domingo, 16 de março de 2008

APOTEOSE DA LENDA URBANA: O CONTO



A literatura de tradición oral (ou, se o preferimos, de transmisión oral) maniféstase, en canto á narrativa e en prosa, en tres xéneros principais: o conto, a lenda e o mito. No caso do conto, o narrador asume que está contando algo inverosímil, non pretende que o tomemos por certo, o oínte comprende que se trata dunha fábula fóra do tempo, situada nun país inexistente ou moi afastado, con personaxes arquetípicos ou míticos (conto marabilloso e relixioso), con múltiples peripecias rocambolescas e amores inextinguibles, felices ou desgraciados (conto novelesco e romántico) ou con sucesos ridículos e hilarantes, pero francamente imposibles (chistes e anécdotas, contos do ogro parvo, contos de costumes). Para remarcar o seu carácter de ficción, o conto leva unhas fórmulas de entrada e de saída que teñen a función de suspender a credibilidade do espectador, de avisalo de que se entra e se sae do inexistente.
Os especialistas consideran que os contos marabillosos foron os primeiros e son os verdadeiros contos. De feito, os personaxes dos contos novelescos e románticos e dos do ogro parvo son prácticamente os mesmos, coa única diferencia de que non hai seres míticos, nin probas que se superen coa axuda de obxectos máxicos nin inimigos sobrenaturais. Aínda así, hai probas que superar, golpes de sorte e picardía ou habelencia dos protagonistas. Por poñer un caso ben coñecido, no conto marabilloso pode aparecer un burro que cague ouro, moedas de ouro, como no conto chamado “O burro, a mesa e o pao” (vid. Cabalo Buligán, Contos de maxia I). No novelesco ou no de costumes (“chiste” na terminoloxía de Aarne) o burro aparece, pero xa non caga ouro. Precisamente o protagonista engana a outro facéndolle crer que o burro caga ouro (como no conto galego “Crispín e Bastián”, vid. Cabalo Buligán, Contos de parvos e pillos, II). Todo ocorre como se os heroes, deuses encubertos, antepasados epónimos, devanceiros míticos ou totémicos e semideuses dos primeiros contos se convertisen co paso do tempo en persoas normais ás que lles suceden cousas só aparentemente normais. Xa non son os nosos antepadados os protagonistas: somos nós ou outros coma nós. E isto non podemos máis ca consideralo como un signo do progresivo abandono da mitoloxización do mundo e da natureza na conciencia dos seres humanos, é dicir, como un síntoma do abandono de Deus (dos deuses) e a súa sustituición polos propios homes. O sobrenatural, o máxico, xa non se tragan con facilidade. Na prehistoria, na Idade Antiga e na primeira Idade Media predominaron sen dúbida os contos marabillosos, mais avanzada a Idade Media, no Renacemento, na Idade Moderna e na Contemporánea tales marabillas decaeron e os contos novelescos e románticos e os de burlas e sarcasmos tiveron a súa idade de ouro (vid. O Decamerón, o Heptamerón, os Contos de Canterbury, a maior parte dos contos das Mil e unha noites, O Conde Lucanor, O Sendebar, etc).

Nenhum comentário: