
entrevista



Se vostede entra nestas páxinas: http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia/; http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-atalaia-1/; http://www.slideshare.net/ CastroAtalaia/castro-da-atalaia-2/; http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-3/, poderá ver o seguinte:
Promociones San Ciprián proxecta construír o seu “Residencial Faro de San Ciprián”, tres edificios de 5 pisos e 100 vivendas, xusto por riba do Castro da Atalaia. Hai tres parcelas afectadas. Na páxina web da Promotora anúnciase a obra como “unha situación única en España”, xa que é o “único conxunto residencial que ofrece a posibilidade de residir nas inmediacións dun faro” e en primeira liña de costa.
O alcalde de Cervo, concello ao que pertence San Cibrao, autoriza 100 vivendas sobre o castro, dando tres licencias para levantar tres edificios. O castro é milenario, e todo o mundo sabe que está alí, aínda que no Concello non consta que haxa restos arqueolóxicos, ou iso se di. Os veciños avisan á Consellería de Cultura. O Concello tarda catro días en notificarlle ao constructor que ten que suspender as obras. Mentres, máis de
As obras continuaron aínda despois, malia prohibilas Cultura mentres non se inventaríe a zona. Abriuse unha investigación xudicial no Xulgado de Viveiro pola denuncia interposta polo fiscal xefe da Audiencia Provincial de Lugo “pola demora na orde de paralización das obras que provocaron a destrucción dos restos”. O baleirado da parcela, dise, foi case total,
Os veciños denuncian os feitos ao Delegado de Cultura. Este considerouno irrelevante, asegurando que só se salvaran
En novembro a construtora destrúe unha nova franxa de terreo. ADEGA denuncia os feitos. Cultura (esa nosa Consellaría) o único que fai é preguntarlle e ao arqueólogo da construtora se é certo. Este recoñece os feitos, pero di que foron na zona baleirada en xuño.
Lévanse a cabo voladuras de rocha no castro (febreiro de 2008). Unha nova parcela é destruída a partir do 7 de marzo.
A que agardan os representantes do pobo, a Conselleira, o Director do Patrimonio?
Non vou ser eu quen dea a desposta. É evidente.

Pouca xente sabe que a orixe da figura do vampiro na literatura está no romanticismo e é unha orixe ilustre, nada menos ca en Lord Byron (quen, por certo, tamén recuperou a figura do pirata, dándolle ese equívoco lustre libertario que segue confundindo ás xentes). Vampiros e piratas son, en verdade, depredadores e non monxiñas da caridade. Drácula non é o primeiro vampiro e, en realidade, non é arquetípico. Mais o seu modelo é o vampiro de Byron.
Así, o primeiro vampiro literario naceu en Suíza, en villa Deodati. Unha noite de xuño de 1816 estaban reunidos alí, a beiras do lago Leman, Byron, o seu médico persoal John William Polidori, o poeta Percy Bysshe Shelley e a súa moza, Mary Wollstonecraft Godwin. Alguén suxeriu escribir un relato de fantasmas. Shelley non o fixo, Byron escribiu un fragmento e Mary un relato. No fragmento de Byron (que el incluíu no final do seu poema Mazeppa e que se ten publicado independentemente cos títulos de “A fragment” e “The Burial”) aparece o vampiro, relacionado coa lúa, cos féretros e coa inmortalidade. Publicouse en 1819. O vampiro de Byron localízase en Turquía. Ese mesmo ano, Polidori deu ao prelo o relato “O vampiro (The vampyre)”, que non é máis ca o argumento de Byron, tal e como este llo contou. Un caso de apropiación indebida, vaia. Pero que tamén leva dentro unha homenaxe: o vampiro semella o propio Byron, é lord e vai de Londres a Grecia. Posteriormente,
Mary Wollstonecraft adiantouse. Escribira un relato que “xurdiu na miña mente cunha viveza alén dos límetes normais da ensoñación. Vin, cos ollos pechos mais cunha aguda visión mental, ao pálido estudiante de impías artes axeonllándose a carón da criatura que ensambalara. Vin a espantosa pantasma dun home inerte e despois, debido á intervanción dalgún poderoso motor, amosar sinais de vida e axitarse cun movemento incómodo, semivital”. O relato baseábase en vellas lendas da literatura oral (o mesmo, por certo, ca o vampiro). Mary desenvolveuno e fixo unha novela que publicou en 1818: Frankenstein ou o moderno Prometeo.
Velaí: Drácula e o monstro de Frankenstein son xemelgos. Naceron o mesmo día e no mesmo lugar, viñan no mesmo ovo. E se un é mortal, o outro é inmortal, se un é fillo da superstición, o outro é fillo da “ciencia”. Se un do pesadelo, o outro do soño da razón. Como os dióscuros, teñen distinto pai, mais semellan inseparables. Na moderna bioloxía diríamos que o vampirismo se transmite coma unha infección vírica, a través do sangue: reproducción sen sexo. Drácula é un parasito, un aristócrata. E, como non está vivo, non pode morrer. O monstro que por non ter, non ten nin nome propio, é un lumpen, cheo de vida e de dor, amosa as cicatrices. Diríamos que é tamén reproducción sen sexo: froito da enxeñería, é un individuo transxénico, unha quimera.
Ai, pero os dous xemelgos son fillos da morte, non da vida. E o mesmo que un non ten memoria, nin identidade, o outro é só memoria e narcisismo.
Pero ambos encarnan a soidade radical do ser humano.

Hai palabras do noso inmediato entorno, palabras comúns que constitúen, porén, auténticos misterios. Como tal, palabras do galego: cachorro, cuzo, cerrulo e do castelán: perro. Non son eu filólogo nin moito menos etimoloxista (xa me gustaría), mais hai cousas que chaman a atención, e, ás veces, cousas que lle saltan a un aos ollos. Se buscamos no Dicionario Xerais da Lingua (2002, corrixido en 2004), vemos o seguinte. Cachorro: probablemente do latín vulgar catulum. Fillo pequeno de diversos mamíferos. Animal que non é aínda adulto.
Mais todos sabemos que cachorro é fundamentalmente un can que non é adulto, e só por extensión a cría doutros animais. Tres cousas o corroboran: a palabra indoeuropea can está explícita en cachorro (ca), no portugués do Brasil cachorro é sinónimo de can, e os etimoloxistas buscan a súa orixe en catulu(m), isto é, canciño. Cachorro é palabra propia da Península Ibérica (e das súas extensións lingüísticas). Non a hai noutras linguas románicas. Por que? Non nego que cachorro veña de catulu, mais, nese caso, de onde saíu o dobre rr (que tamén está en perro)?
Teño asumido que as linguas prelatinas exerceron no vocabulario moita máis influencia da que, por pura ideoloxía (os romanos viñeron civilizarnos!) adoita admitirse. É que ninguén se fixou na similitude de cachorro (can) co vasco txacurra ou txacur, can? É que ninguén ve a evidente influencia do vasco (ou íbero) nos idiomas da Iberia? Moitos anos pensei que perro debía ter orixe xermánica, polo dobre rr- Agora non o creo. E se ollamos aos íberos?
O Dicionario Xerais di de cerrulo: calquera animal pequeno doméstico. Mais outra vez todos sabemos (os que coñecemos a palabra) que cerrulo é un can pequeno, e só por extensión outro animal pequeno. Pero se en cerrulo está de novo can! E desta vez non se trata dunha cría. O Gran Dicionario Xerais rectifica. Cerrulo: can pequeno, cadelo. A palabra ten outra forma, zarrulo. E a Zarrulada é unha manda de cans, unha procesión de ánimas en forma de cadelos (como o Orco de Pontevedra).
Pero, fixáronse vostedes no dobre rr de zarrulo? Terá que ver con cachorro, con chacurra?
O Dicionario Xerais deriva cuzo (can pequeno) da voz cus, que se utiliza para chamar os cans. E de onde saíu cus? O Dicionario non o explica, mais di que cusco, voz para chamar aos cans é “creación expresiva”. Non o creo. Cus lembra os nomes do rato e o gato, mus. Dicirlle cus, cusco, cuzo ao can é chamalo polo nome (como dicirlle muxo, micho, minino ao gato). Debe ser a voz indoeuropea ancestral. Pois cuza, en hindi, é cutia, e Cuchulain, o heroe irlandés era…o can de Chulain! E se ollamos aos celtas, ou castrexos, falasen no idioma (indoeuropeo) que falasen?
A maiores, xa que os nomes do animal doméstico por excelencia, o can, acabaron denominando a outros animais domésticos de pequeno tamaño (cachorro, cerrulo), os nomes do gato veñen dos do can. Os romanos chamaronlle canciño ao gato. Xa vimos que catulum (e catellum) son diminutivos do can. O poeta Catulo era… un canciño! Cando tiveron gatos (que chegaron de Exipto ou de Asia), extenderon o diminutivo do can e chamáronlle cattus, catus, gato “cadeliño”.
