terça-feira, 10 de junho de 2008

Cachorros, cuzos e cerrulos



Hai palabras do noso inmediato entorno, palabras comúns que constitúen, porén, auténticos misterios. Como tal, palabras do galego: cachorro, cuzo, cerrulo e do castelán: perro. Non son eu filólogo nin moito menos etimoloxista (xa me gustaría), mais hai cousas que chaman a atención, e, ás veces, cousas que lle saltan a un aos ollos. Se buscamos no Dicionario Xerais da Lingua (2002, corrixido en 2004), vemos o seguinte. Cachorro: probablemente do latín vulgar catulum. Fillo pequeno de diversos mamíferos. Animal que non é aínda adulto.

Mais todos sabemos que cachorro é fundamentalmente un can que non é adulto, e só por extensión a cría doutros animais. Tres cousas o corroboran: a palabra indoeuropea can está explícita en cachorro (ca), no portugués do Brasil cachorro é sinónimo de can, e os etimoloxistas buscan a súa orixe en catulu(m), isto é, canciño. Cachorro é palabra propia da Península Ibérica (e das súas extensións lingüísticas). Non a hai noutras linguas románicas. Por que? Non nego que cachorro veña de catulu, mais, nese caso, de onde saíu o dobre rr (que tamén está en perro)?

Teño asumido que as linguas prelatinas exerceron no vocabulario moita máis influencia da que, por pura ideoloxía (os romanos viñeron civilizarnos!) adoita admitirse. É que ninguén se fixou na similitude de cachorro (can) co vasco txacurra ou txacur, can? É que ninguén ve a evidente influencia do vasco (ou íbero) nos idiomas da Iberia? Moitos anos pensei que perro debía ter orixe xermánica, polo dobre rr- Agora non o creo. E se ollamos aos íberos?

O Dicionario Xerais di de cerrulo: calquera animal pequeno doméstico. Mais outra vez todos sabemos (os que coñecemos a palabra) que cerrulo é un can pequeno, e só por extensión outro animal pequeno. Pero se en cerrulo está de novo can! E desta vez non se trata dunha cría. O Gran Dicionario Xerais rectifica. Cerrulo: can pequeno, cadelo. A palabra ten outra forma, zarrulo. E a Zarrulada é unha manda de cans, unha procesión de ánimas en forma de cadelos (como o Orco de Pontevedra).

Pero, fixáronse vostedes no dobre rr de zarrulo? Terá que ver con cachorro, con chacurra?

O Dicionario Xerais deriva cuzo (can pequeno) da voz cus, que se utiliza para chamar os cans. E de onde saíu cus? O Dicionario non o explica, mais di que cusco, voz para chamar aos cans é “creación expresiva”. Non o creo. Cus lembra os nomes do rato e o gato, mus. Dicirlle cus, cusco, cuzo ao can é chamalo polo nome (como dicirlle muxo, micho, minino ao gato). Debe ser a voz indoeuropea ancestral. Pois cuza, en hindi, é cutia, e Cuchulain, o heroe irlandés era…o can de Chulain! E se ollamos aos celtas, ou castrexos, falasen no idioma (indoeuropeo) que falasen?

A maiores, xa que os nomes do animal doméstico por excelencia, o can, acabaron denominando a outros animais domésticos de pequeno tamaño (cachorro, cerrulo), os nomes do gato veñen dos do can. Os romanos chamaronlle canciño ao gato. Xa vimos que catulum (e catellum) son diminutivos do can. O poeta Catulo era… un canciño! Cando tiveron gatos (que chegaron de Exipto ou de Asia), extenderon o diminutivo do can e chamáronlle cattus, catus, gato “cadeliño”.

8 comentários:

Anônimo disse...

Oes, parece que ás veces temos transmisión de pensamento! Xa lin o artigo n´A Nosa Terra, dígoo polo de "cuzo". Na zona de Ordes oín chamar tamén aos cans "cucurrín", se cadra unha reduplicación de "curro" (=chuliño) ou un microlocalismo. Ou non.

Saúde desde o condado de Flammosus.

atónito disse...

Magnífico, meu querido amigo, magnífico!

Divino Maestro Lugo disse...

E logo coñece vostede algún estudo verbo das formas en que nos diriximos aos animais, as palabras con que os chamamos? Por exemplo, a un cocho, porco, bácuro, rancho... dicímoslle chino, chino, ou kino, kino... Eis das máis vellas palabras daingua? de calquera lingua?...Fale, fale vostede, s'il vous plait.

xosé da casanova disse...

Sobre o tema interesantísimo dos nomes do porco habería moito que dicir e hai moitas teorías. Unha non disparatada relaciona cerdo coa deusa Ceres (como cervexa, cereal, cereixa). Porco debe ter que ver co outro mundo, o orco e co deus Forcis. Rancho debe ser por marrancho, o mesmo, creo, que chino, quino, veñen de cochino. Pero o nome latino orixinal era sus...

Anônimo disse...

A mín góstame moito a palabra "cadelo", que oia na aldea por "can xoven".
A un porco ou a unha porca chamábanlle "quiro" ou "quira" ,respectivamente, pero sólo como voz de chamada, ou pra tanguelos. Aos porcos pequeniños chamábanlle "renchos" ou "renchiños".
Cando unha porca estaba en celo decían que andaba "á ganancia". No caso das vacas, nese caso, decíase que estaban "de sazón". No caso das femias de outros animáis, simplemente "andaban salidas".

Anônimo disse...

E, pra chamar aos cás, deciamos "Tis!", ou "Tis,toma!".

fasdfasdffadsr3 disse...

Muito interessante (e muito plausível). Gostaria de ouvir mais destes temas. Eu sempre relacionei o galego "cuzo" com o catalám "gos" ("gossa" para cadela). Mas sempre me perguntei polas origem.

fasdfasdffadsr3 disse...

Outra curiosa coincidência é que em irlandês antigo "cu" significava cam. Por exemplo, o famoso Cuchulainn era literalmente "o cam de Culann". Claro que em galego isto nom soa mui eufónico, mas a raiz é a mesma que em "cuzo".