domingo, 18 de novembro de 2007

A CORREDOIRA DA VELLA DA MANTA



Infórmame o amigo Paco Nieto da existencia no Lugo vello dunha corredoira que levaba o asombroso nome de “ Corredoira da Vella da Manta”. Comprobo o dato e atopo, efectivamente, esta corredoira que leva un nome coma unha bomba de reloxería. Un nome que asusta polo que implica e que me obriga a facer reflexións sen número.
Primeiro, polo sorpresa, porque é unha corredoira (agora unha rúa entre traseiras de casas) pola que teño pasado centos de veces e nunca souben cal era o seu nome. De feito, cando eu era neno non o tiña. Era só “o carril que vai das Casas Baratas ao Camiño Vello”. Un carril triste e suxo, frío, umbrío, pequeno. Miña nai dicíanos que para ir ao cine (ao Paz, ao Victoria) non fósemos por alí. O nome perdérase. Cal o motivo? Sen dúbida, a deturpación franquista (ou anterior) de todo o noso. Desapareceu o nome como desapareceu outro ben similar, o do “Carril das Estantigas”. Pero como as cousas nunca acaban de desaparecer, un pleito fixo que nun documento oficial (un boletín da Provincia) rexurdise, porque cando hai que entenderse é preciso entrar en detalles e hai que acudir ás escrituras. Por iso, paradóxicamente, só hai que entrar na rede, poñer “vella da manta” e alí está: unha casa que dá á rúa Pontevedra e, polo norte, á “antes llamada Corredoira da Vella da Manta y actualmente rúa do Freixo”.
Toda a barriada á que se accede desde a Porta Nova levou o nome de “Arrabal da Porta Nova” e as Casas Baratas (que tiveron o nome oficial de Cidade-Xardín) son unha parte dela. Non cabe dúbida de que antes de facerse esas casas e de abrirse esas rúas no primeiro tercio do século XX, a corredoira da Vella da Manta sería moito máis longa e, polo trazado actual, debía continuar pola que á agora rúa Tui. Ocorre precisamente que canto máis torta, estreita e labiríntica é unha rúa, máis vello é o seu trazado: o carril é preexistente ao barrio.
Neses momentos a zona era extrarradio, un extrarradio sen luz e de míseras casiñas. As nais, para impedir que os nenos se metesen por percorridos escuros e perigosos (sempre houbo asasinos e violadores), dicíanlle que por alí andaba o chupasangues, a Compaña ou a meiga chuchona. Maríamanta, a muller que se corresponde pé a pá co home do saco, o sacaúntos, é unha muller que rouba os nenos. Descríbese como unha esmolante moi fea, cun papo moi grande, envolta nunha manta: a Vella da Manta, que lles vai zugar o sangue. Un personaxe mítico que poden vostedes atopar no Dicionario dos Seres Míticos.
A función protectora dos cocos queda explícita. A mesma función debía ter o nome “Carril das Estantigas” noutra zona despoboada e medrosa dentro de murallas. Este carril tivo máis sorte. Cambiáronlle o nome polo de “Carril das Ortigas”. Haber, había ortigas e ademais rima. Como quen alterou o nome probablemente non comprendía o que eran “estantigas”, buscou un con certa lóxica. Afortunadamente alguén se deu conta (gracias aos documentos e planos) do calote e o nome volveu oficialmente ao seu.
Habería que pedir o mesmo para a Corredoira da Vella da Manta, porque rúa do Freixo é un nome posto ao chou e non ten ningún senso. Posto, iso si, con boa vontade e con vontade galeguizadora (peor sería “calle del Fresno”). Con boa vontade pero errada, ignorando (neste caso con desculpa) a realidade ilustre do carril. Ilustrísima., pintoresca, atraínte, romántica realidade. Que lle devolvan o seu belísimo nome. Porque aínda que non estivese na conciencia dos nosos antergos, esa vella ten parentela ben coñecida en sociedade. Esa vella fea, tenebrosa, é curmá de Hécate e irmá xemelga de Lilith e Ceres. Parécese tanto a elas que un diría que é a mesma, esa que rouba os nenos para chucharlles o sangue e facer con ela a cor vermella do seu arco.

Um comentário:

Marcos Valcárcel López disse...

Deixo no meu blog unha breve crónica da fermosa tarde de onte. Unha aperta.