terça-feira, 29 de abril de 2008

Amizade Ga(li)za-Israel


Esta foto tamén está manipulada?

domingo, 27 de abril de 2008

CHUPASANGUES DE CINE



A comenzos dos anos 60 (era eu cativo, non podía ter máis de seis ou sete anos), proxectáronse en Lugo algunhas películas de terror: Drácula, Frankenstein, O home-lobo, A momia… Nunca souben ben que versións foron as que se proxectaron neses anos, todas seguidas, en poucos meses. Non souben se foran as versións americanas en branco e negro (Drácula, 1931, Tod Browning –ou Karl Freund?-, con Bela Lugosi no papel do vampiro; Frankenstein, 1931, James Whale, con Boris Karloff no papel de monstro; A momia, 1932, Karl Freund, con Boris Karloff; A noiva de Frankenstein, 1935, James Whale, con Boris Karloff; O home lobo, 1941, Curt Siodmak, con Bela Lugosi e Lon Chaney jr.; A sombra de Frankenstein, 1938, Rowland V. Lee, con Boris Karloff; Frankenstein e o home lobo, Roy W. Nelly, 1943; A zíngara e os monstros, 1944, Erle C. Kenton; A mansión de Drácula, Erle C. Kenton, 1945. Nestas dúas últimas películas aparecían xuntos Drácula (John Carradine!), o lobishome (Lon Chaney jr.) e a criatura (Glenn Strange)) ou as inglesas da Hammer, máis atrevidas e con moito sangue vermello (Drácula, 1958, Terence Fisher, con Peter Cushing e Christopher Lee; A maldición de Frankenstein, Terence Fisher, 1957). E nunca o souben porque eu, daquela, era moi neno e, naturalmente, non vin esas películas.

Que non as vise non quere decir que non as soubese de memoria. Sabíaas, escena a escena. Cando, varios anos despois, puiden velas no cine (a televisión só estaba nacendo e como moito vía nela “El Virginiano” e “Bonanza”), non me colleron por sorpresa.

Nas tristes tardes do franquismo as cousas eran así: na fin de semana (de venres a domingo) os cines proxectaban “estrenos”, o resto dos días repoñían películas vellas. Pensándoo agora, unha marabilla. Porque aínda que os estrenos non o eran (unha película estrenada en USA tardaba anos en chegar a España. Cando se estrenaba en Madrid iniciaba un percorrido por provincias. Había poucas copias, e estas ían de cine en cine. Cando chegaban a Lugo pasaran meses, ou anos. E moitas películas non se estrenaban ou eran víctimas da censura), a posibilidade de ver filmes antigos constituía unha realidade. Se xuntamos iso aos ciclos que despois se puideron ver na televisión, que rica formación cinematográfica tivemos os nenos da miña xeración, en comparanza coa brutal miseria que teñen que soportar os desta, e aínda se atreven a decir que estamos na “cultura audiovisual”. Cultura?

Lugo era unha cidade escura, sen luz. Rúas desertas case sen farolas, carrís sen unha bombilla e sen casas, muros altos, sabugueiros e piñeiros, chousas, valados, o medo omnipresente aos chupasangues e ao coche do chupasangues, pouca construcción e moitas sombras cando saíamos do colexio cara a casa. Invernos longos, tardes pasadas nos portais, onde os nenos, á luz escasa da única bombilla, ou sen ela, escoitabamos como os maiores nos contaban as películas que eles, xa mozotes, puideran ver. E esas películas eran sempre as mesmas: Drácula, Drácula, Drácula…

segunda-feira, 14 de abril de 2008

APOTEOSE DA LENDA URBANA: ÚLTIMOS AVATARES



Aínda perduran os mitos soterrados pola enxurrada do cristianismo ou disimulados, disfrazados e caracterizados cun hábil verniz cristianizante. Por iso os evemeristas din que non existen e que os “mouros” son un reflexo en negativo dos propios labregos. Enorme disparate! Sinalemos, porén, que este paradoxo non fai máis que confirmar a desteoloxización do propio mito: pasamos de mitos panteístas e animistas a mitos cristiáns xa case abandonados. De deusas en todos os castros, a un só deus nas igrexas. E os miragres dese deus son xa incribles…semellan contos.

Desapareceron, por tanto, o conto, a lenda e o mito? Vai desaparecer a literatura oral? Pode o ser humano vivir sen mitos, sen contos e sen lendas?

A resposta é nos tres casos non. Os contos deron paso aos chistes (chistes, pero non na terminoloxía de Aarne), que son contos de transmisión oral con tendencia á brevidade e ao ridículo, a ser estupefacientes e enxeñosos e nos que xa nin recoñecemos a sombra de ningún deus: están apegados á realidade. Son hiperrealistas. E abundantísimos.

O auxe da ciencia no século XIX e XX abocounos a unha situación na que as masas configuraron un mito novo, a propia ciencia, que vén sustituír ás vellas crenzas. Así, os novos mitos (que funcionan exactamente do mesmo xeito que os vellos) xa non se refiren a deuses, pero si a personaxes invisibles, extraterrestres, etc. Iso si, sempre cun verniz científico. Estamos no reino das pseudociencias: a ufoloxía, a criptozooloxía, o curandeirismo. Un a un, os relatos coinciden punto a punto cos relatos da antigüidade sobre anxos, fadas, mouras, monstros, deuses, etc. Son pezas narrativas caracterizadas pola verosimilitude e o intento de explicación das orixes e, como sucedía cos vellos mitos, tenden a confundirse coa lenda (agora aínda máis, pois os OVNIS aparécense en tempo inmediato).

E a lenda? A lenda tamén mudou. Agora temos a lenda urbana, moderno avatar sen seres míticos, mais con testemuñas (un amigo dun amigo), lugares reais, tempo inmediato, narrada como un sucedido auténtico, relacionada coa vida moderna e tan, tan boa, que é demasiado boa para ser certa. Así as define Jan Harold Brunvand: Estas fábulas populares describen feitos supostamente reais (aínda que estraños) que lle sucederon a un amigo dun amigo. E xeralmente cóntanas persoas fiables cun estilo crible, porque eles cren que son certas. Os escenarios e feitos das lendas urbanas son realistas e recoñecibles (casas, hoteis, oficinas, centros comerciais, estradas, etc.) e os seres humanos que as protagonizan son persoas normais. Pero os incidentes estraños, cómicos ou aterradores que acontecen van un paso máis alá do crible. E niso estamos, na apoteose da lenda urbana, última (de momento) mudanza de algo inmortal que xa non fala de heroes, de deuses, de trasnos, de demos, de fantasmas, de aventureiros, de muiñeiros, de cregos, de cabaleiros, de namorados, nin sequera de persoas normais pero afortunadas, senón, sinxelamente de ti, de min e do veciño do sexto. Iso si, pásalles cada cousa!

domingo, 6 de abril de 2008

Aquilino Ribeiro


Aquilino Ribeiro, un dos autores cume da narrativa portuguesa do século XX, naceu en Sernancelhe, Carregal de Tabosa, nas Terras do Demo, na Beira Alta, en 1885 e morreu en Lisboa en 1963. Foi novelista (Andan faunos polos bosques, A batalla sen fin, A casa grande de Romarigâes, O home que matou o Demo, Cando os lobos ouvean, Terras do Demo, Fillas de Babilonia, Aventura marabillosa, Mónica, O arcanxo negro, Lápidas partidas, Cinco reis de xente, A vía sinuosa, etc), contista (Camiños errados, Estrada de Santiago, Xardín das tormentas, Cando lle cae a pluma ó Gabilán, O Malladiñas, etc), autor teatral (Caída no Inferno, O manto da Nosa Señora), ensaísta sobre literatura e arte, autor de libros de viaxes e impresións, pintor dos costumes populares (Aldea -Terra, xente e bichos-, O home da nave), historiador (Príncipes de Portugal, Portugueses das sete partidas, Constantino de Braganza), crítico literario, biógrafo, etnógrafo, polemista, traductor ó portugués de Cervantes e de Xenofonte, historiador dos costumes relixiosos (O libro do menino Deus) e autor de libros para nenos (Romance da Raposa e Arca de Noé, IIIª clase). Escribiu máis de 60 libros.

O seu primeiro libro, O Xardín das tormentas, 1913, saíu cando tiña 28 anos e foi unha revelación. Aquilino fixo visible un mundo rural de gran forza dramática. Moitos dos seus libros xiran en torno a ese mundo, que moito debeu de amar. Foi un rexionalista literario e un esquerdista político. Por ser demócrata e de esquerdas, por defender ó seu pobo e buscar a xustiza, foi perseguido no seu país e tivo que exiliarse a Francia en varias ocasións. Estudiou en Lamego e na universidade de Viseu, Filosofía e Teoloxía, foi cristián e revolucionario. En 1907, ós 22 anos, era conspirador en Lisboa. Estoupoulle no cuarto que ocupaba a dinamita que tiña gardada para o Comité Revolucionario, e metérono preso. Fuxiu, foi a Franza. Escribiu en París o seu primeiro libro. En 1914 volveu a Portugal, foi profesor na Liceu Camoês e conservador da Biblioteca Nacional. En 1917, ano da revolución rusa, tiña 32 anos. En 1927 volveu a París, co movimento revolucionario de Febreiro. Regresou a Portugal en 1928, foi detido e volveu fugarse. Loitou sempre contra as longas dictaduras (Salazar, sobre todo) que aferrollaron o seu país neste século.

Foi un escritor de vangarda e ó mesmo tempo recuperou para a lingua literaria multitude de arcaísmos e ruralismos. É por eso máis difícil a súa versión a outros idiomas. Pero tamén é máis auténtica a súa obra e está máis preto do pobo que lle deu o ser. A crítica sinala que na súa literatura aparece a máis rica experiencia artística do noso tempo en Portugal. Sitúano á altura de Camilo Castelo- Branco e de Eça de Queiroz. Óscar Lópes afirma que o máis abondoso e ricaz portugués literario desde Camilo é o de Aquilino.

Ribeiro é un depurado estilista. A ciencia do seu estilo tíraa das vellas crónicas, fai incursións na lingua rústica e na fala suburbial e coloquial das cidades, nas xergas locais. Ten unha notabilísima erudición, disimulada cun ton familiar, ás veces sarcástico ou violento, ás veces amable. A súa preocupación formal non diminúe, senón que se acentúa nos relatos para nenos. Vemos no Romance que rico e divertido é o idioma no que escribía.

Son tres os principais rasgos que se sinalan na súa obra: A revelación da forza profunda e bárbara do mundo rústico, unha mística pagá e materialista, unha confusión de homes, animais e terra; a atracción da urbe e unha visión cosmopolita, non contradictoria coa anterior; e un escepticismo sorridente ó estilo de Anatole France, de quen foi admirador confeso. Xunto a esto podemos engadir o uso de motivos bíblicos nas súas alegorías, unha visión comprometida, pero non panfletaria, e o realismo vivo e pintoresco, nada plano nin simple, afastado do costumismo. As Terras do Demo, onde naceu, son pobres terras de toxeiras, xestas, codesos, que tal vez marcaban o límite sur da Gallaecia xa anterior a Roma. Por eso as súas tradicións, a súa cultura material e espiritual son galegas. Case toda a obra de Aquilino conta esa vida como era nos séculos XIX e principios do XX. Por eso, como dixo Ferrín, contén unha substancia secreta que lles fai confidencias cómplices ós galegos de hoxe. Aquilino logrou cristalizar a topografía real e máxica do seu país. Con el empeza unha xínea de escritores de grande altura na frase, no léxico e no estilo. Desa caste son Miguel Torga e Bento da Cruz.

El País de Nunca Hamás

sábado, 29 de março de 2008

O bricbarca



Aquel barco pirata era un bricbarca

de sólida madeira de carballo

e paseaba nel, de couso a arca,

ese torvo e magnífico espantallo,

o vello capitán, que a cada paso

golpeaba coa perna artificial

nas táboas da cuberta, e por acaso

bramaba contra o ben e contra o mal.

Aquel barco pirata era un bricbarca

e o vello capitán pasaba as horas

contando os pasos e a tripulación,

e gobernaba ao chou, coma un monarca,

e soñaba co brillo das ardoras

e cun ovo de morto tiburón.

(Extraído do libro "Piratas polo Miño")

APOTEOSE DA LENDA URBANA: A LENDA E O MITO




A lenda é un xénero no que se pretende verosimilitude, por iso o narrador cóntao como certo (e el mesmo cre na súa verdade), como un sucedido do que hai testemuñas coñecidas e fiables (un familiar, un amigo, o amigo dun amigo), e localízao nun lugar en un tempo inmediatos ou cando menos recoñecibles. Son sucedidos narrados como se acabasen de pasar ou como se pasasen en tempo non remotos, senón “accesibles”. O motivo disto é que a lenda conta algo que semella irreal, pois nela interveñen, de novo, personaxes sobrenaturais como fantasmas, trasnos, meigas ou mouros, e de que o crea quen o conta e quen o escoita depende todo o seu efecto. Mais tamén na lenda, co paso do tempo, houbo un aggiornamento, e apareceron as “neolendas” que xa non se sitúan en tempos inmediatos, senón en tempos antigos (mais recoñecibles: na Idade Media, no tempo dos señores feudais…) e, polo tanto, os testemuñas xa non se coñecen. A neolenda non perde totalmente a súa verosimilitude porque segue localizándose nun lugar ben coñecido (nun castelo, nunha aldea). Pero sóanos a afastada e a que non nos incumbe. Ten o seu aquel, seu atractivo, pero atinxe máis a heroes humanos, ou a antiheroes, como os señores feudais, que a seres míticos. E non nos fala de maxias, encantamentos, tesouros, trasnadas, senón máis ben de crimes, apuñalamentos, vinganzas, misterios. De novo observamos un proceso de humanización, de perda da marabilla, como ocorreu no conto. Aclaremos que a arqueolenda, a lenda orixinal, aínda está viva. Pero máis viva estivo nos “séculos escuros” e nas épocas nas que Deus estaba, literalmente, en todas partes. A neolenda tivo os seu esplendor no romanticismo, nos séculos XIX e XX, na desamortización, no nacemento da literatura fantástica.
O mito é un xénero con características compartidas polo conto e pola lenda, mais moi distinto a estes. Por un lado, como a lenda, cóntase como algo verdadeiro (é verosímil) porque atinxe ás crenzas máis fondas dunha sociedade e explica a orixe das cousas, do mundo, da sociedade, da xeografía e dos animais e plantas. Polo outro, non presenta testemuñas (non pode presentalas) e sitúase en tempos remotos, nos tempos primixenios ou directamente fóra do tempo, e ademais case sempre sen precisión de lugar, como o conto. O mito fala dos deuses, dos heroes semidivinos, do tótem, dos animais totémicos. Cando cambian as crenzas dun grupo humano, os vellos mitos semellan contos haxiográficos ou lendas (se se presentan localizados). Por iso moitos mitos galegos pasan por contos de animais e os mitos fundacionais das nosas pedras , montes, ríos, castros, pontes, por lendas (e non o son) de mouras. Os mitos actuais (que os hai ou había) non se recoñecen tampouco como tales e pasan por verdades (os mitos cristiáns, os de Virxes, Santos, Cálices, etc.). Nunca se insistirá bastante nesta idea: existen mitos propiamente galegos, son realmente mitos e non contos nin lendas.

segunda-feira, 24 de março de 2008

RANDEEIRA DO NENO MORTO





Un neno, un neno abatido polos disparos do exército israelita un neno morto cun tiro
no ollo esquerdo un neno morto cando saía da súa casa morto cando saía da súa casa
un neno morto cando cazaba paxaros con liga un neno morto cando cazaba paxaros
un neno morto cando viña da escola co seu pai contra un muro, cun tiro no bandullo
mentres o seu pai o tapaba coas mans co corpo, coa mochila ao lombo, viña da escola
un neno morto por disparos do exército israelita cando saía da súa casa para xogar
unha nena ai enterrada baixo os escombros da casa derruída pola bomba do avión
un neno desangrado porque esa ambulancia non pode atravesar a liña de control
un neno asasinado cunha pedra na man, non tiña sequera tirafonda, asasinado
un neno esmagado baixo o carro blindado a pel pegada no asfalto, un neno
un neno morto a tiros ah cando saía da casa para cazar paxaros con liga
morto cando viña da escola, coa mochila ao lombo e merendando pan
morto mentres seu pai berraba e o tapaba co seu corpo dos disparos
un neno morto con tódolos seus seis irmáns baixo os cascotes, un
era un neno, era un neno, era un neno, era un neno, era un neno
unha nena neniña que cantaba anainas e brincaba á raiola
unha nena mociña que levaba das mans as súas irmás
unha nena de ollos negros e azuis, ollos como ceos
esa nena que saía da escola, que ría, que soñaba
esa nena mordida pola morte, as tempas rotas
esa nena, ese neno, esa nena, ese neno, esa
un neno abatido polas armas americanas
un neno abatido polos soldados, era
era un neno e está morto, morto
un neno abatido cando saía da
súa casa para cazar paxaros
con liga, un neno morto,
era só un neno neno
esa nena, ese neno
era o teu neno,
era túa nena
un neno
neno
meu
teu