quinta-feira, 4 de setembro de 2008

Vida e literatura



Ante a sinxela pregunta de que é o que eu quero dicir coas miñas obras, que pretendo ao escribir, síntome perplexo. En primeiro lugar porque creo que a literatura é autoalusiva, e así o que pretendo é precisamente o que escribo, e en segundo lugar porque son moi inimigo das teorías literarias e moi amigo das prácticas. É dicir, toda obra literaria pode apoiarse nunha teoría, pero case sempre a traiciona porque a trascende. Poe pretendía escribir poemas dun xeito totalmente racional, imitando o chamado “método científico”, como se fixese un reloxo. Razoaba así porque cría que a escritura é unha operación da intelixencia. No entanto, escribía poemas románticos. E é que, primeiro, a intelixencia non é suficiente. A literatura aspira a traballar con emocións. A literatura é un soño, un soño dirixido e deliberado, pero fundamentalmente un soño, diría Borges. Segundo, o propio método científico ten moito de bulo. Sen unha idea previa non hai nada que facer. Os científicos son, en realidade, os que traballan dun xeito similar ao dos artistas: teñen un soño e danlle forma. Porque esa idea previa só pode ser intuitiva. Así son tamén, e cada vez máis literalmente, creadores. Huidobro: o poeta é un pequeno deus. Terceiro, ninguén sabe que é iso da intelixencia, ou, nunha versión especular, hai tantas intelixencias diferentes que a intuición, as emocións, a espontaneidade poden considerarse unha máis. Non vou facer, por iso, ningunha autopoética. Mais quero engadir que moitas veces as cousas que se cren saber, as cousas aceptadas, baséanse en evidentes artificios e en falsas verdades. Dise, como tal, que a obra de Cunqueiro está enmarcada no fantástico ou no artúrico, que forma parte da “Materia de Bretaña” e ambas cousas son rotundamente falsas, epidérmicas. Dise que o realismo máxico é cousa dos sudamericanos, porque alí o mítico e o fantástico forman parte do cotián. Esta é unha ollada eurocentrista e aínda máis, descoñecedora da propia realidade, da realidade propia. En todos os países do mundo o fantástico, o onírico, o mítico e o sobrenatural forman parte da realidade, pois están inseridos no simbólico e o simbólico é a linguaxe do inconsciente, que fala con imaxes mais ca con palabras. E cando se quere fuxir a toda costa do soño para construír algo absolutamente racional e carente de emocións, a realidade traiciónanos e aparecen, como tal, as lendas urbanas ou os novos mitos: os extraterrestres, a criptozooloxía, que son pezas narrativas perfectamente asimilables ás tradicionais. Sabemos agora con absoluta seguridade que o pensamento non é verbal. E o mítico, o simbólico, o onírico son formas nas que o cerebro interpreta a realidade, pois todas as realidades son a visión que o cerebro ten. Por iso Pedro Páramo e Raskolnikov, Drácula e Tom Sawyer, Amadís e Oliver Twist teñen exactamente a mesma esencia, a da materia coa que están feitos os soños. Engadiría a isto que a literatura oral conformou moitos dos modos, os personaxes, as sombras e os símbolos da literatura culta.

Um comentário:

Danilo disse...

A literatura como soño, como simple historia, sen grandilocuencias. Non o considero aplicable a todos os momentos literarios nin a todos os autores ou autoras, mais, como autopoética, gústame.