segunda-feira, 17 de março de 2008

A TORRE DE BABILONIA



A señora Piedad, que era, se mal non lembro, da Piringalla, cosía polas casas. Na nosa non quedaba a durmir, si a xantar. Eu víaa con ollos de neno darlle á máquina cos pés e facer correr as pezas baixo a agulla. Viña, supoño, cun ritmo estacional e quedábase uns días. En ocasións, contaba cousas incribles ou descoñecidas. Díxome que vira unha cobra con ás onda o río, en Meilán. Eu, que xa algo lera nos libros de Ciencias Naturais, discutíallo. Que non existen as cobras con ás, que son réptiles, dicíalle. Que si, neno, que sempre as houbo, dicía ela. Estabamos en dous planos distintos, incomunicables, en dous mundos paralelos, eu no da ciencia, o empirismo e a superstición da modernidade; ela, no da maxia, a tradición e a superstición da relixión. Só moito máis tarde empecei a comprender aquelas cousas. Claro que si, que no bestiario galego hai cobras con ás. Os dragóns galegos son serpes xigantescas, con pés e ás. Son extraordinariamente feros e voraces e moi lonxevos. Cando lles chega a hora de marchar din unha enigmática frase, que é sempre igual, e que tamén din as serpes voadoras:
Pra Babilonia vou
mal haxa quen me viu de novo e non me matou.
Non se entende se preferirían estar mortos antes que ir a Babilonia ou se reproducen o pensamento dos homes que os consideran malignos e agora xa non poderán matalos. En todo caso, Babilonia debe estar inzada de enormes réptiles.
Co paso do tempo, ao saber que o Codrile normando é unha cobriña que nace dun ovo de galo, aos sete anos sáenlle ás e vaise voando a Babilonia, lugar das abominacións e dos monstros, asaltoume unha dúbida. ¿Que é a Torre de Babilonia? ¿Por que as cobras se dirixen precisamente alí?
Xa se sabe que Babilonia é Babel, o mítico lugar da Torrre da confusión, esa Torre que ofendeu a Deus. Babilonia é unha cidade de Oriente, en Terra de Caldeos, onde van as serpes aladas e os dragóns cando se fan vellos. Babilonia é a vella capital da Mesopotamia, a hoxe invadida terra de Irak. O lugar onde andaron desterrados os xudeos. Advirte Cirlot que Babilonia simboliza a existencia dexenerada, caída e corrompida. É o reverso de Xerusalém (da Cidade Celestial) e do Paraíso. Significa na Cábala a entrada e saída do espírito na materia. Ou sexa: o outro mundo, os Infernos.
Pero eso non aclaraba suficientemente o mito, extendido por toda Europa. Así que seguín dándolle voltas, ata que lin que Benjamín de Tudela, que viaxou por alí en 1173, escribiu que os dragóns infestaban as ruínas do pazo de Nabucodonosor en Babilonia, deica facelo inacesible. Os seus escritos publicáronse en latín, hebreo, castelán e francés, facéndose rapidamente coñecidos. Séculos máis tarde, escribe Mandeville sobre a Torre de Babilonia (evidentemente as ruínas dun pazo, en teoría as da torre de Babel) : Pero é un sitio aquel no que calquera home se arriscaría permanecendo preto do camiño, pois todo está deserto e cheo de dragóns e grandes serpes, e cheo de diversas bestas velenosas todas por alí (The Voyages of Sir John Mandeville, J. O. Halliwell, London, 1839).
Como se fixo popular a idea de que a torre de Babilonia, lugar maldito, está inzada de dragóns, pasouse a pensar que as cobras aladas marchan alí. Diso dedúcese que é a porta do outro mundo, do máis alá. Ou sexa, un equivalente da torre de cristal, do castelo de irás e non volverás, do castelo do loro, etc. Nun conto popular portugués, recollido e publicado no século XIX por Adolfo Coelho e titulado, precisamente, A Torre de Babilónia, dise:
É a Torre de Babilónia;
Quem lá vai, lá fica e lá mora.
ou: Quem lá vai nunca de lá torna.

Nenhum comentário: