sábado, 24 de novembro de 2007
Presentación de "As mans do medo"
Onte, 23 de novembro, ás 8 da tarde, presentamos no "Uxío Novoneyra" de Lugo este meu último libro. Contei para iso coa axuda (moitas grazas, irmáns) de Manolo Bragado e de Marcos Valcárcel, que viñeron desde Vigo e desde Auria a acompañarme.
Manolo fixo, coma sempre, unha cálida e sabia presentación e Marcos demostrou unha vez máis que é un atinado polígrafo (como Filgueira, como Otero)e unha das persoas que máis sabe de literatura e historia no país. As súas reflexións sorprendéronme por veces e abríronme os ollos sobre algúns aspectos dos meus propios textos.
Os nove relatos de "As mans do medo" camiñan entre o propiamente fantástico, o marabilloso e o "Extraño", entre o real e o onírico. Procuran causar malestar, desasosego, desacougo. E por iso un dos temas recorrentes é o do alleamento, o da perda do eu. Polo demais, eu quixera ser un escritor como os de antes, é dicir, como Cortázar, Dieste, Quiroga ou Poe (ou Chejov, Maupassant, Borges e Cunqueiro). A min iso de que non haxa fío argumental e de que se pretenda inventar unha narración anarrativa seméllame unha coña.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
2 comentários:
Pepe: foi estupendo o serán de onte. Entre os tres blogs quedou todo recollido. Enlacei na miña anotación estas dúas túas.
Grazas de novo por todo, Pepe. Eu fun a Lugo a aprender dos sabios coma ti, díxeno alí e non é retórica. Non hai no noso país tantas persoas das que pague a pena aprender algunhas cousas... Polo demais, totalmente de acordo co que alí falaches e o absurdo desa narración sen narratividade. Falaches alí tamén do artigo de Vicente Verdú, en Babelia, e a súa teima con facer ficción sen historias... Tema creo que xa debera estar superado. Repítese en todas as xeracións. Lembro que Carlos Casares moi cedo desbotou o seu inicial experimentalismo, sobre todo a novela "Cambio en tres", en favor da comunicación e da historia, da narración en suma. E toda narración é fantástica xa per se, como ti mesmo dixeches en Lugo. Dende logo eu estou moi perto da túa idea da novela e da literatura e creo que tamén moitos lectores intelixentes. Outra cousa son algúns críticos e catalogadores.
Postar um comentário