segunda-feira, 17 de março de 2008
Carracha Parda
Hai cousa duns 20 anos, escribín unha novela que uns chaman fantástica e outros marabillosa, e moitos “cunqueiriana” (sic). A novela, despois de varias vicisitudes, gañou o premio Manuel García Barros e publicouse (mutilada) en 1991, co nome “Historia dun paraugas azul”. En 2006 reeditouse íntegra. Seica era cunqueirista e fantástica, polo tanto, na boa lóxica dos escolastas do neorrealismo, escapista, descomprometida e “de evasión”. Bah, que non reflectía a realidade, nin a explicaba.
Un dos personaxes da novela, un tirano que goberna a cidade, chámase Carracha Parda, quen formou a súa cabalaría con bárbaros xinetes chegados das terras máis alá das Fragas. A Cidade, Liunamore, ten unha muralla con cinco portas orixinais, un pazo cunha alta torre e outro, o do tirano, situado a carón da “Porta Falsa”, moitos outros pazos, unha praza maior, pombas entre as árbores negras, soportais nos que resgardarse nos días de chuvia, un cantiño a beiras da murallas, casas baixas, rúas retortas, lousados de pizarra, escaleiras de pedra, fontes nas que beben os nenos, outra praza coa imaxe dunha aguia, un río a carón, alá abaixo, no que se reflicte unha vella ponte, unha basílica, un burgo beiras do río ata o que leva unha calzada romana. A porta do Oeste queda estreita e fonda, case disimulada polo adarve. Tamén hai o campo do castelo e o campo da forca, unha rúa con tabernas nas que se beben os viños que chegan do sur, un foxo por fóra da muralla, un acueducto que trae as augas desde a Chousa, situada ao norte, unha Praciña da Herba, diante do cárcere, en fin. A cidade está ao final dunha chaira. A súa veciña do norte, no medio da chaira, ten un castelo poligonal, a Torre dos Handrada.
Carracha Parda é pequeno, rácano, ten a cabeza grande e deforme, abombada, usa lentes, ten os dentes agudos e afumados, como a pel, leva o pelo curto, usa chaqueta de corte e camisa, é enormemente corrupto e traidor non só ao pobo e ao rei, senón ás súas propias masnadas. Xa todos sabemos que as carrachas viven de zugar o sangue dos demais e que os excrementos (humanos) adoitan ter unha determinada cor. Eses son lugares comúns. Como o de que a literatura realista é a que describe a realidade.
Na novela hai maxia e rebelión, cousas que, xaora, non hai na realidade. Como é unha novela do marabilloso, os personaxes son arquetípicos. ¿Non? Na realidade non hai xente así. Va que non. Tampouco hai cidades así. Nin ogros traga palabras, como un que sae aquí e que está manipulado polo tirano. Fala e parece que engole as sílabas. É a mellor baza dos partidarios do dictador. Ata hai unha revolución, esa cousa que fai tremer a tantos.
Como a miña non é unha novela realista nin ten nada que ver coa realidade, ningún personaxe é trasunto nin presunto nin nada que teña que ver co unto. E polo mesmo a miña non é unha novela comprometida nin serve para transformar o mundo. Para iso xa están os costumistas, dicíndonos o mal que viven os obreiros e canto lles doe a alma antes de se erguer a almorzar. Iso si que é compromiso co ser humano. A miña, en cambio, é unha novela artúrica. Se vostede, lector, quere entender o mundo, non a lea: eu ando sempre nas nubes.
Estoutro día, ao ir almorzar, abrín un xornal que se edita na miña cidade e leva un nome paradóxico (ou paródico) e, discúlpenme porque eu estou a diario ollando a trasantonte, ao ler os titulares lembrei a historia do paraugas azul. Un que é así de raro. E así de extemporáneo. Repito: esta novela evasiva publicouse en 1991. Quince anos non son nada.
Edicións Xerais tivo a ben reeditala recentemente. Só me queda agradecérllelo.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Um comentário:
Haberá que botarlle un ollo a esa obra logo.
Postar um comentário