sexta-feira, 26 de setembro de 2008

O OBJECT TROUVÉ



Creo que a literatura é sempre algo similar a un "object trouvé". Schwob faino así nas Vidas imaxinarias, co Frate Dolcino, con Pocahontas ou co Capitán Kid; Borges, na Historia Universal da Infamia, en Etcétera, nos Artificios e, en realidade, en todos os seus libros; Cunqueiro, en Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e acolá, Os outros feirantes e practicamente sempre.
Fun tan inxenuo que quixen adiantarme, dar un paso máis, inventar o obxect, e así, en vez de contar a Fanto Fantini, María Pita ou Paolo Uccello, contei xente que se cadra nunca existiu: un Coruteres, un Orio, unha Ama Pitila. Mais nese momento comprendín que a literatura é sempre un object trouvé, atopado nos soños, nas memorias, na literatura ou no cine, e que ese paso adiante non é posible, porque o que facía era volver á literatura eterna. Por exemplo, unha das primeiras lembranzas que teño é de chegar á aldea onde pasábamos as vacacións, na Mariña. Tiña eu uns cinco anos, non sei ben. Non sabía a onde ía, porque non lembraba en absoluto ter estado alí. Non lembraba o ano anterior, o cal supoño que é común a esa idade. Non tiña conciencia dese lugar. Chegamos nun minibus, porque iamos cos meus irmáns, pais, avós, tíos e primos, e con algún máis. No barrio había só tres casas, e alí estaban todos os nenos da parroquia, que sabían que íamos, agardándonos. Todos me saudaban, chamábanme polo nome, e eu non os coñecía. Mellor dito: non sabía que os coñecía. Espertei subitamente a unha conciencia superior, distinta. Tiven unha sensación de estrañeza, de vertixe. E empecei a pensar que me cambiaran, que eu era outro, que non era Xosé Miranda, senón un impostor que puxeran no seu lugar. As explicación que me parecía máis lóxica era tamén a máis simple: viñeran os estraterrestres e sustituíran un neno por outro sen que ninguén se decatase. Así, era eu o único en sabelo.
Atopeime con iso. E con iso, que é arquetípico, eu quero, sen embargo, facer literatura, e por iso teño que facelo individual e contalo ao meu xeito. Porque isto contaríase mil veces, mais eu vouno contar outras mil, e vai ser outra cousa. Porque, aínda que é arquetípico, pasoume a min e non a outro, e eu son eu, non un maniquí de mostra.
Decidín daquela volver ás formas máis clásicas, facer a literatura máis individual e reaproveitar sempre os materiais que puidese. Contar, por exemplo, a vida de Pero Vila-real, ou sexa Pero da Ponte, a de Afonso de Lanzós ou a de Lourenzo Tasende. Agora ben, con iso quero facer literatura, non teses.
Despois está a cuestión das formas. Estou convencido de que a literatura esixe formación, arte, destreza, disciplina, estruturas, como un edificio. Non valen catro cousas postas á repañota, e aí vai. As formas son importantísimas, as formas sono todo. Non me van nin a verborraxia, nin o minimalismo, nin o pensamento feble, nin os ideólogos do baleiro. Cando como unha centola quero atopala chea. Por iso eu quero ser un escritor dos de sempre, como Flaubert, Maupassant, Blanco-Amor ou Stevenson. E nada máis.

terça-feira, 16 de setembro de 2008

SOÑO E NARRACIÓN


É certo que o relato ten que ser sucesivo, non moroso e descriptivo. Esa lección está máis que clara no conto oral. Durante o soño, o cerebro reinterpreta a memoria e dálle forma. Tendemos a lembralo todo como unha narración. A narratividade está, pois, nos nosos xenes, e tamén a necesidade de escoitar, ler ou ver historias. Sendo neno comecei a comprobar que os soños non só teñen estrutura narrativa, senón que en ocasións son pezas dunha estrutura maior. Soñaba, por exemplo, que andaba en bicicleta, e eu non sabía andar. Decatábame de que era un soño precisamente por iso, e espertaba. Pero a seguinte vez que soñaba o mesmo, cando ese eu vixiante me advertía de que eu non sabía montar, lembraba inmediatamente que xa aprendera, e con quen, e de que xeito. Naturalmente, non era certo, pero eu lembrábao, e seguía soñando. E a seguinte vez xa ía cun grupo, todos en bicicleta, e así sucesivamente.
Non son máis ca dúas cousas: poeta e narrador. Estes dous individuos actúan, porén, moitas veces en consenso, como, sen ir máis lonxe, na Historia dun paraugas azul, que é unha épica lírica con prosa pautada, e outras veces en disenso, como en Morning star, que foxe conscientemente da prosa poética e do metafórico, pois se quero narrar unha aventura brutal, desapiadada, rápido e ben, como quen come pan, non podo ter innecesarios impedimentos. Pois eu quero narrar de maneira que o lector comprenda o que lle conto e para iso teño que facelo do xeito adecuado, que depende, claro, do que estou contando. Son claramente partidario da liña clara, como Hergé.
Non quere isto dicir que non integre nas obras o simbólico e o onírico, non só nas obras claramente fantásticas como A biblioteca da iguana ou As mans do medo, senón nas descarnadamente realistas, como O demo á orella ou Morning star. Porque todos soñamos. Eu combato o sono e defendo o soño. Combato o sono, o tedio e o aburrimento dun realismo plano que resulte ser costumismo puro, e defendo o soño, a utopía, a ilusión e as aspiracións que todos levamos dentro, o tesouro que todos buscamos.
Supoño que existen dous tipos de escritores, o escritor de ideas e o escritor de imaxes. O primeiro pode facer filosofía, novelas de tese, crónicas e realismo social, fábulas con moralexa e arquetipos representado o mundo. O segundo, e eu son destes, é un narrador puro ou un poeta puro. Non fago filosofía, conto. Conto a vida dun individuo concreto, singular, característico, unha emoción concreta, un terror determinado, ou versifico as miñas sensacións, intuicións, imaxes. E iso é todo.
Creo que a literatura é sempre algo similar a un "object trouvé". Este termo que alude, como tal, ao minxitorio de Duchamp, serve para catalogar a obxectos cotiáns, que descontextualizados adquiren outro significado.Do mesmo xeito, unha percepción standard pode modificarse cun mínimo cambio no punto de vista, modificándose totalmente o significado.

DICIONARIO DOS SERES MÍTICOS, 5ª EDICIÓN

quinta-feira, 4 de setembro de 2008

VIDA E NARRACIÓN



Aínda que os contos orais son arquetípicos nun sentido junguiano, teñen miles de variantes, que son as nosas mesmas vidas. As súas poderosísimas imaxes que proceden en liña directa dos mitos orixinais espertan en nós milleiros de ecos. Continuando cos exemplos e volvendo a Poe, fálase del como dun campión da literatura fantástica: En realidade, se quitamos O gato negro e algún máis, os contos de Poe non teñen nada de fantástico. Producen, iso si, unha sensación de estrañeza, de dislocación ou de horror irreparables. Baudelaire xa advertiu que o que facía Poe era relatar as excepcións da vida humana. Noutras palabras, digo eu, é literatura dos límites. E isto porque creo, con Marcel Schwob, que a literatura no que verdadeiramente se diferencia da ciencia é en que o obxecto da primeira é o único, e o da segunda o xenérico. Contar unha historia non é o mesmo que contar a Historia.
Canto máis único, máis diferente, menos cotián é o narrado, máis efecto produce. Canto máis singularicemos o personaxe e as súas peripecias, máis real e verosímil o faremos. Estará máis vivo e , por iso, poderemos vernos no seu espello e emocionarnos coas súas emocións. Unha princesa manca ou unha princesa cun parche nun ollo teñen moita máis forza literaria, que lles vén conferida pola súa singularidade. Así comeza Schwob as súas vidas imaxinarias: A ciencia histórica énchenos de incertidume se se refire a individuos. Deste xeito, unha novela costumista que o que pretende é xeralizar, clasificar, exemplificar, está de antemán condenada ao fracaso. A nai de Gorki non representa ás nais, é só unha nai. Non en van Flaubert condenou as novelas “estadísticas ou etnolóxicas” de Balzac e de Zola, matando con iso a súa propia creación, o realismo.
Outros din que a novela moderna ten que abandonar a trama, que ten que facerse fractal (como os blogues) e que debemos fuxir da intriga, do misterio, do artificio, da narración, que non debemos facer novelas que sexan, en realidade, sedicentes guións de película, esquecendo que, verdadeiramente, son as películas as que semellan novelas, e non pode ser doutro xeito, pois o cine é unha vasta extensión da literatura, case sempre, mais non sempre, épica. Xa que o pensamente non é verbal, senón imaxinativo, xa que os nosos pensamentos son antes imaxes ca palabras, a literatura, o cine e a banda deseñada son tres formas de narrar, mais teñen a mesma base. A crenza de que a novela está en crise, a crenza de que a novela debe ser sicolóxica e a crenza de que todas as tramas están escritas, tres crenzas que son unha soa persoa verdadeira, son pura superstición á que, afortunadamente, os lectores non lle fan nin caso. Os que así razoan supeditan a emoción á ética, fixándose na parte e non no todo, porque o importante é a eficacia do mecanismo. Xa Borges advertiu que o que está en crise é a novela sicolóxica, por repetitiva, e que nunca como no século XX a novela de trama tivo tanta vida e produciu tan magníficas obras. Porque, advirtámolo, a propia vida ten estrutura narrativa. Ten comezo, nó e desenlace. Ou non os ten, pero o cerebro interprétao así.

Vida e literatura



Ante a sinxela pregunta de que é o que eu quero dicir coas miñas obras, que pretendo ao escribir, síntome perplexo. En primeiro lugar porque creo que a literatura é autoalusiva, e así o que pretendo é precisamente o que escribo, e en segundo lugar porque son moi inimigo das teorías literarias e moi amigo das prácticas. É dicir, toda obra literaria pode apoiarse nunha teoría, pero case sempre a traiciona porque a trascende. Poe pretendía escribir poemas dun xeito totalmente racional, imitando o chamado “método científico”, como se fixese un reloxo. Razoaba así porque cría que a escritura é unha operación da intelixencia. No entanto, escribía poemas románticos. E é que, primeiro, a intelixencia non é suficiente. A literatura aspira a traballar con emocións. A literatura é un soño, un soño dirixido e deliberado, pero fundamentalmente un soño, diría Borges. Segundo, o propio método científico ten moito de bulo. Sen unha idea previa non hai nada que facer. Os científicos son, en realidade, os que traballan dun xeito similar ao dos artistas: teñen un soño e danlle forma. Porque esa idea previa só pode ser intuitiva. Así son tamén, e cada vez máis literalmente, creadores. Huidobro: o poeta é un pequeno deus. Terceiro, ninguén sabe que é iso da intelixencia, ou, nunha versión especular, hai tantas intelixencias diferentes que a intuición, as emocións, a espontaneidade poden considerarse unha máis. Non vou facer, por iso, ningunha autopoética. Mais quero engadir que moitas veces as cousas que se cren saber, as cousas aceptadas, baséanse en evidentes artificios e en falsas verdades. Dise, como tal, que a obra de Cunqueiro está enmarcada no fantástico ou no artúrico, que forma parte da “Materia de Bretaña” e ambas cousas son rotundamente falsas, epidérmicas. Dise que o realismo máxico é cousa dos sudamericanos, porque alí o mítico e o fantástico forman parte do cotián. Esta é unha ollada eurocentrista e aínda máis, descoñecedora da propia realidade, da realidade propia. En todos os países do mundo o fantástico, o onírico, o mítico e o sobrenatural forman parte da realidade, pois están inseridos no simbólico e o simbólico é a linguaxe do inconsciente, que fala con imaxes mais ca con palabras. E cando se quere fuxir a toda costa do soño para construír algo absolutamente racional e carente de emocións, a realidade traiciónanos e aparecen, como tal, as lendas urbanas ou os novos mitos: os extraterrestres, a criptozooloxía, que son pezas narrativas perfectamente asimilables ás tradicionais. Sabemos agora con absoluta seguridade que o pensamento non é verbal. E o mítico, o simbólico, o onírico son formas nas que o cerebro interpreta a realidade, pois todas as realidades son a visión que o cerebro ten. Por iso Pedro Páramo e Raskolnikov, Drácula e Tom Sawyer, Amadís e Oliver Twist teñen exactamente a mesma esencia, a da materia coa que están feitos os soños. Engadiría a isto que a literatura oral conformou moitos dos modos, os personaxes, as sombras e os símbolos da literatura culta.