sábado, 15 de dezembro de 2007

ESCRITORES NEOBILINGÜISTAS



Nos tempos modernos é preciso redifinir a figura do escritor bilingüe. Porque, claro, non pode referirse esa figura ao mesmo ao que se refería no século XIX e no XX. Daquelas non había blogs, internautas, xornais de edición simultánea e edicións simultáneas de libros. Todo mudou. Mudan os tempos, mudan as vontades. O escritor bilingüe semellaba unha figura do pasado, mais volve agora con folgos, sementando ao seu paso o desánimo, a rendición e a confusión. Superados os tempos de Blanco-Amor e Cunqueiro, andaban os escritores bilingües derrotados e en franca desbandada. O ascenso da conciencia de país (que é o mesmo ca conciencia de idioma) fixo que toda ponte entre os que escribían en castelán e en galego rachase. Os campos quedaron delimitados. Cada ovella coa súa parella.
Por iso, cando Alfredo Conde ou Bieito Iglesias escribiron os seus libros en español, produciuse un escándalo que sinalaba que volver ao bilingüismo era dar pasos atrás e tirar pedras no propio tellado. Así o berraron todos con boca grande (coa pequena dixeron máis cousas: coa pequena son todos moi valentes). Mais agora redefinamos o que é un escritor bilingüe:
1. O que escribe uns libros en galego e outros libros en castelán.
2. O que publica simultaneamente os libros en galego e en castelán (pois cara aos lectores este caso é o mesmo ca o anterior: o libro só existe cando se publica). De feito, este bilingüismo é máis prexudicial para o idioma, pois así pódese ler en castelán toda a obra dese autor, sen necesidade ningunha de preocuparse do galego, e ao mesmo tempo! (De paso, o escritor pode esquecer que é galego).
3. O que escribe os libros en galego e os artigos en castelán na prensa galega ou na prensa española con edición galega. De todos, este bilingüismo é o peor en canto aos seus efectos, pois os artigos chegan a un público infinitamente máis numeroso ca os libros.
É un exercicio de cinismo ou de hipocrisía criticar ao primeiro tipo de escritor bilingüe, case inofensivo, e deixarse no tinteiro (ou no cuspe debaixo da lingua, ou dicilo só coa boca pequena) aos escritores dos tipos 2 e 3, que colaboran sen querelo co deterioro imparable do noso idioma. Mais o que é o colmo é que algún deses escritores aproveite o seu foro para darnos lecións (en castelán) sobre o país, sobre a democracia, sobre a autoestima dos galegos e sobre a mesma defensa do idioma. Un esperpento. E os que tanto tiveron que dicir de Alfredo e de Bieito, coa boca pechada. Non vaia ser.

2 comentários:

Marcos Valcárcel López disse...

Reflexión atinada. A nivel individual eu non me atrevería a sinalar co dedo a ningún escritor: a escolla da lingua pode ser un dereito inalienable (a lingua escólleo a un, creo que non se escolle).
Pero a nivel colectivo é certo que esta situación é un fracaso e un desastre: as versións galegas acaban sendo residuais e moito me temo que haxa xa moitos lectores, aquí no país, que agardan "polo libro en castelán".

SurOeste disse...

Por suposto que cada un ten dereito a escoller lingua na que escribir e na que falar depende en que lugares, con quen, con que intención e interlocutores. Eu non creo nin nunca crin nesa patraña do bilingüismo harmónico (agora empeza a estar claro que era o que debiamos entender po bilibgüismo harmónico). A estas alturas, 150 anos despois de A gaita gallega de Pintos, xa está suficientemente vulgarizada a sociolingüística (oficial nos programas escolares) para poder comprender tanta confusión. E penso que, se eles teñen dereito a escoller, os que recibimos todas estas mensaxes literarias ou doutro tipo por diferentes medios temos tamén dereito a rir interiormente do gran espectáculo que nos brindan e a intentar interpretar cada un deses pasos de baile, porque cada xesto que se faga na vida pública ten, sen dúbida, un significado (queiran ou non os protagonistas).