domingo, 11 de novembro de 2007

TITÁNS



O mariñeiro
coma un titán ergueu na man o mundo e defendeu a boca das rías,
el, que en días mellores pescou na súa gamela co mesmo Santo Martiño, cando coa capa rota pasaba fame, e viu cos seus ollos, eses ollos largacíos que ollan máis lonxe que o faro de Corrubedo, como o santo devolvía un peixe ó mar, aínda que lle deixase as marcas dos dous dedos a ambos lados do lombo;
el, que oíu como a Virxe poñía paz entre o congro e a pescada, e soubo onde vivía a mai da sardiña, e coñece os cons onde aniña o ourizo violáceo;
el, que adiviñou o rastro da lura xigante e arrincou unha perna da boca do tiburón branco, que sabe o sitio exacto onde San Guillerme caeu co seu bocoi e derramou o viño, que navegou na compaña do golfiño e do arroás, que largou a nasa nun lugar ignorado e trouxo coas centolas areas do fondo e un peite de serea;
el, que remou e singrou e recibiu no peito a alba que chegaba de sotavento e a noite que caía de couso a arca;
el, que non escacha nas súas mans de xigante os ovos delicados do mascato e do corvo mariño e que ten un sorriso branco de ardora e uns ollos fondos coma cantís;
el e ela, que tecen cos seus dedos a rede do día e da noite, da alba e do solpor, do luscofusco e da esperanza;
ela e el.
Os mariñeiros
remataron a obra de Deus, limparon as praias, as penas, os acantilados, as rochas, as illas, as areas, e das súas mans marabillosas xurdiron de novo as alosas, os escarapotes, os bois, as lagostas, o lumbrigante, as estrelas de mar, as buguinas, as lapas, os argazos, o peixe-sapo, os camaróns.
Cando as súas mans recollían chapapote ían sementando o mar
e as súas bágoas ateigaron de larvas e de anémonas as ondas
e de gratitude as terras.
Mentres eles, novos Prometeos, sufrindo, nos devolven o mar,
alá lonxe, ó ministro Raj-oil íalle medrando e medrando e medrando o nariz
e os dous presidentes de xoguete, os dous bonecos de pao, facían poucas cousas e dicían moitas que nunca van ter nin esquecemento nin perdón.
Nin perdón nin esquecemento.
Nin perdón nin esquecemento, porque os voitres só se alimentan de preas e do fígado dos titáns
ata que lles retorcen o pescozo.

2 comentários:

BNG-FENE disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
BNG-FENE disse...

Noraboa pola páxina

www.radiofusion.eu