sexta-feira, 26 de setembro de 2008

O OBJECT TROUVÉ



Creo que a literatura é sempre algo similar a un "object trouvé". Schwob faino así nas Vidas imaxinarias, co Frate Dolcino, con Pocahontas ou co Capitán Kid; Borges, na Historia Universal da Infamia, en Etcétera, nos Artificios e, en realidade, en todos os seus libros; Cunqueiro, en Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e acolá, Os outros feirantes e practicamente sempre.
Fun tan inxenuo que quixen adiantarme, dar un paso máis, inventar o obxect, e así, en vez de contar a Fanto Fantini, María Pita ou Paolo Uccello, contei xente que se cadra nunca existiu: un Coruteres, un Orio, unha Ama Pitila. Mais nese momento comprendín que a literatura é sempre un object trouvé, atopado nos soños, nas memorias, na literatura ou no cine, e que ese paso adiante non é posible, porque o que facía era volver á literatura eterna. Por exemplo, unha das primeiras lembranzas que teño é de chegar á aldea onde pasábamos as vacacións, na Mariña. Tiña eu uns cinco anos, non sei ben. Non sabía a onde ía, porque non lembraba en absoluto ter estado alí. Non lembraba o ano anterior, o cal supoño que é común a esa idade. Non tiña conciencia dese lugar. Chegamos nun minibus, porque iamos cos meus irmáns, pais, avós, tíos e primos, e con algún máis. No barrio había só tres casas, e alí estaban todos os nenos da parroquia, que sabían que íamos, agardándonos. Todos me saudaban, chamábanme polo nome, e eu non os coñecía. Mellor dito: non sabía que os coñecía. Espertei subitamente a unha conciencia superior, distinta. Tiven unha sensación de estrañeza, de vertixe. E empecei a pensar que me cambiaran, que eu era outro, que non era Xosé Miranda, senón un impostor que puxeran no seu lugar. As explicación que me parecía máis lóxica era tamén a máis simple: viñeran os estraterrestres e sustituíran un neno por outro sen que ninguén se decatase. Así, era eu o único en sabelo.
Atopeime con iso. E con iso, que é arquetípico, eu quero, sen embargo, facer literatura, e por iso teño que facelo individual e contalo ao meu xeito. Porque isto contaríase mil veces, mais eu vouno contar outras mil, e vai ser outra cousa. Porque, aínda que é arquetípico, pasoume a min e non a outro, e eu son eu, non un maniquí de mostra.
Decidín daquela volver ás formas máis clásicas, facer a literatura máis individual e reaproveitar sempre os materiais que puidese. Contar, por exemplo, a vida de Pero Vila-real, ou sexa Pero da Ponte, a de Afonso de Lanzós ou a de Lourenzo Tasende. Agora ben, con iso quero facer literatura, non teses.
Despois está a cuestión das formas. Estou convencido de que a literatura esixe formación, arte, destreza, disciplina, estruturas, como un edificio. Non valen catro cousas postas á repañota, e aí vai. As formas son importantísimas, as formas sono todo. Non me van nin a verborraxia, nin o minimalismo, nin o pensamento feble, nin os ideólogos do baleiro. Cando como unha centola quero atopala chea. Por iso eu quero ser un escritor dos de sempre, como Flaubert, Maupassant, Blanco-Amor ou Stevenson. E nada máis.

Nenhum comentário: