sexta-feira, 5 de dezembro de 2008

Marcos Valcárcel



No ano 1976, se a memoria non me é infiel, coñecín a un grupo de rapaces ourensáns brillantes coma estrelas da mañá: Bieito Iglesias, Xan Guerra, Marcos Valcárcel, Bieito Alonso. No piso onde vivían celebrábanse reunións contínuas e clandestinas, non só de ERGA, a organización á que todos pertencían (menos Manolo Cao), senón tamén da UPG, e por alí pasaban xentes como Elvira Souto ou Margarita Ledo. Como toda regra ten a súa excepción, entre os ourensáns había un que non o era: Perfeto Ramos, que é de Crecente (pero que, penso, estudara en Auria).
Marcos Valcárcel, naquela constelación de intelixencia, enerxía e xenerosidade que foi ERGA, (aínda que algúns dirán que ERGA foi máis ben unha supernova, e estalou en luces de todas as cores), foi desde o inicio, e continúa sendo hoxe, unha das máis belas estrelas. O seu lume daba calor verdadeira. Na faculdade de Historia ERGA contaba con personalidades auténticamente xeniais: os lucenses Xosé Manuel Sarille, Xullo Gaioso, Pilar Meilán; o coruñés Xullo Cuba; a ferrolá María Xesús Arias; Bieito Iglesias; tamén estaban Rosa Bassabe e Alberte Esteban, que non eran de ERGA, pero como se o fosen. Aínda así, Marcos destacaba pola elegancia, a seriedade e a bonhomía, ademais de por ser un auténtico sabio xa daquela.
Marcos, o home tranquilo, o factotum cultural de Auria, é o home que todos quixeramos ser: partidario firme da igualdade, a fraternidade e a liberdade, da cultura, da paz e do progreso; amigo dos amigos e opoñente educado e amable dos inimigos (non dos seus, que estimo imposible que os haxa, senón dos das súas ideas); cunha cultura enorme, enciclopédica; ameno, claro e didáctico; demócrata practicante; tolerante, pero defensor das súas ideas; convencido, pero non tanto como para impoñerllas aos demais por activa nin por pasiva; bo, xeneroso, no sentido profundo e orixinario destas palabras; bo cos seus e cos outros; sempre con Galicia no corazón, sempre pensando nos desfavorecidos, sempre da parte dos oprimidos, pero sen sectarismo, sen demagoxia e sen ningunha caste de dogmatismo; capaz, eficaz, organizador incansable; con requintado gusto estético, literario, artístico, cinematográfico e musical.
O seu mundo comeza e non remata coa súa familia, os amigos (que son, somos, numerosísimos), Ourense, Galicia, Europa e o Mundo, pois Marcos sabe, e di, que unha cousa non quita a outra; que o amor a Ourense fundamenta o amor a Galicia, e o amor a Galicia, o amor ao mundo. Que a atención aos seus funda o aprezo polos demais.
Ninguén fixo tanto por Ourense, nin estudiou tanto a súa historia, desde o seu devanceiro espiritual, don Ramón Otero, do que é lexítimo herdeiro. Non se comprende, por iso, que non lle teñan dado xa a medalla de ouro da cidade.
A todo isto, e a os seus moitos libros, traballos, conferencias e artigos, engadiremos o seu prodixioso blogue, As uvas na solaina, que leva dado xa moito mosto e moito viño novo, e que as min me parece non só o mellor de Galicia (e se fose preciso do mundo mundial), senón un dos escasos foros de debates auténticos, libres e democráticos con que contamos no país.