Aínda perduran os mitos soterrados pola enxurrada do cristianismo ou disimulados, disfrazados e caracterizados cun hábil verniz cristianizante. Por iso os evemeristas din que non existen e que os “mouros” son un reflexo en negativo dos propios labregos. Enorme disparate! Sinalemos, porén, que este paradoxo non fai máis que confirmar a desteoloxización do propio mito: pasamos de mitos panteístas e animistas a mitos cristiáns xa case abandonados. De deusas en todos os castros, a un só deus nas igrexas. E os miragres dese deus son xa incribles…semellan contos.
Desapareceron, por tanto, o conto, a lenda e o mito? Vai desaparecer a literatura oral? Pode o ser humano vivir sen mitos, sen contos e sen lendas?
A resposta é nos tres casos non. Os contos deron paso aos chistes (chistes, pero non na terminoloxía de Aarne), que son contos de transmisión oral con tendencia á brevidade e ao ridículo, a ser estupefacientes e enxeñosos e nos que xa nin recoñecemos a sombra de ningún deus: están apegados á realidade. Son hiperrealistas. E abundantísimos.
O auxe da ciencia no século XIX e XX abocounos a unha situación na que as masas configuraron un mito novo, a propia ciencia, que vén sustituír ás vellas crenzas. Así, os novos mitos (que funcionan exactamente do mesmo xeito que os vellos) xa non se refiren a deuses, pero si a personaxes invisibles, extraterrestres, etc. Iso si, sempre cun verniz científico. Estamos no reino das pseudociencias: a ufoloxía, a criptozooloxía, o curandeirismo. Un a un, os relatos coinciden punto a punto cos relatos da antigüidade sobre anxos, fadas, mouras, monstros, deuses, etc. Son pezas narrativas caracterizadas pola verosimilitude e o intento de explicación das orixes e, como sucedía cos vellos mitos, tenden a confundirse coa lenda (agora aínda máis, pois os OVNIS aparécense en tempo inmediato).
E a lenda? A lenda tamén mudou. Agora temos a lenda urbana, moderno avatar sen seres míticos, mais con testemuñas (un amigo dun amigo), lugares reais, tempo inmediato, narrada como un sucedido auténtico, relacionada coa vida moderna e tan, tan boa, que é demasiado boa para ser certa. Así as define Jan Harold Brunvand: Estas fábulas populares describen feitos supostamente reais (aínda que estraños) que lle sucederon a un amigo dun amigo. E xeralmente cóntanas persoas fiables cun estilo crible, porque eles cren que son certas. Os escenarios e feitos das lendas urbanas son realistas e recoñecibles (casas, hoteis, oficinas, centros comerciais, estradas, etc.) e os seres humanos que as protagonizan son persoas normais. Pero os incidentes estraños, cómicos ou aterradores que acontecen van un paso máis alá do crible. E niso estamos, na apoteose da lenda urbana, última (de momento) mudanza de algo inmortal que xa non fala de heroes, de deuses, de trasnos, de demos, de fantasmas, de aventureiros, de muiñeiros, de cregos, de cabaleiros, de namorados, nin sequera de persoas normais pero afortunadas, senón, sinxelamente de ti, de min e do veciño do sexto. Iso si, pásalles cada cousa!
Um comentário:
Oeu, Casanova, non o vai crer, pero un amigo do meu cuñado seique di que atopou no lixo, despois dunha noite de esmorga por Ourense, un manuscrito que é a novela galega que todos: académicos, críticos, catedráticos e lectores estaban agardando. O malo é que está firmada e iso seique lle pode traer moitos problemas de recepción porque non é de ningún dos que estaba nas quinielas.
Postar um comentário