quinta-feira, 4 de setembro de 2008

VIDA E NARRACIÓN



Aínda que os contos orais son arquetípicos nun sentido junguiano, teñen miles de variantes, que son as nosas mesmas vidas. As súas poderosísimas imaxes que proceden en liña directa dos mitos orixinais espertan en nós milleiros de ecos. Continuando cos exemplos e volvendo a Poe, fálase del como dun campión da literatura fantástica: En realidade, se quitamos O gato negro e algún máis, os contos de Poe non teñen nada de fantástico. Producen, iso si, unha sensación de estrañeza, de dislocación ou de horror irreparables. Baudelaire xa advertiu que o que facía Poe era relatar as excepcións da vida humana. Noutras palabras, digo eu, é literatura dos límites. E isto porque creo, con Marcel Schwob, que a literatura no que verdadeiramente se diferencia da ciencia é en que o obxecto da primeira é o único, e o da segunda o xenérico. Contar unha historia non é o mesmo que contar a Historia.
Canto máis único, máis diferente, menos cotián é o narrado, máis efecto produce. Canto máis singularicemos o personaxe e as súas peripecias, máis real e verosímil o faremos. Estará máis vivo e , por iso, poderemos vernos no seu espello e emocionarnos coas súas emocións. Unha princesa manca ou unha princesa cun parche nun ollo teñen moita máis forza literaria, que lles vén conferida pola súa singularidade. Así comeza Schwob as súas vidas imaxinarias: A ciencia histórica énchenos de incertidume se se refire a individuos. Deste xeito, unha novela costumista que o que pretende é xeralizar, clasificar, exemplificar, está de antemán condenada ao fracaso. A nai de Gorki non representa ás nais, é só unha nai. Non en van Flaubert condenou as novelas “estadísticas ou etnolóxicas” de Balzac e de Zola, matando con iso a súa propia creación, o realismo.
Outros din que a novela moderna ten que abandonar a trama, que ten que facerse fractal (como os blogues) e que debemos fuxir da intriga, do misterio, do artificio, da narración, que non debemos facer novelas que sexan, en realidade, sedicentes guións de película, esquecendo que, verdadeiramente, son as películas as que semellan novelas, e non pode ser doutro xeito, pois o cine é unha vasta extensión da literatura, case sempre, mais non sempre, épica. Xa que o pensamente non é verbal, senón imaxinativo, xa que os nosos pensamentos son antes imaxes ca palabras, a literatura, o cine e a banda deseñada son tres formas de narrar, mais teñen a mesma base. A crenza de que a novela está en crise, a crenza de que a novela debe ser sicolóxica e a crenza de que todas as tramas están escritas, tres crenzas que son unha soa persoa verdadeira, son pura superstición á que, afortunadamente, os lectores non lle fan nin caso. Os que así razoan supeditan a emoción á ética, fixándose na parte e non no todo, porque o importante é a eficacia do mecanismo. Xa Borges advertiu que o que está en crise é a novela sicolóxica, por repetitiva, e que nunca como no século XX a novela de trama tivo tanta vida e produciu tan magníficas obras. Porque, advirtámolo, a propia vida ten estrutura narrativa. Ten comezo, nó e desenlace. Ou non os ten, pero o cerebro interprétao así.

Um comentário:

Anônimo disse...

Non lle sei, amigo Casanova. Eu teño pensado ás veces que moitas das frustraciós da xente da nosa xeneración proveñen da inducida visión "cinematográfica" da propia vida. Tendemos a pensar na nosa propia vida como nunha "película" que debe ter un senso global, unha "misión" que cumplir. E frustrámonos si non alcanzamos ese ideal de "argumento perfecto" prá nosa existencia. Pero é moi posible que eso teña pouco de "natural". Os nosos bisabós, que non vían películas nin apenas lían novelas, seguramente aceptaban a vida como lles viña, e posiblemente tiveran menos problemas psicolóxicos ao carecer de ese tipo de referencias idealizadas prá propia vida.