Mostrando postagens com marcador mitoloxía. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador mitoloxía. Mostrar todas as postagens

sexta-feira, 25 de janeiro de 2008

MEIGAS E VAGALUMES (I)



Entre os ewes africanos crese que as bruxas, pola noite, deixan saír do seu corpo inmóbil outro corpo, o adze, un espírito vampiro que vai chuchar o sangue dos seres vivos, entre eles os humanos (preferiblemente nenos). Se non atopan sangue, o adze chucha aceite de palma ou leite de noz de coco. Tamén chucha o diñeiro facéndoo desaparecer, deixando así máis miserables aos pobres. Ademais, este auténtico azoute non pode ver aos indixentes que el mesmo crea: se os atopa dálle rabia e mátaos devorándolles os intestinos. Voan na noite como luciñas. De preto vese que son vagalumes que se amorean sobre o lixo e os vertedoiros. Capturados retornan á forma humana.
O lector se cadra xa recoñeceu unha serie de constantes que se repiten en Galicia con respecto ás meigas ou bruxas: poden converterse en insectos; poden deixar o seu corpo durmindo mentres o “corpo astral” fai a súa nefanda tarefa; sofren no corpo verdadeiro os efectos dos golpes no corpo dobre; capturadas ou descubertas recuperan a forma humana ou amosan no corpo humano as feridas que corresponden ao outro; saen pola noite chuchar sangue (meiga chuchona), sobre todo de nenos; son caníbales; rouban e prexudican aos pobres; vense en forma de luciñas. Falta unha cousa: o vagalume. Falta de verdade? (Por certo, a bruxa tamén pode converterse en curuxa e desa forma beber o aceite das lampadas da igrexa ou outras).
Exemplo: Había un matrimonio ao que lle morrían tódolos fillos. Tiveron unha filla. Foron buscar o cura para que a sacramentase. O cura, cando ía facelo, reparou nuns furados que había nas sabas da pícara e dixo:
—Estanvos a secar a filla e non sei quen será. Pero heino saber.
Desfixo rapidamente a cama e atopou unha araña que lle estaba a chuchar o sangue á nena. Tirouna no chan e esmagouna co pé.
—Aínda xogo algo a que a meiga que seca a nena é a meiga de Ferrocente, a vosa veciña.
—¡Non llo creo!
—Pois pilla o candil e vente canda min.
Foron, logo, e botaron a andar polo medio da neve. Chegaron á casa da meiga e petaron na porta. Ninguén lles contestou. Abriron e atoparon a vella morta na cama, coa cabeza esmagada.

Na illa de Cagayan Sulu, Filipìnas, os berbalangs son bruxos que se alimentan de carne humana. Arríncana dos cadáveres (por iso hai que velar aos mortos). Se non teñen cadáveres, os berbalangs transfórmanse en vagalumes, pasan ao interior do corpo das víctimas e devoran (desde dentro) as súas vísceras. Para evitalos, hai que utilizar unha determinada pedra ou un coitelo mollado en zume de lima.
De novo o lector recoñeceu, sen dúbida, as prácticas das strigas romanas que devoran cadáveres (sustituíndo as vísceras por palla) e das meigas galegas que botan o meigallo: ese demachiño ou tangaraño que te vai devorando por dentro. Tamén os amuletos de remedio (alicornio, coitelos de ferro, auga bendita). Mais falta o vagalume. De verdade falta?
Nas Illas Trobriand, as bruxas vólvense invisibles ou talvez proxectan do seu corpo outro, un dobre invisible, o mulukwansi, que vai ao lugar onde haxa un morto recente.

sábado, 10 de novembro de 2007

Cow-lady



A Coccinella, a mariquitiña, ese animaliño con ás e que voa con Deus. Era eu neno e cando collíamos unha mariquita (en Lugo chamabámoslle así, seica con nome español, aínda que eu creo que tamén é nome galego, de feito, mariquiña e mariquitiña son o mesmo nome. Volverei a isto) poñíamola na man e deixábamos que nos subise polos dedos, como se os contase de un en un. A mariquitiña buscaba un punto alto desde o que poñerse a voar: a xema dun dedo. Dicíamoslle: Voa, voa, —e soprábasmoslle para axudala. Ninguén mataba unha mariquita, aínda que matásemos a case tódolos outros animais (menos as anduriñas, os carrizos, os paporrubios, os arcángeles). A mariquita era de Deus, era boa.
Bouza-Brey dedicou un traballo aos nomes e tradicións da Coccinella en Galicia. Outros, como tal Rielo, tamén recolleron o seu. Moitas das formuliñas que se lle dedicaban aparecen no delicioso libro de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey, Lerias e Enredos para os máis pequenos. Pero hai moito máis. Vexamos exemplos e tiremos conclusións.
A Mariquitiña
a) leva moitas veces nome de muller, é unha delicada fémina (no pensar do camponés): Mariquitiña, Xoaniña, Maruxiña, Margarita, Mariposiña, Costureiriña, o mesmo aquí que no resto de Europa; en España, Mariquita, Catalina; na Toscana, Lucia; etc En inglés é cow-lady, ladycow, ladybird, ladybug, ladyfly.
b) é un animal das mulleres: na Alemaña, polo das mulleres, vaca das mulleres.
c) está dedicado á Virxe María: bicho da Virxe (suíza), galiño de María, Jungfrau Marias, (Alemaña), vaca da Virxe (Anglaterra) ou a santa Lucía (a santa da luz)
d) é de Deus: na Galicia, bichiño de Deus, cuquiño de Deus; en Rusia, “Pequena Vaca de Deus”, Boszia Karovka; na Alemaña, paxariño de Deus, cabaliño de Deus, vaca de Deus. En sánscrito era Indragopa, protexida por Indra.
e) está dedicado a outro santo: a san Miguel (Piamonte), a san Nicolás (Sicilia), a san Antón (España). Volveremos sobre isto.
f) é do sol (porque é vermella, e ista é a clave, o sol é o verdadeiro Deus): así se lle di Papasol, Pitasol (a pita do sol), e se lle pide que faga bo tempo: Reichín, Reichín, vai e dille ao teu padrín que mañá faga un día de solín; Papasol, Papasol, dille ao teu pai que mañán faga sol. —Ou mándaselle voar e ir ao sol (sen dúbida a pedirlle bo tempo): Pitasol, Pitasol, ensíname os panos e vaite ao sol (os panos son as ás que leva recollidas)
g) se non é de Deus nin do sol, é do ceo: animaliño do Ceo (Alemaña), e pídeselle que voe ao ceo: Voa, voa, que che hei dar pan e cebola.
h) como é vermello, é substituto do sol e é Rei ou cando menos, é dourado, de ouro: en Galicia, Rei-Rei; en Asturias, Reichín (o pequeño Rei), en Anglaterrra, Golden Knop ou Golden Knob (botón dourado, nó dourado)
i) outros nomes aluden á cor: Cascarrubia, Coccinella (que é escarlata), Aveloiriña.
j) é un polo ou unha pita:. No Piamonte : La galiña d`San Michel Buta j ale e vola al ciel ; en Alemaña, galiño de María, galiño do sol, paxariño do sol, galiño de Ouro; en Galicia, Pitasol, Aveloiriña; en Sicilia, palumedda, pombiña.
k) é unha vaca ou un xato: Boszia Karovka Paleti na niebo bog dat tibié hleba (en ruso, Pequena vaca de Deus, voa ao ceo, Deus darache pan) ¿Qué lle dicíamos nós? : Vola, vola, heiche dar pan e cebola —ou: Cóntame os dedos e vaite con Dios. Na Alemaña: xatiño do sol, vaquiña das mulleres (que a invocaban para ter leite e manteiga); en España, vaca de san Antón, etc
l) é un cabalo: cabaliño de Deus (Alemaña). En Calabria, o escarabello verde dourado, a Cetonia aurata leva, en cambio, o nome de cabalo da Lúa. ¿Casualidade? Non parece.
m) xa que pode facer de intermediario con Deus, ou coa Virxe (ou a Deusa) ou co sol, pode adivinar o tempo. Así se lle chama Adiviñón, Deviñón, Sabiñon, así se lle di: Cascarrubia, Cascarrubia, dime se mañá vai haber sol ou chuvia; —ou: adivina, Adiviñón, se mañá fai sol ou non.
n) xa que é trasunto do sol, algo ten que ver co lume. Dinlle os nenos ingleses: Cow-lady, cow-lady, fly away home your house is all burnt, and your children are gone. E na Alemaña: fuxe, fuxe, que a túa casa arde.

sexta-feira, 9 de novembro de 2007

Bestia tartaruca



Sorpréndense moitos galegos cos nomes que os quelonios teñen no noso idioma. Son nomes moi raros, din, tartaruga e sapoconcho. Cren que son inventos dos filólogos. Ou mellor dito: que o primeiro é invento dos filólogos (en vez de tortuga, “que se dixo sempre”) e o segundo, a ocurrencia incomprensible do pobo, que nos aílla de nomes máis comúns, como galápago (castelán e portugués), tortoise e turtle (inglés), tortue (francés) ou testudo (latín).
Pero non. Tartaruga é tamén o nome común dos quelonios en italiano e en portugués, idioma este no que, ademais, existen formas como galápago, sapo-concho, cágado (!) e camba. E o nome, tartaruga, remítenos inmediatamente ao idioma…grego.
Para os antigos gregos, o Tártaro é unha rexión dos Infernos (ou sexa, do que está abaixo), a máis fonda e máis afastada, a que está debaixo mesmo dos Infernos propiamente ditos. Lugar de reclusión dos cíclopes, que despois foron liberados por Zeus en persoa na súa xigantomaquia, ou sexa, na loita contra os titáns e os xigantes. Lugar ao que os xigantes (Ticio, Tántalo, Ixión, Sísifo) foron condenados e cárcere onde sufren tormentos terribles (que nesta xeografía do espanto os cristiáns tiveron mestres clásicos). Espazo polo que corre o Flexetonte (río no que as augas ferven).
Queda claro: o Tártaro está debaixo e nel practícase a tortura. E din algúns que a causa da fealdade e repugnante aspecto da tartaruga (aspecto que lembra a vellez, a secura, a decrepitude, o estraño e diferente) creron os gregos que só podía proceder dun lugar remoto e inaccesible: do Tártaro. Calquera que vise as imaxes das pequenas tartarugas saíndo do fango ou da area, directamente do interior da terra (imaxes ás que todos estamos afeitos pola televisión) comprenderá a causa. Por iso lle chamaron tartaroukhos. (Isto é, habitante do Inferno). E os romanos, tartarucus, Bestia tartaruca, besta do Tártaro. Despois veu o cristianismo, e os habitantes do inferno pasaron a ser demos. Logo tartaruga=demo.
Claudio Eliano di: “Tamén as tartarugas proveñen de Libia. O seu aspecto é horrendo, viven na montaña e a súa caparaza pódese usar para facer liras”. Engadamos que o deserto de Libia é un trasunto do Tártaro, que máis abaixo comprenderemos a súa relación coas montañas e que de tartaruga era a lira de Orfeo, quen baixou…ao Tártaro. De feito o nome de Libia procede dunha deusa Libysa ou Libitina, que é o mesmo que Proserpina. Os servicios libitinarios eran os de pompas fúnebres.
Fagamos un inciso sobre os cíclopes. En galego son chamados olláparos ou ollapíns, ojancos ou ojáncanos en castelán, olharapos en portugués, Tártaro ou Torto en vasco. Neste nome do cíclope vasco recoñecemos a orixe infernal desta caste de ogros (Ogro, orco: o propio inferno) e de paso vemos como da forma tarta se pasa á forma torto. Ademais outras dúas cousas. A primeira que o nome torto pode parecer transparente (torto, que só ten un ollo), pero como sabemos os galegos torto é tamén o que non está dereito, o que se torce, o que é curvado. Como un ollo só no medio da fronte, enorme, xigantesco. Coma unha cuncha de tartaruga. Como tal, o que está combado, cambado. Camba é un nome de tartaruga brasileira. A segunda, que hai un ogro húngaro que se chama, precisamente, Tártaro, e que ten cabeza de can. Mais os cíclopes tiñan cans, os olláparos e ojancos teñen cans e Tártaro vai sempre acompañado pola súa mascota, o Olano, que ten cabeza de can.
Mais, será esa (a fealdade, a rareza) a verdadeira razón de que o sapoconcho sexa a Bestia tartaruca?
Os hindús teñen unha epopea, a Kûrma Purâna, na que se narra que Vishnú se encarna en tartaruga. Non existe aínda a terra e o mar non ten fondo. Para axitar ese mar de leite primixenio baixa a tartaruga divina e cos seus movementos crea a ambrosía, da que procedemos todas as criaturas. O mar de leite bateuse coa montaña mandara (ás veces chamada monte meru) e a tartaruga serviulle de apoio, termouna. Na concepción india o mundo descansa sobre unha tartaruga, que é o que está máis abaixo de todo: no tártaro.
¿Observou xa o lector que esta tartaruga é o mesmo Leviatán? ¿Observou que é a balea primordial? Que é a balea de Simbad e de San Barandán?
Pois ben: a montaña mandara e a tartaruga chegaron a fundirse, a confundirse. Porque manda siñifica lento, preguiceiro, ebrio, tardío, convexo, curvo, coxo. Así, a propia terra que sae das augas, coma unha illa, é chamada en sánscrito Kûrma, ou sexa, tartaruga. Di Chocod que a tartaruga primordial ten a cuncha redonda por riba para representar o ceo e cuadrada por debaixo para representar a terra. É sabido que as lebres simbolizan a Lúa. Se as tartarugas simbolizan a Terra, que vén sendo a carreira da lebre e a tartaruga?
Polo visto, os galegos non somos tan raros: o nome da tartaruga é o lóxico. E si noutros idiomas europeos se pasou da forma tart á forma tort tampouco é tan estraño. Os españois teñen as formas torta e tarta con siñificados disímiles, aínda que conectados. Por certo, torta debe facer referencia á súa forma curvada. Non é un toro unha rabanda redonda? E a tortuga, non é curvada? Será esa a razón do cambio tartaruga-tortuga, que esta segunda forma reforza o senso de “torto, torcido, curvo”… O sánscrito kûrma parece relacionarse co latín curvus… Penso que o cambio se deu a través da forma occitana tartuga, que pasou ao francés como tortue e de aí ao inglés, e ao catalán e español como tortuga. E a tortura, terá que ver co nome do Tártaro, co retorto, co tortuoso, co torvo, cos tormentos e as tormentas, coas tartarugas? E se Lewis Carroll, cando fixo o xogo de palabras tartaruga-tortura (turtle-torture) en realidade non fixo un xogo de palabras?
Cando as píntegas e os sapos se volven vellos van perdendo o seu veleno, vanlles saíndo conchas no lombo e na barriga, as conchas fusiónanse nunha soa e convírtense en sapoconchos. Pero como a conversión se fai a paso de tartaruga, ninguén conseguiu vela.
Pertence este texto ao libro “Cando os animais falaban”, no que se reúnen moitos mitos galegos. Este é un máis. Pero é un mito que trata de explicar a orixe dun nome, o do sapoconcho (en portugués, sapo-concho): un sapo con cunchas, así de fácil.
Somos moi raros os galegos? De onde sacaríamos tal cousa? (Sendo mito común a galegos e portugueses, debe ser vello, anterior ao Rei García, le petit roi de la Galice). Como de vello?
Vimos no anterior artigo que a tartaruga é unha besta infernal. Semellar, seméllase ben a un sapo con cunchas, non se pode negar. Semellar, seméllase. E que hai do sapo?
En alemán chámase kröte, en italiano rospo, en español escuerzo (e sapo), en francés crapaud, en catalán gripau. Todos estes nomes deben ter relación. A pouco que un se fixe, téñena. Deben estar relacionados co croar. Pero sapo non. De onde vén sapo? É onomatopea. Mais onomatopea polo son que fai ao caer na charca. Sap! En latín era Bufo. E que se conta del?
Que é un becho demoníaco, infernal. Que é velenoso, que se che mexa hanche caer os dedos, ou os ollos, que te deixa cego, que o mexacan, que é o seu mexo, fai que che saian, alá onde che toca, unhas verrugas con forma de sapo, que ten aire de sapo, alento de sapo, que fascina coa ollada, que é unha das formas das bruxas, dos demoños, do demo mesmo, que se se lle dá pan a un sapo é moito pecado e que ademais son os nenos da meigas: nacen do parto das meigas despois de que copulen co demo. Tamén nacen das gotas de chuvia no verán. A graxa do sapo forma parte do cacho das bruxas. É un elemento indispensable para facer maleficios: se metemos o nome dunha persoa escrito nun papel na boca dun sapo, esa persoa acaba por morrer consumida. Se empalamos un sapo ao sol pensando nunca persoa, a persoa morre co sapo, se lle damos a mamar ao sapo roupa de alguén, ese Alguén anda rabioso e non sabe por que, etc. E se un sapo incuba un ovo de galo (¡) nace un basilisco, a máis terrible fera concebible. En suma, o sapo é o máis velenoso e infernal dos animais. Vén do mesmo inferno. Como a tartaruga.
Pero só en Galicia? Desde logo que non. Na Toscana o sapo é batto, e así din: Batta, gragna, il figlio dil re che poco ti ama… (Sapa, saraiba, o fillo do rei que non te ama…), relacionando o sapo co pedrizo (e de paso coas rás, granotas en catalán, grenouilles en francés. Os nomes da rá son onomatopeicos. As rás croan. O granizo e a chuvia son cousa súa). En Sicilia o sapo trae sorte- Hai que coller un e telo na casa, preso. (Como aquí os grilos, que xa expliquei noutro artigo que son demachiños. Tamén o son os sapos). Aliméntano con pan e viño (Ou sexa, practican a maxia negra e dánlle os alimentos de Cristo, xustamente o que en Galicia é sacrilexio), porque lle teñen medo, xa que son “xenios incomprendidos” que poden vir de noite e cegarte co seu mexo. En Alemaña existe a mesma idea, mais con respecto á salamántiga, a pinchorra.
E como un principio da medicina popular é que as enfermedades se curan co seu axente causante, para evitar a peste levábanse sapos secos nas axilas, en Alemaña, e sapos vivos colgados do peito, en Galicia, contra os malpartos. Máis tarde pasouse ao símbolos, os acibeches chamados sapos e as pedras bufonitas. E claro, xa que sapos e píntegas son en realidade larvas de sapoconcho, en Plinio o antídoto do veleno de sapos e pinchorras é o caldo de tartaruga. Di Cirlot que o sapo é “o aspecto inverso e infernal da rá”. Claudio Eliano (Historia dos animais, libro XVII, 12) di que é letal na bebida e de “contemplación nociva”: “Un destino similar (a morte) acontece a quen olla un sapo. O home que vexa este animal e o olle en fite advertirá que o sapo, segundo o que lle dicta a súa propia caste, volve tamén unha ollada fixa e, ao tempo, bota un hálito natural para el e pernicioso para a pel humana; así que o home pónse pálido, ata o punto de que quen non o coñeza pensa que está vendo un doente.”
Pois ben, se a tartaruga vén do inferno e o sapo tamén e se se parecen, será que son o mesmo, xa que simbolizan o mesmo. Son animais ctónicos e apegados á terra. “O sapo come terra e bebe as gotas do orballo. E queda vivo enterrado na terra, mesmo no medio das pedras, no medio dos torrós, dun ano para outro. E, ao chegar o bo tempo, sae literalmente da terra. Como as tartarugas pequenas.
O sapo é un animal inmundo, ou sexa, vén do mundus, do inframundo. É a mesma terra. E bebe orballo porque o orballo vén da lúa. Así pois a tartaruga e o sapo, aínda sendo animais “acuáticos”, simbolizan a terra. A rá e a lebre simbolizan a lúa.
Somos raros? Non tanto. Xa dixen que o nome alemán do sapo é kröte. E o da tartaruga? Schildkröte: sapo con escudo.
E os cágados? En galego son as larvas dos anuros, vale decir, de rás e sapos. En portugués, moi ao contrario, son as tartarugas de auga doce, os galápagos, sapo-conchos. Como é isto? Moi fácil: o sapo e a tartaruga son o mesmo animal.
Como se chama logo en portugués a larva da rá? Evidente: cabeçote. Como en Lugo: cabezolo. O cal me produce outra dúbida, pois é claro que o nome latino da bestia tartaruca, testudo, ten relación con cabeza, testa. Non? –Aínda que isto sexa polas cunchas, testa, tixolos, tellas, e a cabeza estea protexida polos ósos do cranio, un verdadeiro escudo, testudo.
E, tirando do fío, na Fonsagrada chámanlle cácabo….ao alevín da troita. O da rá é cullarapo. En fin, o extraño nome da larva en castelán, renacuajo non é tan misterioso como parece: rana-cágado, renacuajo. Máis misterioso semella de entrada que os dicionarios galegos fagan vir cágado do prerromano calaccapu e os portugueses do latino cacitu. Mais o de calaccapu cadra ben: caída do l intervocálico, fusión dos ás, caácapo, cácado, cágado (e cácabo). Calaccapu ata se asemella (e moito) a cullarapo. E por riba é trivial que galápago perde o seu misterio: galápago, calaccapu.
Resulta que galápago e cágado son a mesma palabra! Os portugueses teñen razón: primeiro foi o nome da tartaruga e só despois pasou a designar a larva do sapo (e da rá).