domingo, 24 de fevereiro de 2008

Ta-Shunka-Witko e o amor



Como non me interesan os habanicos, escribirei de algo nada relacionado: de Tristán e Isolda, perdón, de Lanzarote e Xenebra, perdón, de Majnún e Layla, perdón, de Cabalo Tolo e Muller Bisonte Negro.
Cabalo Tolo, Crazy Horse, Ta-Shunka-Witko, no seu último nome sioux (é dicir, lakota. Antes tivo outros dous: Cabelo Rizado, O que Olla os seus Cabalos, e un co que se referían os indios a el, na súa ausencia: O Noso Home Raro). Leo na súa biografía (a de Larry McMurtry, que se pode atopar en Mondadori) que pasaba o tempo desexando a unha muller que non puido ter, Muller Bisonte Negro. Esta rapaza casara en 1863 ou 64 cun home de familia notable, Sen Auga, nunha voda amañada polo tío dela, Nube Vermella. Cabalo Tolo, que tería vinteún anos e estaba namorado, tomouno a mal. Vivía cos Malas Caras, o pobo dela, pero tan logo a rapaza casou, abandonou o campamento. Sen embargo el non casou e roldaba pola casa de Sen Auga. Así durante moitos anos. Moitos anos namorado, sen ser correspondido. Ou si. Ela tivo tres fillos de Sen Auga. El, aínda que de familia pobre, foi elixido polos oglalas un dos “Portadores da Camisa”, o que era un grande honor que o obrigaba a dar exemplo moral, preocuparse polos demais, exercer a caridade, defender á colectividade, ser bo guerreiro e cazador e prescindir do egoísmo. A pesar diso, o grandísimo Cabalo Tolo (que é unha figura militar comparable a César ou Napoleón, e un mito comparable a Cristo ou Arturo para os indios) seguía roldando o tipi de Muller Bisonte Negro. Ela podía divorciarse: non o fixo. El podía facer unha oferta por ela: tampouco o fixo. Conformáronse con este fino amor, do seguinte xeito: fugáronse xuntos un día que Sen Auga foi cazar. Brutal ruptura do costume. Cando volveu, Sen Auga pediulle prestada unha pistola a Touro de Mal Corazón (enténdase que este Touro, como o de Touro Sentado, alude en realidade a un macho de bisonte) e, rompendo tamén tódolos costumes ou leis non escritas dos lakotas, foi por eles, atopounos e disparoulle a Cabalo Tolo na cara. Non morreu. Sobreviviu. Para evitar unha guerra interna entre bandos sioux, Muller Bisonte Negro volveu con Sen Auga. Cabalo Tolo pediu como condición que non fose castigada, e non o foi. Sen Auga agasallou cun cabalo a Cabalo Tolo, como ofrenda de paz, e botoulle a culpa de todo a Anacos, o menciñeiro, dicindo que este lle dera a Muller Bisonte Negro un filtro que lle fixera perder a cabeza.
O cuarto fillo de Muller Bisonte Negro foi unha nena de pel excepcionalmente clara (no que se asemellaba a Cabalo Tolo e non a Sen Auga). A tribo obrigou a Cabalo Tolo a casar con outra muller, Chal Negro. Os anciáns da tribo, que consideraron a Cabalo Tolo culpable, por poñer en perigo a harmonía, quitáronlle a Camisa, por non antepoñer o interese da tribo ao propio. E como non había ningún sucesor digno, os “Portadores da Camisa” foron desaparecendo: non se nomeou ningún máis. A continuación, veu a devastación sobre a Terra dos sioux. Ao final, Cabalo Tolo foi traizoado por un dos seus, Pequeno Grande Home e asasinado polos soldados americanos e por Touro de Mal Corazón. Tamén foi morto Touro Sentado. E os indios agardaron, ou agardan, a volta dos seus líderes e a Danza dos Espíritos.
Se a historia non lembra a de Tristán e Iseo, baixe Deus e véxao. ¿Non é Cabalo Tolo un cabaleiro da Táboa Redonda? ¿Non é o seu adulterio causa da desolación? ¿Non é ao mesmo tempo Arturo e Lanzarote? ¿Non agardan os indios o Grial? ¿Non é Muller Bisonte Negro como Iseo? A parvada esa de que o amor foi inventado nunha corte provenzal e importado a París por Alíenor de Aquitania é de risa. Unha cousa é o amor, mesmo o amor conxuxal, e outra o fino amor, o amor cortés, a consideración da dama, que é o que si levou Leonor ao frío norte. O amor de perdición non é propio dos europeos, nin da Idade Media, nin da Idade Moderna. ¡Que presunción! O namoramento é un feito biolóxico. O amor tamén. ¿Que o inventaron os trobadores? Va que non. Só non cre no amor quen nunca o sentiu. ¿Que é logo isto?: Tanto amare, tanto amare, habib, tanto amare, enfermaron uellos gaios e agora.... etc ¿Os musulmáns non coñecen o amor? E isto: ¡Volveu a miña amada! ¡Deixade que pregoe a boa nova con todos os meus folgos, que a aperte nos meus brazos! Báteme o corazón pola cámara escura do meu peito como poldro sen freo ou como ledo latexar de peixe mentres a noite apousa sobre o estanque. Ti es miña, miña dona, eternamente miña, desde a primeira vez que, tatexante, dixéches o meu nome. ¿Eran provenzais os vellos exipcios?
¿E isto?: A súa coxa esquerda, privada dos sucos das miñas uñas, que o destino mantén desprovista dos colares de perlas que a cinguían outrora, e que sente saudade das caricias das miñas mans ás que estaba afeita ao final da nosa unión, que semella pola súa cor un tronco de plátano zumegando seiva.... ¿Era Kalidasa occitano?
Por certo, Cabalo Tolo ten agora a estatua máis grande do mundo: unha montaña enteira, a Thunderhead Mountain. É obra da familia de escultores Ziolkowski, que tardaron 50 anos en facela. Está en Dakota do Sur, nas Black Hills, Pa Sapa. Aos seus pés, un lugar que chaman Custer. Ironías do destino. Custer foi derrotado por Cabalo Tolo e volve ser derrotado. Ninguén sabe onde enterraron ao indio asasinado. Pero foi e ha volver.

Um comentário:

paideleo disse...

Preciosa historia.