Mostrando postagens com marcador Literatura. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Literatura. Mostrar todas as postagens

sábado, 9 de fevereiro de 2008

Negra i criminal


Estivemos, con Diego Ameixeiras e Joaquim Ventura, na BCNegra 2008. Todo marabilla. Os cataláns (moitos na mesa redonda) pregúntanse por que non hai máis escritores galegos traducidos a castelán/catalán. Non soubemos contestarlles ben. Alén diso, amosaron interese e curiosidade polo noso. Hai que agradecerlle a Paco Camarasa, organizador do evento e propietario da librería "Negra i criminal", situada na Barceloneta, que nos convidase e que se amosase disposto a abrir no seu local unha sección de literatura policial galega.Beizóns e parabéns.

domingo, 23 de dezembro de 2007

Lean


O que non sabe é como o que non ve, di o saber popular, e peor que o que non ve, pois os cegos len, afortunadamente, con modernos métodos que lles permiten acceder ao coñecemento, e o coñecemento, a información, éo todo. Cegos eran Homero e Borges, case cego Sábato. Pero os libros foron os seus ollos, permitíronlles ver o que hai e mesmo o que non hai. Cada libro é como un par de ollos que se abren nun novo mundo. O lector crea ese mundo cada vez que abre o tomo e se pon a ler. Hai que dicir agora: o que non sabe é como o que non le.
Falase moito da realidade virtual. Porén a realidade virtual existiu sempre. Mesmo antes que os libros, na literatura oral. ¿Ou logo non vivimos as vidas dos demais, non imos buscar o Tesouro con Long Jonh Silver, non nos acusa o Corazón Delator e non tememos a quen Agarda no Umbral?
Fáganme caso, lean. Ler é moi divertido. Hai xentes, estrañamente, que pensan que ler é aburrido. Están errados. Outros cren que hai que moderarse na lectura. Teño oído decir: É que o meu fillo le demasiado, é que se vai poñer tolo! Non o crean. Ler é a única droga que non mata, nin dana, nin afecta o cerebro, o máximo que pode pasar é que teñamos que usar gafas, se lemos moitos libros e libros coa letra moi pequena. Don Quixote non estaba nada tolo: vía os muíños e ademais vía os xigantes. Hai que non quere ver máis lonxe do narís. O que non sabe é como o que non le. Na tradición oral galega existen uns personaxes que son os traslidos. Ou sexa: o que se pasaron lendo e estudiando e quedaron “tocados” e sempre andan nas nubes. Pero ollen: eses traslidos andan literalmente nas nubes. Son Nubeiros. Magos tremendos que dirixen as treboadas, coñecen grandes segredos, controlan os tronos, viaxan sobre as nubes e moito máis. Quen non quere ser un traslido?
Noutras ocasións teño oído dicir que os rapaces (e, naturalmente, as rapazas) que len moito, aínda que sexan estudiosos, obteñen peores resultados que os que, sendo igualmente estudiosos, len algo menos. E dinme que pode ser por dúas razóns: unha, que teñen máis imaxinación e andan nas nubes (ou sexa, que certamente son nubeiros), outra, que, en realidade, dedican menos tempo a estudiar ou a pensar nos estudios, pois a lectura acaba sendo un adversario dos estudios e ambas cousas compiten polo pouco tempo que hai na sociedade actual. En canto ao primeiro, que hai mellor cá imaxinación? Nada. Pregúntenlle aos profesores se queren estudiantes imaxinativos. Verán a resposta. E en canto ao segundo, os mozos teñen tempo para todo. Lémbranse de cando eran novos? E, se non o tivesen, o que hai que facer será estudiar un algo menos, e ler algo, saír un pouco, facer algún deporte. Como dicía Arsenio, non todo vai ser fútbol, digo, non todo vai ser estudio. E ademais, ler é sanísimo, ningún estudio forma tanto como a lectura, ambas cousas son compatibles, e hai que lles preguntar aos profesores de calquera idioma, pero tamén aos de calquera asignatura de letras ou de ciencias, se ler é bo ou non, e se se nota ou non a enorme diferencia entre os alumnos que len e os que non.
Ler é o único vicio que constitúe unha virtude. Déanlle ás á súa imaxinación, porque a min a miña aprendeume que un libro pódese ler e pódese desler. Se un le un libro e o esquece é como cando vén unha enchenta do río, a terra cúbrese, anéganse os prados, e cando as augas se retiran, deixan a lama fértil. A herba que medra a cachón nin lembra que estivo mergullada, pero sobe máis ca nunca, máis ca nunca asubía. Se un le un libro e o lembra, entra nas vidas dos demáis, aprende, goza, imaxina, vive. Se les o libro dun morto, fas maxia verdadeira, porque falas con el. Falar cos mortos é cousa de bruxos. Os que lemos libros somos bruxos.
Se les o libro dun amigo distante, rompes co tempo e co espacio e poste ao seu lado. Maxia auténtica, como non hai outra. Se les o libro dun descoñecido, deixa de ser descoñecido. Soñades xuntos e facedes o libro a medias. Se les un libro podes subir ás nubes, voar sen ás, pasear cos vampiros baixo a lúa, vestir a pel do lobo, ir nas gavela cos bandoleiros, subir a unha torre usando de escaleira os cabelos dunha moza, matar un xigante, falar cos caníbales, navegar á illa do tesouro, conxurar un mouro, abrir as penas, saber segredos, descabalgar nubeiros, contarlle un conto ao teu avó, visitar os cousos do lobo e os cavorcos do xabarín, correr baixo a neve polvoriña, instaurar a república galega e o comunismo.
Se desles un libro baixas das nubes, pechas as augas, zarras as penas do tesouro, enches o cuarto de bruxas, chamas pola escuridade e as sombras decapitadas dos cans saltan os valados, achegándose. Se queiman un libro saen del luces de cores. O libro non morre de todo. Está cheo de trasnos que buscan outra casa. A lectura dá poder. Por eso queren ler só eles e queren que só leamos o que eles din. Os que len libros non queren guerras, nin chapapotes, nin presidentes que se atragantan coas galletas, coas galletas de cereal ou de chapapote. Queren xustiza, paz e liberdade para todos e para todas. Benaventurados os que len libros, e máis benaventurados se ademáis escoitan aos outros, se falan cos maiores, cos nenos, coas avoas, cos paxaros, coas fontes, co río que pasa, coas nubes, co vento que zoa. Benaventurados os que len, porque levan na fronte unha estrela e no bico un cantar.

sexta-feira, 21 de dezembro de 2007

Sendo Francos


Non nos chegaron corenta anos do Franco pequeno esmendrellando a nosa autoestima. Agora temos que aturar ao Franco grande enrabechado porque ninguén lle fai caso. O único escritor galego bo é o escritor galego morto. (Salvo el mesmo, xaora).

sábado, 15 de dezembro de 2007

ESCRITORES NEOBILINGÜISTAS



Nos tempos modernos é preciso redifinir a figura do escritor bilingüe. Porque, claro, non pode referirse esa figura ao mesmo ao que se refería no século XIX e no XX. Daquelas non había blogs, internautas, xornais de edición simultánea e edicións simultáneas de libros. Todo mudou. Mudan os tempos, mudan as vontades. O escritor bilingüe semellaba unha figura do pasado, mais volve agora con folgos, sementando ao seu paso o desánimo, a rendición e a confusión. Superados os tempos de Blanco-Amor e Cunqueiro, andaban os escritores bilingües derrotados e en franca desbandada. O ascenso da conciencia de país (que é o mesmo ca conciencia de idioma) fixo que toda ponte entre os que escribían en castelán e en galego rachase. Os campos quedaron delimitados. Cada ovella coa súa parella.
Por iso, cando Alfredo Conde ou Bieito Iglesias escribiron os seus libros en español, produciuse un escándalo que sinalaba que volver ao bilingüismo era dar pasos atrás e tirar pedras no propio tellado. Así o berraron todos con boca grande (coa pequena dixeron máis cousas: coa pequena son todos moi valentes). Mais agora redefinamos o que é un escritor bilingüe:
1. O que escribe uns libros en galego e outros libros en castelán.
2. O que publica simultaneamente os libros en galego e en castelán (pois cara aos lectores este caso é o mesmo ca o anterior: o libro só existe cando se publica). De feito, este bilingüismo é máis prexudicial para o idioma, pois así pódese ler en castelán toda a obra dese autor, sen necesidade ningunha de preocuparse do galego, e ao mesmo tempo! (De paso, o escritor pode esquecer que é galego).
3. O que escribe os libros en galego e os artigos en castelán na prensa galega ou na prensa española con edición galega. De todos, este bilingüismo é o peor en canto aos seus efectos, pois os artigos chegan a un público infinitamente máis numeroso ca os libros.
É un exercicio de cinismo ou de hipocrisía criticar ao primeiro tipo de escritor bilingüe, case inofensivo, e deixarse no tinteiro (ou no cuspe debaixo da lingua, ou dicilo só coa boca pequena) aos escritores dos tipos 2 e 3, que colaboran sen querelo co deterioro imparable do noso idioma. Mais o que é o colmo é que algún deses escritores aproveite o seu foro para darnos lecións (en castelán) sobre o país, sobre a democracia, sobre a autoestima dos galegos e sobre a mesma defensa do idioma. Un esperpento. E os que tanto tiveron que dicir de Alfredo e de Bieito, coa boca pechada. Non vaia ser.

terça-feira, 11 de dezembro de 2007

Smith and Wesson



Chamar, chamábase Matoaka. Os ingleses pensaron que o seu nome era Pocahontas e, como non era cristiano, fixérona bautizar co de Rebecca. Con moitas verdades, Terrence Malick constrúe unha monumental mentira na súa bela película O Novo Mundo. Constrúe unha mentira moi bela, bela como a actriz Q´orianka Kilcher (bela ao xeito indíxena, a película como a actriz, co cabalete do nariz ancho e bronco, os labios grosos, os ollos limpos), mentira se cadra un tanto desaxustada e chea de sutís contradiccións, que se poden deber a que, seica, o filmado era o dobre e na montaxe houbo que elixir que cinta figuraba e cal non. E se cadra nas elipsis errou o director: faise referencia a cousas que non se viron, nun momento parece que Pocahontas está embarazada, despois xa non. Vin nesta película a influencia innegable de Herzog (Aguirre) e de Tourneur. Tal vez, por iso, a de Conrad. E, aínda que non o pareza, a de Saura (El Dorado). Quérenos facer crer Malick que Pocahontas aceptou a “hospitalidade” británica, o colonialismo. Ocúltanos que, probablemente, foi unha espía do seu pai. Ocúltanos que a confederación de Powhatan, que ocupaba o espazo da actual Virxinia, entre o Potomac ao norde e Albermale Sound, ao sur, reunía a 28 etnias algonquinas e unhas 30.000 almas, que era poderosísima, que puido (se quixese) aniquilar a aqueles ingleses brutais. Que errou e non o fixo. Que os indios xa coñecían aos brancos, non eran tan inxenuos como os pinta, pois Jamestawn foi elevada (é un dicir, foron poñer o forte nunha baía enlodada, malsá, e apañaron a malaria) sobre as ruinas da misión española de San Miguel (pois os españois chegaran 40 anos antes). Que, en fin, Pocahontas tiña ¡12 anos! —Un modelo de heroe inglés, o tal glentleman, mister Smith.
Ninguén contou a historia de Pocahontas, princesa, como o xenial Marcel Schwob no seu belísimo libro (téñoo agora nas mans, téñoo sempre nas mans) Vies Imaginaires.
Paso a resumir: Era filla de Wahunsonacock, a quen os ingleses chamaron Powhatan, confundindo o seu nome co da confederación que mandaba. No ano 1607 o país de Pocahontas sufriu disturbios coa chegada dos europeos. Fidalgos arruinados, truáns e buscadores de ouro desembarcadon nas beiras do río Potomac e ergueron chozas. Esas chozas recibiron o nome de Jamestawn, e á colonia chamárona Virxinia. Durante esos anos, Virxinia non foi máis ca un forte pequeño e miserable construido na baía de Chesapeake, en medio dos territorios do grande rei. Atraparon os indios ao capitán máis, cando ían matalo, unha nena de doce anos tendeuse sobre el e pediu graza. Foille concedida. O capitán tiña vintenove anos. Levaba uns bigotazos tesos, a barba en abano, e o seu rostro era aguileño. Dixéronlle que o nome da filla pequena do rei, que acababa de salvarlle a vida, era Pocahontas. Os indios liberaron ao capitán. Un ano despois Pocahontas atravesou soa a selva entre ambas poboacións e advertiu ao capitán dun ataque dos indios. Timidamente, fuxiu e perdeuse no bosque. Un ano máis, e os colonos depuxeron ao capitán e embarcárono para Inglaterra. En 1612 outro capitán, Argall, raptou a Pocahontas. Casárona con John Rolfe, un gentleman que comezaba a cultivar tabaco, en abril de 1613 (o primeiro capitán e Rolfe salvaron a colonia da desfeita. Virxinia especializouse en producir tabaco. Eu mesmo fumei algunha vez eses enrevesados xarutos). Levárona a Anglaterra en 1615 e recibiuna a raíña Ana. Fixéronlle retratos. O primeiro capitán, aquel do que ela namorara sendo nena, foi visitala. E en voz baixa confioulle que o seu nome era Matoaka. Os indios temerosos de que se apoderasen dela por maleficio, déranlles aos estraños o falso nome de Pocahontas. O capitán marchou e non volveu ver a Matoaka. Enfermou ela de saudade en Gravesend, perdeu a cor e morreu. O seu retrato está ornado con este texto: Matoaka alias Rebeca filia potentissimi principis Powhatani imperatoris Virginiae. A pobre Matoaka tiña un sombreiro alto, de fieltro, con dúas guirlandas de perlas, unha grande gorgueira de ríxido encaixe e un abano de plumas. Afináraselle o rostro, tiña os pómulos saíntes e os ollos grandes e doces.
Incomprensiblemente, esta cruelísima expresión da capacidade destructiva do ser humano pasa só por unha historia de amor (amor haino, e non por parte do europeo que coñecía o amor cortés, senón por parte da salvaxe, que nunca soubo quen foran os trobadores. Nun belísimo momento da película de Malik —hai moitos— ela senta vendo como marcha o barco del, unha noite, na eira do millo, chorando os desdés dun ingrato galán.) Incomprensiblemente, Schwob non está traducido ao galego.
Vaian ver a película. E non esquezan o que levamos ao Novo Mundo: o capitán de Matoaka (por certo, na película non sae nin unha soa vez o nome de Matoaka) chamábase John Smith. Smith. E despois de Smith, chegou a América Wesson. Smith and Wesson.

Os señores Mastromarino e Nicelli, ladróns de cadáveres


(Na foto, Marcel Schwob)


“O señor Williams Burke ascendeu desde a máis baixa condición ata unha eterna celebridade. Naceu en Irlanda e comezou como zapateiro. Durante varios anos exerceu este oficio en Edimburgo, onde trabou amizade co señor Hare, sobre quen tivo grande influencia. Dentro da colaboración dos señores Burke e Hare, non cabe dubida de que o poder de invención e síntese pertenceu ao señor Burke. Sen embargo, os seus nomes permaneceron inseparables na arte”
Así comeza o marabilloso relato titulado “Burke e Hare, asasinos”, co que Marcel Schwob remata o seu inigualable “Vies imaginaires”. Neste caso, as vidas de Burke e Hare son só relativamente imaxinarias. Efectivamente, Burke e Hare foron os ladróns de cadáveres que na época victoriana deron pé ao coñecido como caso dos “resucitadores de Edimburgo”. O que facían é sinxelo: recollían os cadáveres dos cemiterios e vendíanllos ao doutor Knox. Mais, como os cadáveres escaseasen ou polo feito, ben fácil de comprender, de que asaltar cemiterios é complicado, pasaron a aprovisionarse dos cadáveres dun xeito máis inmediato: fabricándoos.
Aínda que o lector avisado xa percibiu o innegable arrecendo a opio, digo a de Quincey, que ateiga os parágrafos anteriores (O asasinato entendido como unha das belas artes), o mestre indiscutible de Schwob foi Stevenson, mesmo neste caso. Os dous escritores, o escocés tísico e o xudeo francés non menos feble e enfermo foron amigos e carteáronse. Cando morreu Stevenson, Schwob, moi enfermo, emprendeu viaxe a Samoa, seguindo os seus pasos. Se Tusitala foi o nome que os nativos lle deron ao primeiro, Tusitala lle chamaron ao segundo. Xustiza poética. A historia da literatura non debe separalos. Polo demais, Stevenson e Schwob son os mestres do Borges da Historia universal da infamia e Schwob éo tamén do Cunqueiro das chamadas semblanzas (que non son tal).
Mais ao que imos. Stevenson, en 1885 escibiu o seu relato “The body snatcher” (“O ladrón de cadáveres”). Schwob elaborou o seu (máis realista e, para min, mellor) no 1896. O cine ignorou a Schwob, non a Stevenson. En 1945 filmouse “The body snatcher”, obra de Robert Wise, con Boris Karloff e Bela Lugosi. En 1959 outra versión, “A carne e o demo” de John Gilling. Tamén esta vez a segunda versión é mellor e máis realista.
Mais agora ven o sorprendente. Estoutro día detiveron en Nova Iorque a unha “banda dos catro” dirixida por Mastromarino e Nicelli. O señor Mastromarino, dentista sen licencia, fundou unha empresa, a Biomedical Tissue Services Limited, que servía tecidos e ósos a empresas de biotecnoloxía de todo o mundo. O señor Mastromarino, no desempeño do seu traballo, trabou amizade co señor Nicelli, director dunha funeraria, quen lle proporcionaba os cadáveres a 1.000 dólares a peza. Chegaron a implicar no fraude, coa compaña de dous enfermeiros (Crucetta e Aldorassi) a sete funerarias e profanaron máis de 1.100 cadáveres. Procedían así: valeiraban ao cadáver de órganos e ósos, sustituían estes por tuberías, cosían o que houbese que coser, falsificaban os certificados de defunción e a idade do morto e vendían os órganos que, en realidade, eran moitas veces inservibles e oficialmente nunca serían admitidos. As persoas que os recibían eran enganadas: crían recibir o corazón dun mozo e levaban o dun vello, etc.
Mais o asunto é que alguén os mercaba e pagaba por eles (un cadáver pode xenerar ata 198.000 euros de beneficio). Mastromarino chegou a acumular máis de 3 millóns de euros. Hai que recoñecer que, dentro da colaboración Matromarino-Nicelli, a capacidade de invención e síntese era do primeiro, mais os seus nomes van permanecer para sempre unidos. O relato de Schwob remata cun final perfecto para este caso. Lean (sustitúo o nome de Burke polo de Mastromarino): O señor Mastromarino non deixou máis obras.
Ora, o que un bota en falta é o seguinte paso: o de fabricar os cadáveres. Mais diso xa nos contan as lendas urbanas, que visto o que hai, se cadra nin son lendas nin tan urbanas. Pero diso falamos outro día.

domingo, 25 de novembro de 2007

Dobre ou nada




En 1884, moitos anos antes de que Sigmun Freud elaborase os conceptos de inconsciente, de pulsión de vida e de morte, principios de realidade e de placer, e ego, illud e superego como compoñentes distintos da personalidade e da interpretación dos soños como realización dun desexo latente, un escocés tísico escribiu O estraño caso do Doutor Jekyll e Mister Hyde, no que non só se adiantan todas estas ideas, senón mesmo as posteriores de represión cultural da agresividade e da sexualidade. Non debe por iso pensarse que Robert Louis Stevenson escribiu un tratado filosófico. Moi ao contrario, a novela é unha áxil narración que unha noite lle foi suxerida por un pesadelo. O certo é que Stevenson, un dos máis grandes escritores da historia, tratou en diversas ocasións o tema do dobre, do alter ego, como tal no conto asombroso e atroz Markheim, de final sorpresivo.
Pero se o lector cre, porque viu algunha das innumerables versións perpetradas no celuloide, que coñece a obra, estará moi enganado. O cine traicionou a Stevenson e matou a sorpresa final. Hyde e Jekyll son un só, pero na novela non o descubrimos ata a páxina 90. Ademais, non se trata de que Jekyll é bo e Hyde é malo, senón que, como dixo Nabokov, a transformación de Jekyll supón unha concentración do mal preexistente nel. Chesterton suliñou que a clave desta historia non está en descubrir que un home é dous homes, senón na percepción de que os dous son un só. O cerne da historia non está en que un home pode desprenderse da súa conciencia, senón en que non pode.
Stevenson, que percorreu os camiños da aventura, do terror psicolóxico e da narrativa fantástica en relatos como Olalla, O ladrón de cadáveres, O demo na botella, acometeu en O Doutor Jekyll un tour de force estilístico e abriu a contemplación dos abismos da alma humana, moi en liña con E. A. Poe. Porque é necesario aclarar que o fantástico en Stevenson está enormemente próximo á realidade e que non hai monstros nin pantasmas: Hyde non é unha besta, é sinxelamente demasiado humano, mesmo é un home minúsculo, porque nos humanos o mal está reprimido e só medra na sombra.
Poeta, narrador, ensaísta literario e científico, o grande Stevenson é un dos cumes da literatura universal. Lembremos só A illa de tesouro, A frecha negra, Secuestrado, O señor de Ballantrae. Lembremos que os nativos de Samoa, onde morreu, lle chamaban Tusitala, o que conta historias, e lembremos que Borges, no seu poema Los justos sinala, entre os once tipos de persoas que están salvando o mundo, a El que agradece que en la tierra haya Stevenson.

sábado, 24 de novembro de 2007

Presentación de "As mans do medo"



A continuación as notas que lle serviron a Marcos Valcárcel para a presentación de "As mans do medo":

1. Escritor total, plural nos xéneros e temáticas, estilo coherente e consolidado, capaz de adentrarse en rexistros moi diversos, ousado na apertura de novos campos da realidade literaria, cunha carreira xa longa e plena, sen rupturas nin irregularidades no conxunto da súa obra.
Neste sentido, estamos a falar dunha novela de adultos, amena na lectura e áxil nas súas estructuras narrativas, pero densa nos seus significados: un mundo que se conta dende o pracer de narrar, deixando sempre novas fiestras e buratos abertos á interpretación da realidade.
Experiencias anteriores na literatura fantástica: O demo na orella; A biblioteca da iguana; Vestio (Nigra).

2. Un dos principais valores de AS MANS do medo é a súa diversidade, a pluralidade de perspectivas que abre, a súa capacidade para relacionarse con outros relatos e outras historias por riba do tempo e do espazo.

Para min ten varias obras mestras do relato curto, xénero con tanto cultivo e éxito na nosa contorna cultural.
Velaí As mans do medo; Seis dedos; Mondoñedo; O lambirón, entre outros.

En todos eles o autor amosa un evidente dominio de todo tipo de recursos narrativos, pero presentados estes coa maior espontaneidade e fluidez, sen que causen “ruídos estéticos” no lector e sen que se note, cando menos na primeira lectura, a fonda argamasa da estrutura que sostén cada un dos relatos.

En As mans do medo
Imolo contar: inicio dun rexistro popular. Conto das mans autónomas (as man viva). Angustia. Desespero. Dominación do Estraño. Incertidume. Medo á enfermidade.
Moderno Frankestein (guiño final). Control dunha personalidade por unha forza estraña. Usurpación, do invisible ó visible: o tema clásico do Dobre.
Seis dedos
Con varias constantes comúns co relato anterior.
Figuraba xa na “Antoloxía do conto galego de medo”, de Silvia Gaspar (Galaxia)
Mondoñedo está máis perto do relato tradicional, de xinea foleana, sabendo sacar todo o partido posible do mundo das aparicións e premonicións. A escolla da fórmula epistolar é moi oportuna e permite crear un ritmo narrativo en continua tensión e suspense, aínda que non nos custe adiviñar un final que tanto sospeitamos como tememos.

O lambirón fala da transformación dos seres e retrotráenos ó mundo das sereas e dos monstros mariños. Un mundo que mesmo cautivou a Otero P. (“A serea”) e xa non falemos de Álvaro Cunqueiro, con quen este relato debe ter débedas evidentes.
Anxos da garda leva ó lector da man, xoga con el coma quere, asolágao no fatalismo e no absurdo para estoupar finalmente nun rexistro de sorpresa que ten acenos plenamente cinematográficos. Ou tamén pictóricos: podería ser unha magnífica pintura de Munch ou de calquera dos grandes pintores simbolistas.
O éxito da ocultación, o non descubrir todas as cartas da baralla, é unha das razóns da eficacia literaria de A neve e a cadeira.
O mundo dos soños, a angustia desesperada, o prodixio da fantasía e o xogo das reviravoltas das situacións narrativas dominan o Primeiro calafrío.
A brevidade marca moitos destes textos, como Segundo Calafrío, onde se busca o resultado do “impacto” (perdón, don Vicente Risco, que non nos perdoaría o uso desta palabrota) mesturado cos xogos do humor e na lindeira do xénero do “chiste” breve.
Un conto de reis lémbranos en cambio o rexistro clásico do conto de nadal, se se quere algo moralizante e de sabor amargo, dickensiano na súa final realización. Pero ten sobre todo o interese de xogar coa equivocatio narrativa e crear, malia a súa brevidade, chispazos de sorpresa e emoción de fonda eficacia.

3. O mérito do Xosé Miranda é o dos grandes escritores: cos vimbios de sempre, pois todas as historias están xa contadas dende os clásicos e dende os antigos, crear historias novas, que rezuman mocidade e nos deixan un saboroso gusto na boca, desexosos de xantar algunhas máis.
Sabe, en definitiva, axuntar a tradición dos contos de sempre coa modernidade dun escritor do século XXI.
Un escritor que, estou ben seguro, leu e debullou con agrado a obra dos mestres, dende Edgar Allan Poe, Mary W. Shelley e Lovecraft ata os nosos Cunqueiro, Dieste e Fole, pasando por unha longa xeira de referencias literarias, pictóricas e cinematográficas entre as que quizais se encontren nomes como Borges, Cortázar, o cine de terror de serie B ou, por qué non?, a fantasía desbordada das nosas cantigas de escarnio medievais ou dos argumentos surrealistas e plenamente fantásticos de tantos dos milagres das Cantigas de Santa María de Afonso X. Nese mesmo eido traballaron algúns grandes escritores galegos: Fole, Cunqueiro e Dieste, dende logo, en primeira fila, pero tamén o Antón Risco, o Carlos Casares de “Os escuros soños de Clío” ou algúns textos de Bieito Iglesias (A noite das cabras do aire).

4. REMATE. Seguindo este fío, gustaríame rematar cunha pregunta para debate ou achega a unha posible reflexión que a propia obra de XOSE MIRANDA xa está a responder, pero que tamén me gustaría escoitar directamente do autor a súa opinión ó respecto.
Sobrevivirá o conto tradicional galego á desaparición do contexto, a Galicia arcaica e tradicional, na que esas historias xurdiron ?
Deberá modernizarse o relato de terror galego para manter a súa vixencia e plena eficacia narrativa ó longo do século XXI?
E como imaxina o escritor Xosé Miranda esa posible modernización do relato de terror tradicional dende os tempos de hoxe?

Presentación de "As mans do medo"




Onte, 23 de novembro, ás 8 da tarde, presentamos no "Uxío Novoneyra" de Lugo este meu último libro. Contei para iso coa axuda (moitas grazas, irmáns) de Manolo Bragado e de Marcos Valcárcel, que viñeron desde Vigo e desde Auria a acompañarme.
Manolo fixo, coma sempre, unha cálida e sabia presentación e Marcos demostrou unha vez máis que é un atinado polígrafo (como Filgueira, como Otero)e unha das persoas que máis sabe de literatura e historia no país. As súas reflexións sorprendéronme por veces e abríronme os ollos sobre algúns aspectos dos meus propios textos.
Os nove relatos de "As mans do medo" camiñan entre o propiamente fantástico, o marabilloso e o "Extraño", entre o real e o onírico. Procuran causar malestar, desasosego, desacougo. E por iso un dos temas recorrentes é o do alleamento, o da perda do eu. Polo demais, eu quixera ser un escritor como os de antes, é dicir, como Cortázar, Dieste, Quiroga ou Poe (ou Chejov, Maupassant, Borges e Cunqueiro). A min iso de que non haxa fío argumental e de que se pretenda inventar unha narración anarrativa seméllame unha coña.