terça-feira, 27 de maio de 2008
segunda-feira, 26 de maio de 2008
CASTRO DA ATALAIA

Este é un bo exemplo de como practica a Consellería de Cultura a súa máxima de "Tolerancia cero".
Un escándalo!A noción de ben cultural queda subordinada á posibilidade do gozo público, o que, á súa vez, se vincula ó deber de conservación, e iso con independencia de que a súa titularidade sexa pública ou privada.
Así pois, xa que os bens culturais teñen un valor de testemuña histórica e de civilización, os propietarios e as diversas administracións deben preservar ese interese xeral que é o noso patrimonio histórico. No exercicio dese cometido estes entes públicos precisan a colaboración das institucións e, sobre todo, dos cidadáns, no coidado, defensa, protección, conservación e custodia de tódolos bens que forman parte do noso patrimonio cultural.
Porén, o Concello de Cervo da Mariña lucense outorgoulle tres licenzas a un construtor, para levantar 100 vivendas sobre o castro da Atalaia. Ambos sabían que nese terreo hai un importante xacemento arqueolóxico.
O Concello non tramitou a orde de de paralización da obra emitida por Patrimonio até catro días despois, permitíndolle, deste xeito, ao construtor destruír parte do xacemento.
Pola súa banda, Patrimonio incomprensiblemente permitiu que esta desfeita continuase noutras parcelas que non se viran afectadas, tal e como se pode comprobar nestas ligazóns:
http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia/
http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-atalaia-1/
http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-2/
http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-3/
DRÁCULA NO ROCHO

Lugo era triste, escuro, frío. Todo o inverno chovía sen parar, a néboa non deixaba ver un burro a tres pasos, as noites semellaban interminables e as tardes brevísimas, non había luces nas rúas, que tiñan beirarrúas de terra, moitas eran sinxelamente carrís, nevaba dúas ou tres veces por ano e a neve non se ía en varios días, os carambos pendían dos lousados e o lazo duraba meses nos charcos que se formaban nos descampados. As clases comezaban ás nove (un día por semana, ás oito), remataban á unha e media, e volta pola tarde, de catro a sete. Saíamos con noite e atravesábamos unha cidade deserta, a escuras, en penumbras. Sentíamos unha man acariñándonos o cocote.
Porque estabamos máis que avisados. Non fales cos descoñecidos. Ten cuidado se vén un coche. (Pasaban poucos, moi poucos). Ten coidado porque pode ser o coche do sangue, o coche do chupasangues. O chupasangues, que lle quita o sangue aos nenos para vivir, ou para vendelo, ou para encher garrafas, ou para chuchalo. O chupasangues que agarda detrás da esquina, a carón do muro, nun portal, nun carril sen luz. O coche do chupasangues, que non leva conductor. Máis ca avisados: o chupasangues nos campos de millo, nas trincheiras de Garabolos, en calquera sitio.
Agorasei que as historias de chupasangues eran lendas urbanas cunha base moi real. Por ejemplo, nun número do Tío Pepe da Fonsagrada (periódico anterior á Dictadura), atopei o que segue: “En troques, fixéronlles subir ao pao os asesinos de Gador, que chuparon a sangre d´un neno como menciña”
No barrio xuntábamonos todos os nenos. Nos portais. A contar e escoitar.
E unha noite, á hora da cea (sobre as 10), estábamos no rocho dos Bohorque. Eu era moi pequeno, seis ou sete anos. Os outros, meirandes: meu irmán, os tres Bohorque, o José Luís, o Tito e o Pepucho, o Pepe, non sei quen máis. Non sei nin como puidemos meternos naquel rocho estreito, cativo, tantos nenos. O rocho, ateigado de caixas, leña, cachivaches, cadraba debaixo do piso, nun descanso das escaleiras. Non tiña a penas luz, e abríase por detrás, mediante unha xaneliña (Un ventanuco, máis ben) sobre a horta. O Carlos ou o José Antonio, que xa eran mocetes, foran ver Drácula, e contaban a película: a viaxe na dilixencia, a chegada ao castelo, a cea, a viaxe a Londres, todo. Drácula resucita, nunca morre, faise morcego, néboa, pero non pode entrar nun sitio se non o convidan. E nesto oénse uns pasos na escaleira. Petan na porta do rocho. Todos asustados agolpáronse contra o fachinelo, afastándose da porta. Quen é?-di un dos irmáns, e unha voz responde: —Drácula. Ábreme e déixame pasar.
Polo ventanuco non cabíamos, non podíamos fuxir. Salvo eu, que era o máis cativo. Dixéronme: ti tírate. O medo era real, pero non me tirei. Meu irmán mandoume meter nunha caixa de cartón. Os outros agardaron, todos contra a parede. O Carlos colleu unha tranca e púxose detrás da porta, disposto a defenderse. A voz dixo: Abride a porta! Abriron. Eran os pais que viñan buscalos para a cea e decidiran gastarnos unha broma.
domingo, 11 de maio de 2008
MUSMUSUSMU

Pregúntame Xoán da Coba (quen se agoche detrás dese seudónimo) a orixe do nome dun personaxe da miña novela Ariadna, o gato robótico Musmususmu, pois ao visto en wolof (idioma do Senegal) muus significa gato, muus mu, o gato que, e muus mu suñu, o gato que é noso En puridade, o nome do personaxe musmususmu non é meu: roubeillo ao Paco Martín. Claro que nel era o nome dun rato, que se explica pola repetición de mus. Se o gato caza ratos, podemos con facilidade aplicarlle a un o nome do outro. O meu gato é mecánico, pero murador. (Un gato murador é o que caza ratos, non o que anda polos muros). Noutras palabras, os nomes do rato e do gato semellan emparentados ou cando menos similares. Non me dirán vostedes que muus (gato) e muxuk (gato en uzbeko), músaro (en leonés), mixino, micho, etc, non se semellan a mus, maus, mouse. E non me dirán que o que fan os gatos, miañar, maullar, facer miau, non se parece ao nome dos ratos. Do mesmo xeito que o que fan os cans (guau, antes sería uau), en inglés wof, será onomatopeico, pero seméllase ben aos nomes do lobo -wolf, ulf- e do raposo -vulpes (que soaría uulpes), golpe. Pero o raro é que os nomes europeos do gato son, en verdade, derivados do nome do can (catus: canciño) e os nomes latinos do rato parece que proceden máis ben da rata, porque en latín orixinalmente o gato era felix e o rato mus. Pois vexan se se asemellan (rato, gato). O Ratonero (Buteo) chámase en galego Miñato, e miñato parece que, en realidade, é o mesmo: miñato, gato, que miaña (ou que caza ratos). Ademáis, a Gatafornela (Circus) debe levar ese nome por algo. O morcego (rato cego) nalgúns lugares de Galicia é aínda muricego. En catalán, rat-penat; en vasco saguzar, sendo sagu o nome do rato,en alemán fledermaus. A musaraña (musgaño, murgaño, furaño,furafollas) é ao tempo rato e araña, ou teipa e araña (italiano, toporagno); alemán: pitzmaus. En fin, uns animais levan o nome doutros: Do merlo, a merluza; do corvo, a corvina, etc. É moi curioso o caso dos caimáns. Herodoto (Historia) aclara que crocodilo era o nome grego dos lagartos. Cando os gregos coñeceron Exipto, extenderon o nome a ese réptil xigantesco que atoparon no Nilo (e no Sahara). Ou sexa, o lagarto deulle nome ao crocodilo. Cando os españois chegaron a América, atoparon crocodilos. Nunca os viran. Como lles chamaron?: Lagartos. Aínda así lles chaman os latinos norteamericanos (nos debuxos animados dobrados en México vía eu as fazañas do "lagarto Juancho"). Cando chegaron os ingleses chamáronlles co nome español, mal pronunciado: un lagarto! A ligator! Aligator. Sendo eu neno, un veciño da miña idade, o Juanito, apareceu a xogar cunha figuriña de plástico dun crocodilo. Díxenlle: préstame o crocodilo! El dixo: non é un crocodilo, é un águila-Tor. Eu: home, é un crocodilo, ou será un caimán. E o Juanito: é un águila-Tor, que mo dixo meu pai.
Tardei anos en descubrir o misterio: era un aligátor.
terça-feira, 29 de abril de 2008
domingo, 27 de abril de 2008
CHUPASANGUES DE CINE

A comenzos dos anos 60 (era eu cativo, non podía ter máis de seis ou sete anos), proxectáronse en Lugo algunhas películas de terror: Drácula, Frankenstein, O home-lobo, A momia… Nunca souben ben que versións foron as que se proxectaron neses anos, todas seguidas, en poucos meses. Non souben se foran as versións americanas en branco e negro (Drácula, 1931, Tod Browning –ou Karl Freund?-, con Bela Lugosi no papel do vampiro; Frankenstein, 1931, James Whale, con Boris Karloff no papel de monstro; A momia, 1932, Karl Freund, con Boris Karloff; A noiva de Frankenstein, 1935, James Whale, con Boris Karloff; O home lobo, 1941, Curt Siodmak, con Bela Lugosi e Lon Chaney jr.; A sombra de Frankenstein, 1938, Rowland V. Lee, con Boris Karloff; Frankenstein e o home lobo, Roy W. Nelly, 1943; A zíngara e os monstros, 1944, Erle C. Kenton; A mansión de Drácula, Erle C. Kenton, 1945. Nestas dúas últimas películas aparecían xuntos Drácula (John Carradine!), o lobishome (Lon Chaney jr.) e a criatura (Glenn Strange)) ou as inglesas da Hammer, máis atrevidas e con moito sangue vermello (Drácula, 1958, Terence Fisher, con Peter Cushing e Christopher Lee; A maldición de Frankenstein, Terence Fisher, 1957). E nunca o souben porque eu, daquela, era moi neno e, naturalmente, non vin esas películas.
Que non as vise non quere decir que non as soubese de memoria. Sabíaas, escena a escena. Cando, varios anos despois, puiden velas no cine (a televisión só estaba nacendo e como moito vía nela “El Virginiano” e “Bonanza”), non me colleron por sorpresa.
Nas tristes tardes do franquismo as cousas eran así: na fin de semana (de venres a domingo) os cines proxectaban “estrenos”, o resto dos días repoñían películas vellas. Pensándoo agora, unha marabilla. Porque aínda que os estrenos non o eran (unha película estrenada en USA tardaba anos en chegar a España. Cando se estrenaba en Madrid iniciaba un percorrido por provincias. Había poucas copias, e estas ían de cine en cine. Cando chegaban a Lugo pasaran meses, ou anos. E moitas películas non se estrenaban ou eran víctimas da censura), a posibilidade de ver filmes antigos constituía unha realidade. Se xuntamos iso aos ciclos que despois se puideron ver na televisión, que rica formación cinematográfica tivemos os nenos da miña xeración, en comparanza coa brutal miseria que teñen que soportar os desta, e aínda se atreven a decir que estamos na “cultura audiovisual”. Cultura?
Lugo era unha cidade escura, sen luz. Rúas desertas case sen farolas, carrís sen unha bombilla e sen casas, muros altos, sabugueiros e piñeiros, chousas, valados, o medo omnipresente aos chupasangues e ao coche do chupasangues, pouca construcción e moitas sombras cando saíamos do colexio cara a casa. Invernos longos, tardes pasadas nos portais, onde os nenos, á luz escasa da única bombilla, ou sen ela, escoitabamos como os maiores nos contaban as películas que eles, xa mozotes, puideran ver. E esas películas eran sempre as mesmas: Drácula, Drácula, Drácula…
segunda-feira, 14 de abril de 2008
APOTEOSE DA LENDA URBANA: ÚLTIMOS AVATARES

Aínda perduran os mitos soterrados pola enxurrada do cristianismo ou disimulados, disfrazados e caracterizados cun hábil verniz cristianizante. Por iso os evemeristas din que non existen e que os “mouros” son un reflexo en negativo dos propios labregos. Enorme disparate! Sinalemos, porén, que este paradoxo non fai máis que confirmar a desteoloxización do propio mito: pasamos de mitos panteístas e animistas a mitos cristiáns xa case abandonados. De deusas en todos os castros, a un só deus nas igrexas. E os miragres dese deus son xa incribles…semellan contos.
Desapareceron, por tanto, o conto, a lenda e o mito? Vai desaparecer a literatura oral? Pode o ser humano vivir sen mitos, sen contos e sen lendas?
A resposta é nos tres casos non. Os contos deron paso aos chistes (chistes, pero non na terminoloxía de Aarne), que son contos de transmisión oral con tendencia á brevidade e ao ridículo, a ser estupefacientes e enxeñosos e nos que xa nin recoñecemos a sombra de ningún deus: están apegados á realidade. Son hiperrealistas. E abundantísimos.
O auxe da ciencia no século XIX e XX abocounos a unha situación na que as masas configuraron un mito novo, a propia ciencia, que vén sustituír ás vellas crenzas. Así, os novos mitos (que funcionan exactamente do mesmo xeito que os vellos) xa non se refiren a deuses, pero si a personaxes invisibles, extraterrestres, etc. Iso si, sempre cun verniz científico. Estamos no reino das pseudociencias: a ufoloxía, a criptozooloxía, o curandeirismo. Un a un, os relatos coinciden punto a punto cos relatos da antigüidade sobre anxos, fadas, mouras, monstros, deuses, etc. Son pezas narrativas caracterizadas pola verosimilitude e o intento de explicación das orixes e, como sucedía cos vellos mitos, tenden a confundirse coa lenda (agora aínda máis, pois os OVNIS aparécense en tempo inmediato).
E a lenda? A lenda tamén mudou. Agora temos a lenda urbana, moderno avatar sen seres míticos, mais con testemuñas (un amigo dun amigo), lugares reais, tempo inmediato, narrada como un sucedido auténtico, relacionada coa vida moderna e tan, tan boa, que é demasiado boa para ser certa. Así as define Jan Harold Brunvand: Estas fábulas populares describen feitos supostamente reais (aínda que estraños) que lle sucederon a un amigo dun amigo. E xeralmente cóntanas persoas fiables cun estilo crible, porque eles cren que son certas. Os escenarios e feitos das lendas urbanas son realistas e recoñecibles (casas, hoteis, oficinas, centros comerciais, estradas, etc.) e os seres humanos que as protagonizan son persoas normais. Pero os incidentes estraños, cómicos ou aterradores que acontecen van un paso máis alá do crible. E niso estamos, na apoteose da lenda urbana, última (de momento) mudanza de algo inmortal que xa non fala de heroes, de deuses, de trasnos, de demos, de fantasmas, de aventureiros, de muiñeiros, de cregos, de cabaleiros, de namorados, nin sequera de persoas normais pero afortunadas, senón, sinxelamente de ti, de min e do veciño do sexto. Iso si, pásalles cada cousa!
domingo, 6 de abril de 2008
Aquilino Ribeiro

Aquilino Ribeiro, un dos autores cume da narrativa portuguesa do século XX, naceu en Sernancelhe, Carregal de Tabosa, nas Terras do Demo, na Beira Alta, en 1885 e morreu en Lisboa en 1963. Foi novelista (Andan faunos polos bosques, A batalla sen fin, A casa grande de Romarigâes, O home que matou o Demo, Cando os lobos ouvean, Terras do Demo, Fillas de Babilonia, Aventura marabillosa, Mónica, O arcanxo negro, Lápidas partidas, Cinco reis de xente, A vía sinuosa, etc), contista (Camiños errados, Estrada de Santiago, Xardín das tormentas, Cando lle cae a pluma ó Gabilán, O Malladiñas, etc), autor teatral (Caída no Inferno, O manto da Nosa Señora), ensaísta sobre literatura e arte, autor de libros de viaxes e impresións, pintor dos costumes populares (Aldea -Terra, xente e bichos-, O home da nave), historiador (Príncipes de Portugal, Portugueses das sete partidas, Constantino de Braganza), crítico literario, biógrafo, etnógrafo, polemista, traductor ó portugués de Cervantes e de Xenofonte, historiador dos costumes relixiosos (O libro do menino Deus) e autor de libros para nenos (Romance da Raposa e Arca de Noé, IIIª clase). Escribiu máis de 60 libros.
O seu primeiro libro, O Xardín das tormentas, 1913, saíu cando tiña 28 anos e foi unha revelación. Aquilino fixo visible un mundo rural de gran forza dramática. Moitos dos seus libros xiran en torno a ese mundo, que moito debeu de amar. Foi un rexionalista literario e un esquerdista político. Por ser demócrata e de esquerdas, por defender ó seu pobo e buscar a xustiza, foi perseguido no seu país e tivo que exiliarse a Francia en varias ocasións. Estudiou en Lamego e na universidade de Viseu, Filosofía e Teoloxía, foi cristián e revolucionario. En 1907, ós 22 anos, era conspirador en Lisboa. Estoupoulle no cuarto que ocupaba a dinamita que tiña gardada para o Comité Revolucionario, e metérono preso. Fuxiu, foi a Franza. Escribiu en París o seu primeiro libro. En 1914 volveu a Portugal, foi profesor na Liceu Camoês e conservador da Biblioteca Nacional. En 1917, ano da revolución rusa, tiña 32 anos. En 1927 volveu a París, co movimento revolucionario de Febreiro. Regresou a Portugal en 1928, foi detido e volveu fugarse. Loitou sempre contra as longas dictaduras (Salazar, sobre todo) que aferrollaron o seu país neste século.
Foi un escritor de vangarda e ó mesmo tempo recuperou para a lingua literaria multitude de arcaísmos e ruralismos. É por eso máis difícil a súa versión a outros idiomas. Pero tamén é máis auténtica a súa obra e está máis preto do pobo que lle deu o ser. A crítica sinala que na súa literatura aparece a máis rica experiencia artística do noso tempo en Portugal. Sitúano á altura de Camilo Castelo- Branco e de Eça de Queiroz. Óscar Lópes afirma que o máis abondoso e ricaz portugués literario desde Camilo é o de Aquilino.
Ribeiro é un depurado estilista. A ciencia do seu estilo tíraa das vellas crónicas, fai incursións na lingua rústica e na fala suburbial e coloquial das cidades, nas xergas locais. Ten unha notabilísima erudición, disimulada cun ton familiar, ás veces sarcástico ou violento, ás veces amable. A súa preocupación formal non diminúe, senón que se acentúa nos relatos para nenos. Vemos no Romance que rico e divertido é o idioma no que escribía.
Son tres os principais rasgos que se sinalan na súa obra: A revelación da forza profunda e bárbara do mundo rústico, unha mística pagá e materialista, unha confusión de homes, animais e terra; a atracción da urbe e unha visión cosmopolita, non contradictoria coa anterior; e un escepticismo sorridente ó estilo de Anatole France, de quen foi admirador confeso. Xunto a esto podemos engadir o uso de motivos bíblicos nas súas alegorías, unha visión comprometida, pero non panfletaria, e o realismo vivo e pintoresco, nada plano nin simple, afastado do costumismo. As Terras do Demo, onde naceu, son pobres terras de toxeiras, xestas, codesos, que tal vez marcaban o límite sur da Gallaecia xa anterior a Roma. Por eso as súas tradicións, a súa cultura material e espiritual son galegas. Case toda a obra de Aquilino conta esa vida como era nos séculos XIX e principios do XX. Por eso, como dixo Ferrín, contén unha substancia secreta que lles fai confidencias cómplices ós galegos de hoxe. Aquilino logrou cristalizar a topografía real e máxica do seu país. Con el empeza unha xínea de escritores de grande altura na frase, no léxico e no estilo. Desa caste son Miguel Torga e Bento da Cruz.





