panfleto máxico a un mozo ruso que se pegou un tiro no peito porque está aqueixado dunha dor sen remedio.
Iluminado violinista, o meu grilo cuántico sae cantar á beira da túa valvula mitral
e nas noites desconcertadas co seu coitelo de sílice fai a cabrafigadura das túas dendritas.
Durmindo á beira dun regato, despistado coma un mouro,
só vexo sombras subindo as escaleiras,
sombras que eran os eus doutrora que recollían á repañota o que o mundo lles botase:
días de chuvia, amores, silencios como pedras,
cancros, astenia primaveral, soños e pesadelos, primos convexos,
sol nas tardes de praia, amigos, as horas tumefactas
do miserable tardofranquismo, rúas sen beirarrúas,
noites perfumadas, magnolias, o colexio de pago,
as tardes desangrándose na noite coma un anxo homicida
e as estrelas remotas e se cadra inexistentes.
A realidade, soterrada baixo séculos de propaganda e ideoloxías tumescentes,
non é máis ca unha jenny haniver. Precisa o método do ruina montium
para acadar as súas médulas intransitables.
Pola rede amazónica das miñas veas viaxa un fitzcarraldo ateigado de pianos
que levantou na caverna cuaternaria da miña aurícula esquerda, entre estalactitas e estalagmitas, unha ópera selvática,
tras o arrobamento de descubrir, á caída dos ideoloxemas, a apoteose das melancolías,
e como Lewis e Clark vai río enriba ata atopar as fontes do tedio
que cega como se fosen os ollos da Medusa.
Co dedo maimiño remexe na copa de champán do multiverso
para decidir ao azar o spin das partículas elementais.
Apúntame de veras á revolución francesa
e limpa con esmero o nome de Robespierre, como unha prezada moeda.
O meu grilo especular ten o seu tobo no arco da túa aorta
e tódolos seus compañeiros, que lle chaman Paganini,
fregan as ás autómatas cando che falo ao oído
e fan un coro lendo cada un máis alá o seu manifesto,
perdendo de novo os pasos perdidos
e arrepañando os anacos embalorecidos do pasado, que eu abanei cunha baloira
para que podan soutalos os fillos anoréxicos da avangarda
e para que os mozos do exército vermello leven no peto esquerdo, próximo ao corazón
o sorriso magnífico da raíña moura e a lembranza dunha estampida de bisontes
que saudaban bruando dese xeito o paso de Cabalo Tolo, noso Rei Sebastião
que foi e ha volver.

domingo, 11 de novembro de 2007

TITÁNS



O mariñeiro
coma un titán ergueu na man o mundo e defendeu a boca das rías,
el, que en días mellores pescou na súa gamela co mesmo Santo Martiño, cando coa capa rota pasaba fame, e viu cos seus ollos, eses ollos largacíos que ollan máis lonxe que o faro de Corrubedo, como o santo devolvía un peixe ó mar, aínda que lle deixase as marcas dos dous dedos a ambos lados do lombo;
el, que oíu como a Virxe poñía paz entre o congro e a pescada, e soubo onde vivía a mai da sardiña, e coñece os cons onde aniña o ourizo violáceo;
el, que adiviñou o rastro da lura xigante e arrincou unha perna da boca do tiburón branco, que sabe o sitio exacto onde San Guillerme caeu co seu bocoi e derramou o viño, que navegou na compaña do golfiño e do arroás, que largou a nasa nun lugar ignorado e trouxo coas centolas areas do fondo e un peite de serea;
el, que remou e singrou e recibiu no peito a alba que chegaba de sotavento e a noite que caía de couso a arca;
el, que non escacha nas súas mans de xigante os ovos delicados do mascato e do corvo mariño e que ten un sorriso branco de ardora e uns ollos fondos coma cantís;
el e ela, que tecen cos seus dedos a rede do día e da noite, da alba e do solpor, do luscofusco e da esperanza;
ela e el.
Os mariñeiros
remataron a obra de Deus, limparon as praias, as penas, os acantilados, as rochas, as illas, as areas, e das súas mans marabillosas xurdiron de novo as alosas, os escarapotes, os bois, as lagostas, o lumbrigante, as estrelas de mar, as buguinas, as lapas, os argazos, o peixe-sapo, os camaróns.
Cando as súas mans recollían chapapote ían sementando o mar
e as súas bágoas ateigaron de larvas e de anémonas as ondas
e de gratitude as terras.
Mentres eles, novos Prometeos, sufrindo, nos devolven o mar,
alá lonxe, ó ministro Raj-oil íalle medrando e medrando e medrando o nariz
e os dous presidentes de xoguete, os dous bonecos de pao, facían poucas cousas e dicían moitas que nunca van ter nin esquecemento nin perdón.
Nin perdón nin esquecemento.
Nin perdón nin esquecemento, porque os voitres só se alimentan de preas e do fígado dos titáns
ata que lles retorcen o pescozo.