sábado, 31 de maio de 2008

As mans do medo, 3ª edición


As mans do medo, 3ª edición
Edicións Xerais de Galicia
ISBN 978-84-9782-598-6

quinta-feira, 29 de maio de 2008

Xudeos antisemitas?


A agresión aos rapaces árabes (acoitelamento, apaleamento) non é, seguramente, antisemitismo. Va que non. Porque, se o fose, a Asociación de Amizade Galiza-Israel denunciaríao.

segunda-feira, 26 de maio de 2008

MARABILLA EN NANTES






TÍTERES OS DE NANTES!

CASTRO DA ATALAIA


Este é un bo exemplo de como practica a Consellería de Cultura a súa máxima de "Tolerancia cero".

Un escándalo!

A noción de ben cultural queda subordinada á posibilidade do gozo público, o que, á súa vez, se vincula ó deber de conservación, e iso con independencia de que a súa titularidade sexa pública ou privada.

Así pois, xa que os bens culturais teñen un valor de testemuña histórica e de civilización, os propietarios e as diversas administracións deben preservar ese interese xeral que é o noso patrimonio histórico. No exercicio dese cometido estes entes públicos precisan a colaboración das institucións e, sobre todo, dos cidadáns, no coidado, defensa, protección, conservación e custodia de tódolos bens que forman parte do noso patrimonio cultural.


Porén, o Concello de Cervo da Mariña lucense outorgoulle tres licenzas a un construtor, para levantar 100 vivendas sobre o castro da Atalaia. Ambos sabían que nese terreo hai un importante xacemento arqueolóxico.

O Concello non tramitou a orde de de paralización da obra emitida por Patrimonio até catro días despois, permitíndolle, deste xeito, ao construtor destruír parte do xacemento.

Pola súa banda, Patrimonio incomprensiblemente permitiu que esta desfeita continuase noutras parcelas que non se viran afectadas, tal e como se pode comprobar nestas ligazóns:

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia/

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-atalaia-1/

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-2/

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-3/


DRÁCULA NO ROCHO



Lugo era triste, escuro, frío. Todo o inverno chovía sen parar, a néboa non deixaba ver un burro a tres pasos, as noites semellaban interminables e as tardes brevísimas, non había luces nas rúas, que tiñan beirarrúas de terra, moitas eran sinxelamente carrís, nevaba dúas ou tres veces por ano e a neve non se ía en varios días, os carambos pendían dos lousados e o lazo duraba meses nos charcos que se formaban nos descampados. As clases comezaban ás nove (un día por semana, ás oito), remataban á unha e media, e volta pola tarde, de catro a sete. Saíamos con noite e atravesábamos unha cidade deserta, a escuras, en penumbras. Sentíamos unha man acariñándonos o cocote.

Porque estabamos máis que avisados. Non fales cos descoñecidos. Ten cuidado se vén un coche. (Pasaban poucos, moi poucos). Ten coidado porque pode ser o coche do sangue, o coche do chupasangues. O chupasangues, que lle quita o sangue aos nenos para vivir, ou para vendelo, ou para encher garrafas, ou para chuchalo. O chupasangues que agarda detrás da esquina, a carón do muro, nun portal, nun carril sen luz. O coche do chupasangues, que non leva conductor. Máis ca avisados: o chupasangues nos campos de millo, nas trincheiras de Garabolos, en calquera sitio.

Agorasei que as historias de chupasangues eran lendas urbanas cunha base moi real. Por ejemplo, nun número do Tío Pepe da Fonsagrada (periódico anterior á Dictadura), atopei o que segue: “En troques, fixéronlles subir ao pao os asesinos de Gador, que chuparon a sangre d´un neno como menciña

No barrio xuntábamonos todos os nenos. Nos portais. A contar e escoitar.

E unha noite, á hora da cea (sobre as 10), estábamos no rocho dos Bohorque. Eu era moi pequeno, seis ou sete anos. Os outros, meirandes: meu irmán, os tres Bohorque, o José Luís, o Tito e o Pepucho, o Pepe, non sei quen máis. Non sei nin como puidemos meternos naquel rocho estreito, cativo, tantos nenos. O rocho, ateigado de caixas, leña, cachivaches, cadraba debaixo do piso, nun descanso das escaleiras. Non tiña a penas luz, e abríase por detrás, mediante unha xaneliña (Un ventanuco, máis ben) sobre a horta. O Carlos ou o José Antonio, que xa eran mocetes, foran ver Drácula, e contaban a película: a viaxe na dilixencia, a chegada ao castelo, a cea, a viaxe a Londres, todo. Drácula resucita, nunca morre, faise morcego, néboa, pero non pode entrar nun sitio se non o convidan. E nesto oénse uns pasos na escaleira. Petan na porta do rocho. Todos asustados agolpáronse contra o fachinelo, afastándose da porta. Quen é?-di un dos irmáns, e unha voz responde: ­—Drácula. Ábreme e déixame pasar.

Polo ventanuco non cabíamos, non podíamos fuxir. Salvo eu, que era o máis cativo. Dixéronme: ti tírate. O medo era real, pero non me tirei. Meu irmán mandoume meter nunha caixa de cartón. Os outros agardaron, todos contra a parede. O Carlos colleu unha tranca e púxose detrás da porta, disposto a defenderse. A voz dixo: Abride a porta! Abriron. Eran os pais que viñan buscalos para a cea e decidiran gastarnos unha broma.

domingo, 11 de maio de 2008

MUSMUSUSMU



Pregúntame Xoán da Coba (quen se agoche detrás dese seudónimo) a orixe do nome dun personaxe da miña novela Ariadna, o gato robótico Musmususmu, pois ao visto en wolof (idioma do Senegal) muus significa gato, muus mu, o gato que, e muus mu suñu, o gato que é noso En puridade, o nome do personaxe musmususmu non é meu: roubeillo ao Paco Martín. Claro que nel era o nome dun rato, que se explica pola repetición de mus. Se o gato caza ratos, podemos con facilidade aplicarlle a un o nome do outro. O meu gato é mecánico, pero murador. (Un gato murador é o que caza ratos, non o que anda polos muros). Noutras palabras, os nomes do rato e do gato semellan emparentados ou cando menos similares. Non me dirán vostedes que muus (gato) e muxuk (gato en uzbeko), músaro (en leonés), mixino, micho, etc, non se semellan a mus, maus, mouse. E non me dirán que o que fan os gatos, miañar, maullar, facer miau, non se parece ao nome dos ratos. Do mesmo xeito que o que fan os cans (guau, antes sería uau), en inglés wof, será onomatopeico, pero seméllase ben aos nomes do lobo -wolf, ulf- e do raposo -vulpes (que soaría uulpes), golpe. Pero o raro é que os nomes europeos do gato son, en verdade, derivados do nome do can (catus: canciño) e os nomes latinos do rato parece que proceden máis ben da rata, porque en latín orixinalmente o gato era felix e o rato mus. Pois vexan se se asemellan (rato, gato). O Ratonero (Buteo) chámase en galego Miñato, e miñato parece que, en realidade, é o mesmo: miñato, gato, que miaña (ou que caza ratos). Ademáis, a Gatafornela (Circus) debe levar ese nome por algo. O morcego (rato cego) nalgúns lugares de Galicia é aínda muricego. En catalán, rat-penat; en vasco saguzar, sendo sagu o nome do rato,en alemán fledermaus. A musaraña (musgaño, murgaño, furaño,furafollas) é ao tempo rato e araña, ou teipa e araña (italiano, toporagno); alemán: pitzmaus. En fin, uns animais levan o nome doutros: Do merlo, a merluza; do corvo, a corvina, etc. É moi curioso o caso dos caimáns. Herodoto (Historia) aclara que crocodilo era o nome grego dos lagartos. Cando os gregos coñeceron Exipto, extenderon o nome a ese réptil xigantesco que atoparon no Nilo (e no Sahara). Ou sexa, o lagarto deulle nome ao crocodilo. Cando os españois chegaron a América, atoparon crocodilos. Nunca os viran. Como lles chamaron?: Lagartos. Aínda así lles chaman os latinos norteamericanos (nos debuxos animados dobrados en México vía eu as fazañas do "lagarto Juancho"). Cando chegaron os ingleses chamáronlles co nome español, mal pronunciado: un lagarto! A ligator! Aligator. Sendo eu neno, un veciño da miña idade, o Juanito, apareceu a xogar cunha figuriña de plástico dun crocodilo. Díxenlle: préstame o crocodilo! El dixo: non é un crocodilo, é un águila-Tor. Eu: home, é un crocodilo, ou será un caimán. E o Juanito: é un águila-Tor, que mo dixo meu pai.
Tardei anos en descubrir o misterio: era un aligátor.