segunda-feira, 17 de novembro de 2008
O lobo do conto e o do mito
Tres son as figuras do lobo na literatura oral europea: o lobo do mito, o do conto e o da lenda. O lobo do conto é un parviolo moi brutamontes e moi confiado, ao que sempre enganan o raposo, o coello, o home, a vaca, o porco, as ovellas, os castróns e as galiñas. Ata perde batallas contra os sapos ou contra os abesouros. Sempre famento, só pensa en encher a andorga. Non é de fiar, porque, como non ten romana, pesa como lle dá a gana. E aínda así semella arrepentido e mesmo vai confesar. Un individuo risible, en suma.
Pero non nos enganemos. Debe haber unha causa, e haina, para que maltratemos así o lobo nos contos. A causa é, presumiblemente, o medo que lle temos ao lobo “real”. Como tememos o lobo, ímonos rir del nos contos, que xa se sabe que son mentira e que no fondo reflicten os nosos desexos e non a realidade. Se eu son un ninguén, tamén podo ser un príncipe. Se son unha criada, ben podo ser a Borrallenta. Se o lobo é terrible, ben pode ser risible. Se non teño un can, ben podo atopar un tesouro. E se son o fillo parvo, vai resultar que son o listo. Non hai nada máis democrático ca os contos.
Con que nos rimos do lobo porque o tememos. Unha razón similar á que nos leva a rirnos do demo (pero só nos contos), figura que é neste ámbito intercambiable coa do lobo, só que noutro tipo de contos: o lobo nos de animais, o demo nos que Thompson chamou “Contos do ogro parvo”, que en Galicia son sempre protagonizados polo demo.
Rimos do que tememos cando cremos que estamos a salvo. Pero desto pódese deducir que o lobo é unha figura central nos medos dos europeos desde hai ducias de miles de anos. Talvez, se puidésemos preguntarlles aos nosos primos neandertais, desde hai centos de miles de anos. E, sendo así, a súa figura no mito e na lenda é ben distinta da súa figura no conto.
No mito, neses mitos que en parte proveñen dos libros de animais de Plinio ou de Claudio Eliano, dos fisiólogos e bestiarios, e da mitoloxía paneuropea anterior aos romanos, o lobo fascina coa mirada, causa embazamento, déixate mudo, provócache o arrepío. O mellor remedio contra el é velo antes de que nos vexa. Porque é o amo da noite, non pode andar nin acometer máis ca de noite. Ve no escuro e foxe da luz e da música. Ten medo do lume. Os seus ollos brillan coma brasas. Coa súa ollada obstrúe o fogo das escopetas e as balas non lle dan. Non se lle pode disparar de fronte, pois dese xeito non sae o tiro. Só pode comer a metade esquerda das súas vítimas. Ama a liberdade e é rebelde, non se somete. Ataca o home e devora nenos e gando, todo o gando do mundo. De noite médralle o corazón, faise forte. Nos Contos do Valadouro fálase dun home que tiña unha pel de lobo. De noite os pelos da pelica poñíanse en pé. Un rapaz do Instituto de Meira contoume que o seu avó matara un lobo e lle sacara o corazón. Levou este para a casa e meteuno nun recipiente con auga. Pola noite o corazón medrou, medrou, medrou ata que estalou o vaso.
O lobo! os ollos o lombo do lobo!
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Um comentário:
Que fermoso é vivir nos soños. A miña experiencia é a seguinte: fágome maior e cada vez cústame máis crer o que soño. De neno un camiño era unha vía infinita ao infinito; hoxe pasou a parcelaria e varreu co brión das pedras que abeiraban o camiño que tanto me facía soñar. Pero conseguireino, estou decidido. Conseguirei seguir soñando e vivindo nos meus soños, conseguireino para soñar cas/cos miñas fillas, se algún día teño.
O contador de bolboretas
Postar um comentário