sábado, 24 de novembro de 2007

Presentación de "As mans do medo"



A continuación as notas que lle serviron a Marcos Valcárcel para a presentación de "As mans do medo":

1. Escritor total, plural nos xéneros e temáticas, estilo coherente e consolidado, capaz de adentrarse en rexistros moi diversos, ousado na apertura de novos campos da realidade literaria, cunha carreira xa longa e plena, sen rupturas nin irregularidades no conxunto da súa obra.
Neste sentido, estamos a falar dunha novela de adultos, amena na lectura e áxil nas súas estructuras narrativas, pero densa nos seus significados: un mundo que se conta dende o pracer de narrar, deixando sempre novas fiestras e buratos abertos á interpretación da realidade.
Experiencias anteriores na literatura fantástica: O demo na orella; A biblioteca da iguana; Vestio (Nigra).

2. Un dos principais valores de AS MANS do medo é a súa diversidade, a pluralidade de perspectivas que abre, a súa capacidade para relacionarse con outros relatos e outras historias por riba do tempo e do espazo.

Para min ten varias obras mestras do relato curto, xénero con tanto cultivo e éxito na nosa contorna cultural.
Velaí As mans do medo; Seis dedos; Mondoñedo; O lambirón, entre outros.

En todos eles o autor amosa un evidente dominio de todo tipo de recursos narrativos, pero presentados estes coa maior espontaneidade e fluidez, sen que causen “ruídos estéticos” no lector e sen que se note, cando menos na primeira lectura, a fonda argamasa da estrutura que sostén cada un dos relatos.

En As mans do medo
Imolo contar: inicio dun rexistro popular. Conto das mans autónomas (as man viva). Angustia. Desespero. Dominación do Estraño. Incertidume. Medo á enfermidade.
Moderno Frankestein (guiño final). Control dunha personalidade por unha forza estraña. Usurpación, do invisible ó visible: o tema clásico do Dobre.
Seis dedos
Con varias constantes comúns co relato anterior.
Figuraba xa na “Antoloxía do conto galego de medo”, de Silvia Gaspar (Galaxia)
Mondoñedo está máis perto do relato tradicional, de xinea foleana, sabendo sacar todo o partido posible do mundo das aparicións e premonicións. A escolla da fórmula epistolar é moi oportuna e permite crear un ritmo narrativo en continua tensión e suspense, aínda que non nos custe adiviñar un final que tanto sospeitamos como tememos.

O lambirón fala da transformación dos seres e retrotráenos ó mundo das sereas e dos monstros mariños. Un mundo que mesmo cautivou a Otero P. (“A serea”) e xa non falemos de Álvaro Cunqueiro, con quen este relato debe ter débedas evidentes.
Anxos da garda leva ó lector da man, xoga con el coma quere, asolágao no fatalismo e no absurdo para estoupar finalmente nun rexistro de sorpresa que ten acenos plenamente cinematográficos. Ou tamén pictóricos: podería ser unha magnífica pintura de Munch ou de calquera dos grandes pintores simbolistas.
O éxito da ocultación, o non descubrir todas as cartas da baralla, é unha das razóns da eficacia literaria de A neve e a cadeira.
O mundo dos soños, a angustia desesperada, o prodixio da fantasía e o xogo das reviravoltas das situacións narrativas dominan o Primeiro calafrío.
A brevidade marca moitos destes textos, como Segundo Calafrío, onde se busca o resultado do “impacto” (perdón, don Vicente Risco, que non nos perdoaría o uso desta palabrota) mesturado cos xogos do humor e na lindeira do xénero do “chiste” breve.
Un conto de reis lémbranos en cambio o rexistro clásico do conto de nadal, se se quere algo moralizante e de sabor amargo, dickensiano na súa final realización. Pero ten sobre todo o interese de xogar coa equivocatio narrativa e crear, malia a súa brevidade, chispazos de sorpresa e emoción de fonda eficacia.

3. O mérito do Xosé Miranda é o dos grandes escritores: cos vimbios de sempre, pois todas as historias están xa contadas dende os clásicos e dende os antigos, crear historias novas, que rezuman mocidade e nos deixan un saboroso gusto na boca, desexosos de xantar algunhas máis.
Sabe, en definitiva, axuntar a tradición dos contos de sempre coa modernidade dun escritor do século XXI.
Un escritor que, estou ben seguro, leu e debullou con agrado a obra dos mestres, dende Edgar Allan Poe, Mary W. Shelley e Lovecraft ata os nosos Cunqueiro, Dieste e Fole, pasando por unha longa xeira de referencias literarias, pictóricas e cinematográficas entre as que quizais se encontren nomes como Borges, Cortázar, o cine de terror de serie B ou, por qué non?, a fantasía desbordada das nosas cantigas de escarnio medievais ou dos argumentos surrealistas e plenamente fantásticos de tantos dos milagres das Cantigas de Santa María de Afonso X. Nese mesmo eido traballaron algúns grandes escritores galegos: Fole, Cunqueiro e Dieste, dende logo, en primeira fila, pero tamén o Antón Risco, o Carlos Casares de “Os escuros soños de Clío” ou algúns textos de Bieito Iglesias (A noite das cabras do aire).

4. REMATE. Seguindo este fío, gustaríame rematar cunha pregunta para debate ou achega a unha posible reflexión que a propia obra de XOSE MIRANDA xa está a responder, pero que tamén me gustaría escoitar directamente do autor a súa opinión ó respecto.
Sobrevivirá o conto tradicional galego á desaparición do contexto, a Galicia arcaica e tradicional, na que esas historias xurdiron ?
Deberá modernizarse o relato de terror galego para manter a súa vixencia e plena eficacia narrativa ó longo do século XXI?
E como imaxina o escritor Xosé Miranda esa posible modernización do relato de terror tradicional dende os tempos de hoxe?

2 comentários:

Oulego disse...

Disfrutei dabondo coa súa obra As mans do Medo, que acabo de ler. Gustáronme especialmente o relato que abre o libro (As mans do medo, para min o mellor) e o que o pecha (Mondoñedo). Concordo con M. Valcárcel na pegada Kafkiana dos calafríos, e tamén percibo neles a pegada de Quiroga (o primeiro calafrío lembroume ao conto de Quiroga no que un pequeno monstro escondido na almofada lle zuga o sangue a unha moza). Tamén leo decote os seus sabios artigos da Nosa Terra. Que siga vostede igual. Agora que escasea o sentido común, é máis importante ca nunca que existan persoas coma vostede.

Xaime disse...

Felícitote pola presentación do teu libro, é en canto lle de unha ollada, xa che comentarei.
Noraboa, tamén polo bloc. Xaime