quinta-feira, 31 de janeiro de 2008

Xudíos, hebreos, israelís, semitas, sionistas…



Hai quen coida que todas ou case todas estas palabras son sinónimas. Hai aínda máis xente que as utiliza indiscriminadamente, sen darlles importancia aos matices, ben sexa inadvertidamente, ben de xeito calculado. E despois hai debates desvirtuados de raíz pola contaminación verbal (e ideolóxica, porque algunhas confusións non son nada inocentes e outras son francamente abusivas). E na confusión desta caste, na falta de matices, na falta de aprezo polo que di o outro, aínda que o outro sexa minoritario ou difícil de entender, no englobar a todos os que non pensan coma min no mesmo saco, está o principio do totalitarismo… que non sempre está onde se cre.
Probas do que digo: antisemita utilízase como se fose “antixudeo”. Todo aquel que é antixudeo é antisemita. Ergo, xudeo e semita son o mesmo. A onde nos leva isto? A que os árabes, que son semitas, son ao tempo antisemitas. Perfecto. Máis: é antisemita todo aquel que é antiisraelí. Logo semita, israelí e xudeo son o mesmo. Pódese ser xudeo e non ser israelí nin estar a favor de Israel? Débese poder cando vimos ata rabinos ultraortodoxos que renegan do Estado de Israel. Son antisemitas ou antixudeos?
Hebreo é sinónimo de xudeo e así se usa. Ou non é? Pois resulta que non. Hai xudeos que non son hebreos? Os falashas etíopes moi hebreos non parecen… Logo que son?
Todos os israelís son xudeos…ou se cadra non?
Todos os xudeos están polo regreso á Terra Prometida, son todos sionistas… ou haberáos que estean en contra e sexan, de facto, antisionistas?
Mellor será ir aclarando conceptos. E como isto está tan enguedellado, podemos errar. Agardemos que ningún sumo pontífice, presidente de sanedrín ou embaixador de Israel nos lance anatema. Digamos as verdades do barqueiro.
Xudeo é hoxe o que practica ou cre na relixión mosaica. Iso e mais nada. O xudaismo é unha relixión. Non é unha etnia, nin unha nación, nin unha raza. Primeiro, porque as razas non existen. O concepto de raza é acientífico e obsoleto. Segundo, porque os anos de dispersión (baixo os imperios mesopotámicos e o Imperio Persa, primeiro, baixo o romano e por todo o mundo, despois) non foron en balde. Ninguén pode crer en serio que non houbo mestura e apareamentos, influencias mútuas, intercambios. E ninguén pode pretender que non houbo “deriva xenética” polo efecto dun certo aillamento entre os diversos grupos de hebreos. Como tal, os sefardís son moi distintos aos askenazís. Os xudeos alemáns eran alemáns, e os xudeos galegos, portugueses, casteláns e cataláns, eran iso, galegos, portugueses, casteláns e cataláns que se diferenciaban na relixión. Dicir o contrario é racista ou xenófobo (con perdón). O que fixeron os chamados (mal) Reis Católicos foi unha canallada e un crime contra a humanidade: quitáronlles terras e propiedades aos que eran súbditos seus e compatriotas. Expulsaron a seres humanos que nada lles fixeran. Mais ou menos, a grandes rasgos, o que fixo o Estado de Israel cos semitas palestinos. Non se alporicen, son nada máis que feitos. A verdade faranos libres.
Hebreo é un nome étnico. Os hebreos era un grupo de cananeos (ou de arameos) que nas terras altas de Canaan (Palestina) tivo dous reinos: o do norte, Israel, desapareceu moito antes que o do sur, Xudá. Do do norte non se volveron ter noticias, nunca se refixo e os hebreos que o constituían desapareceron da historia, maioritariamente: andaran os seus xenes por Oriente ou se cadra algúns dos xudeos que quedan por Irán sexan descendentes deles. Non o sei. Xentes procedentes doutros lugares do imperio ocuparon o seu lugar: son os posteriores galileos e samaritanos. O do sur resistiu máis, e nel se redactou (ou se recompuxo) a Biblia, moito tempo despois do que a mitoloxía hebraica pretende. Todos eran hebreos, os do norte israelís, os do sur xudeos. Israelí e xudeo non eran o mesmo. Só na mitoloxía hebraica ambas cousas se confundiron e por iso lle puxeron o nome do reino do norte a un estado pensado para os descendentes do reino do sur.
A mesma Biblia amosa que non todos os israelís eran mosaicos (o que agora chamamos xudeos): adoraban a outros deuses e non sacrificaban en Xerusalén. Polo tanto, todos os hebreos non eran xudeos (en ningún dos dous sentidos da palabra: nin eran do reino do sur, nin eran de relixión mosaica). Por outra parte, houbo grupos humanos que se convertiron posteriormente ao xudaismo. Por exemplo, os falashas etíopes, que non descenden dos hebreos. Son xudeos, non hebreos ( e nunca tiveron nada que ver co reino de Xudá). Outros exemplos (e hai máis): os idumeos e os xázaros. Os idumeos foron convertidos á forza ao mosaismo, en masa, a nación enteira. Herodes era idumeo. E os xázaros: esta nación turca convertiuse en masa ao xudaismo. Os seus descendentes mesturaríanse cos hebreos, ou non. En todo caso, eran turcos e non hebreos.
Hebreo e xudeo non son sinónimos. Os xudeos basean a súa reclamación das terras palestinas na mitoloxía (é a Terra Prometida por YHVH). Mais, en último caso, iso só o poderían reclamar os hebreos (o pobo elixido), non os xudeos. (Se é que se pode reclamar despois de 2000 anos. Xa podemos irnos preparando). E o matiz é moi importante. O xudaismo é só unha relixión. Como o cristianismo ou o islamismo. E non é unha “relixión nacional”, como acabamos de ver. O concepto moderno de nación é posterior aos tempos bíblicos.
Ademais, os semitas eran bandas de xente branca oriental situada entre os babilonios e os exipcios, os persas, os hititas e os gregos. Houbo moitos grupos de semitas, entre eles os hebreos, os cananeos, os amorreos, os idumeos, os árabes, os asirios, os elamitas, os luditas, os fenicios, os caldeos, os suteos, os ammonitas, etc. Todos, salvo os hebreos, (ou unha parte dos hebreos) acabaron fusionados no termo “árabes”, que se cadra non é moi correcto. En todo caso, hoxe todos falan árabe. Con iso, teñen moito máis dereito a reclamarse “semitas” os árabes ca os xudeos. Mais, en realidade, os hebreos sempre recoñeceron o parentesco (aínda que quedándose coa primoxenitura, iso si).
Os israelís son os habitantes (non sei se escribir os cidadáns) do Estado de Israel. Iso, hoxe. Moitos xudeos non son israelís, moitos outros non queren ser israelís (aínda que si axudar aos seus irmáns de relixión ou cultura), mesmo algúns non recoñecen o Estado de Israel, por causas diversas. Estar en contra de Israel pode ser errado ou non, pero non significa automáticamente estar contra os xudeos nin contra os hebreos. Hai israelís que non son xudeos, porque son musulmáns ou cristiáns ou ateos, aínda que iso en Israel é un verdadeiro problema: Estado e relixión tenden a confundirse, pola sinxela razón de que a relixión é a causa do Estado. Israelí, semita, hebreo e xudeo son cousas diferentes. Estar a favor de Israel é ser proisraelí. Falemos con propiedade. Ser antiisraelí é estar en contra do Estado de Israel, ou nin sequera iso: hai quen só é antiisraelí porque está en contra da política do Estado de Israel, non do Estado en si. Israel é o producto do sionismo, porén hai israelís (xudeos e musulmáns) que non son sionistas. Israel é un Estado que viola os acordos das Nacións Unidas e que, como Estado, utiliza a violencia e a ilegalidade. O sionismo –movemento que cre que todos os xudeos son unha nación e que deben ocupar o Levante “desde o Xordán ao Éufrates”, por que é palabra de Deus- é unha ideoloxía tan falaz como o panarabismo (en países que non son árabes: Marrocos, Alxeria) ou o separatismo da “Padania”. Pura mitoloxía de comenencia.
Decir isto non é estar a favor de ninguén: nin de Hamás nin sequera da Autoridade Palestina. Sinxelamente son feitos.
Eu son un deses tipos que soña cun só estado en Palestina, igualitario, aconfesional, laico e con respeito a todas as relixións, etnias e grupos humanos. Ah, e a todas as persoas. Mesmo aos propietarios desterrados e roubados hai sesenta anos. Mesmo aos nenos e as mulleres e homes aos que se confina detrás dun muro. Mesmo aos xudeos que non son sionistas. Porque as relixións non deben interferir na vida pública nin en Palestina nin en Israel nin en Irán nin en Italia nin nos Estados Unidos de América.
Que o Xenocidio non se repita nunca en ningures. Holocausto nunca máis. Que os infelices xudeos vivan en paz e harmonía cos seus veciños árabes igualmente infelices, dándolle a cada un o seu: a Deus e o que é de Deus e ao César o que é do César. E que os galegos aprendan a preocuparse da liberdade. Empezando pola nosa.

Nenhum comentário: