sexta-feira, 25 de janeiro de 2008

MEIGAS E VAGALUMES (I)



Entre os ewes africanos crese que as bruxas, pola noite, deixan saír do seu corpo inmóbil outro corpo, o adze, un espírito vampiro que vai chuchar o sangue dos seres vivos, entre eles os humanos (preferiblemente nenos). Se non atopan sangue, o adze chucha aceite de palma ou leite de noz de coco. Tamén chucha o diñeiro facéndoo desaparecer, deixando así máis miserables aos pobres. Ademais, este auténtico azoute non pode ver aos indixentes que el mesmo crea: se os atopa dálle rabia e mátaos devorándolles os intestinos. Voan na noite como luciñas. De preto vese que son vagalumes que se amorean sobre o lixo e os vertedoiros. Capturados retornan á forma humana.
O lector se cadra xa recoñeceu unha serie de constantes que se repiten en Galicia con respecto ás meigas ou bruxas: poden converterse en insectos; poden deixar o seu corpo durmindo mentres o “corpo astral” fai a súa nefanda tarefa; sofren no corpo verdadeiro os efectos dos golpes no corpo dobre; capturadas ou descubertas recuperan a forma humana ou amosan no corpo humano as feridas que corresponden ao outro; saen pola noite chuchar sangue (meiga chuchona), sobre todo de nenos; son caníbales; rouban e prexudican aos pobres; vense en forma de luciñas. Falta unha cousa: o vagalume. Falta de verdade? (Por certo, a bruxa tamén pode converterse en curuxa e desa forma beber o aceite das lampadas da igrexa ou outras).
Exemplo: Había un matrimonio ao que lle morrían tódolos fillos. Tiveron unha filla. Foron buscar o cura para que a sacramentase. O cura, cando ía facelo, reparou nuns furados que había nas sabas da pícara e dixo:
—Estanvos a secar a filla e non sei quen será. Pero heino saber.
Desfixo rapidamente a cama e atopou unha araña que lle estaba a chuchar o sangue á nena. Tirouna no chan e esmagouna co pé.
—Aínda xogo algo a que a meiga que seca a nena é a meiga de Ferrocente, a vosa veciña.
—¡Non llo creo!
—Pois pilla o candil e vente canda min.
Foron, logo, e botaron a andar polo medio da neve. Chegaron á casa da meiga e petaron na porta. Ninguén lles contestou. Abriron e atoparon a vella morta na cama, coa cabeza esmagada.

Na illa de Cagayan Sulu, Filipìnas, os berbalangs son bruxos que se alimentan de carne humana. Arríncana dos cadáveres (por iso hai que velar aos mortos). Se non teñen cadáveres, os berbalangs transfórmanse en vagalumes, pasan ao interior do corpo das víctimas e devoran (desde dentro) as súas vísceras. Para evitalos, hai que utilizar unha determinada pedra ou un coitelo mollado en zume de lima.
De novo o lector recoñeceu, sen dúbida, as prácticas das strigas romanas que devoran cadáveres (sustituíndo as vísceras por palla) e das meigas galegas que botan o meigallo: ese demachiño ou tangaraño que te vai devorando por dentro. Tamén os amuletos de remedio (alicornio, coitelos de ferro, auga bendita). Mais falta o vagalume. De verdade falta?
Nas Illas Trobriand, as bruxas vólvense invisibles ou talvez proxectan do seu corpo outro, un dobre invisible, o mulukwansi, que vai ao lugar onde haxa un morto recente.

Nenhum comentário: