sábado, 31 de janeiro de 2009

sexta-feira, 5 de dezembro de 2008

Marcos Valcárcel



No ano 1976, se a memoria non me é infiel, coñecín a un grupo de rapaces ourensáns brillantes coma estrelas da mañá: Bieito Iglesias, Xan Guerra, Marcos Valcárcel, Bieito Alonso. No piso onde vivían celebrábanse reunións contínuas e clandestinas, non só de ERGA, a organización á que todos pertencían (menos Manolo Cao), senón tamén da UPG, e por alí pasaban xentes como Elvira Souto ou Margarita Ledo. Como toda regra ten a súa excepción, entre os ourensáns había un que non o era: Perfeto Ramos, que é de Crecente (pero que, penso, estudara en Auria).
Marcos Valcárcel, naquela constelación de intelixencia, enerxía e xenerosidade que foi ERGA, (aínda que algúns dirán que ERGA foi máis ben unha supernova, e estalou en luces de todas as cores), foi desde o inicio, e continúa sendo hoxe, unha das máis belas estrelas. O seu lume daba calor verdadeira. Na faculdade de Historia ERGA contaba con personalidades auténticamente xeniais: os lucenses Xosé Manuel Sarille, Xullo Gaioso, Pilar Meilán; o coruñés Xullo Cuba; a ferrolá María Xesús Arias; Bieito Iglesias; tamén estaban Rosa Bassabe e Alberte Esteban, que non eran de ERGA, pero como se o fosen. Aínda así, Marcos destacaba pola elegancia, a seriedade e a bonhomía, ademais de por ser un auténtico sabio xa daquela.
Marcos, o home tranquilo, o factotum cultural de Auria, é o home que todos quixeramos ser: partidario firme da igualdade, a fraternidade e a liberdade, da cultura, da paz e do progreso; amigo dos amigos e opoñente educado e amable dos inimigos (non dos seus, que estimo imposible que os haxa, senón dos das súas ideas); cunha cultura enorme, enciclopédica; ameno, claro e didáctico; demócrata practicante; tolerante, pero defensor das súas ideas; convencido, pero non tanto como para impoñerllas aos demais por activa nin por pasiva; bo, xeneroso, no sentido profundo e orixinario destas palabras; bo cos seus e cos outros; sempre con Galicia no corazón, sempre pensando nos desfavorecidos, sempre da parte dos oprimidos, pero sen sectarismo, sen demagoxia e sen ningunha caste de dogmatismo; capaz, eficaz, organizador incansable; con requintado gusto estético, literario, artístico, cinematográfico e musical.
O seu mundo comeza e non remata coa súa familia, os amigos (que son, somos, numerosísimos), Ourense, Galicia, Europa e o Mundo, pois Marcos sabe, e di, que unha cousa non quita a outra; que o amor a Ourense fundamenta o amor a Galicia, e o amor a Galicia, o amor ao mundo. Que a atención aos seus funda o aprezo polos demais.
Ninguén fixo tanto por Ourense, nin estudiou tanto a súa historia, desde o seu devanceiro espiritual, don Ramón Otero, do que é lexítimo herdeiro. Non se comprende, por iso, que non lle teñan dado xa a medalla de ouro da cidade.
A todo isto, e a os seus moitos libros, traballos, conferencias e artigos, engadiremos o seu prodixioso blogue, As uvas na solaina, que leva dado xa moito mosto e moito viño novo, e que as min me parece non só o mellor de Galicia (e se fose preciso do mundo mundial), senón un dos escasos foros de debates auténticos, libres e democráticos con que contamos no país.

quarta-feira, 26 de novembro de 2008

PRESENTACIÓN DA COLECCIÓN amancio amigo


Texto para a presentación da colección, que se efectuou con dúas representacións do espectáculo de maxia de Cali ante máis de 500 rapaces e rapazas dos colexios lucenses o martes, 25 de novembro
Queridos rapaces:
O mago Cali vai facer maxia. Non pensedes que se trata de trucos, en realidade é maxia verdadeira. Non sei se Cali aprendeu maxia nas Covas de Salamanca ou se chegou a coñecer ao mago Amancio Amigo. Pero a verdade, rapaces, é que estamos aquí para presentarvos unha colección de libros, os libros, de momento dous, que tratan das aventuras do aprendiz de mago Amancio Amigo, un rapaz duns 17 anos que estudia nas misteriosas Covas de Salamanca, como antes que el fixeron miles e miles de mozos galegos, españois e portugueses. Xa no Século de Ouro eran ben coñecidas as Covas, e os moitos prodixios que lles sucedían ao estudantes de Salamanca. Amancio estuda moito, porque quere ser mago, dominar os libros de conxuros, os libros de ler e desler, que non teñen nada que ver cos vosos libros de texto, porque o Libro de Ler e Desler téñeno os bruxos e úsano para desconxurar Nubeiros, Bruxas e Tesouros. Cando len ábrese a porta da cova onde está o Tesouro, e cando deslen péchase. Cando desconxuran Nubeiros soben ata a nube mentres len. Alá enriba parlamentan co Tronante. Acordan o sitio onde van mandar o pedrazo e o mago deslé a modo para baixar ata o chan. Cando esconxuran meigas se se le ao revés énchese a casa delas. Estes libros son moi perigosos e non poden andar nas mans de calquera. Cando se queima un libro de ler e desler saen do lume luces de tódalas cores.
Así que Amancio quere mandar sobre as nubes e os elementos, desencantar tesouros e obrar marabillas e ademais, aínda que non llo diga a ninguén, tamén quere deixar de ser pobre e namorar a Susana, unha nena veciña súa que é filla dun cacique que ten moitos máis cartos ca o seu pai. Podemos concluír que Amancio é un rapaz de dezasete anos, de mediana estatura, peso, intelixencia, beleza, destreza e sorte. Gasta coleta, ollos ledos, nariz prominente, fáltanlle dous dentes do lado dereito, ten as mans moi longas, como de pianista, e gústanlle as mazás camoesas. Ten o cabelo castaño ou trigueño, non destaca nos estudios porque é soñador e preguiceiro e non lle gusta demasiado o deporte. É pobre e poeta. Está namorado e ten un segredo: é aprendiz de meigo.
Pero as Covas esconden un segredo terrible: son una escola diabólica, e os mestres, Faustino Prósper, a Man Negra, o Robot el Mestre Lionardo, que ten figura de cabra, son bruxos e demos que todos os anos quédanse, en pago polas ensinanzas, co último dos estudiantes. Esta vez decidiron que Amancio sexa o último, e que quede con eles para sempre.
Ademais, nas salas de caldeiras das Covas pasa algo moi estraño, pois o resplandor e a calor que desprenden dan a entender que alí debe haber un lume grandísimo. E iso non é todo, porque Amancio, que é un pouco poeta e sempre anda distraído, topou a beiras do río Tormes cun estrambótico personaxe que sempre leva postas gafas de sol, mesmo aínda que sexa de noite e non haxa outra luz cá das farolas. Esta é a historia que conta o primeiro libro, Amancio Amigo e o meigo de Salamanca, a dun rapaz namorado e a súa loita contra bruxos e demos. Na loita sucede que Amancio se transforma en moto Harley-Davidson, e o meigo de Salamanca, o seu inimigo, en potentísimo Mercedes Benz, que ocupaba case todo o ancho da estrada e ía polo menos a 200 por hora. Xa chegaba onde a moto e dixo Amancio:
Son moto e vólvome camión e tornouse un camión de moito truco.
O Mercedes tivo que frear para non esmecharse na traseira. Dixo o Meigo:
Son coche e vólvome trailer.
E, efectivamente, volveuse un trailer enorme, que metía medo, e que xa collía e ía esmagar sen remedio o camión.
Pasaban unha ponte. O camión botouse fóra da estrada, e cando ía polo aire, dixo:
Son camión e vólvome moto acuática.
E caeu na auga como moto e empezou a planar río abaixo.
O trailer dixo:
Son trailer e vólvome motora e foille detrás á moto.
Xa a acadaba, cando Amancio dixo:
Maldita sexa, son moto acuática e vólvome avioneta e saíu voando e zumbando.
Pero detrás del saíu un avión reactor, que era o meigo transformado. Pasaron sobre o Courel. Amancio volveuse, de súpeto, un anel e foi caer no colo da Susana, que tomaba o sol xunta a piscina da súa casa. A Susana quedou apampada ollando ao ceo, para ver se enxergaba de onde demo lle caera o anel. Pero só viu nubes brancas e paxariños, e un buxato, porque o meigo volveuse buxato e foi pousar nunha árbore, e agardou a súa oportunidade.
A Susana quedou muda e púxose a ollar o anel: era un anel precioso, de prata, cunha esfera verde de esmeralda pulida, na que se reflectía o seu rostro. E cadráballe no dedo que nin feito para ela....
Non vos conto máis, porque para saber o que pasa o mellor é ler o libro. No segundo, que se chama Amancio Amigo e o demo da botella, Amancio Amigo ten un demiño nunha botella. Un día de treboada Sabela, a irmá de Susana, moza de Amancio, libera ao demiño, que foxe. A partir de entón sucédense moitas desgracias inexplicables. Do ceo cae unha chuvia de ovos. Sabela cría un, coa intención de obter un demiño que sustitúa ao perdido. Mais do ovo nace unha especie de sapo con coroa, un basilisco, ao que Sabela e a súa amiga Loreto lle poñen o nome de Anduriño. Pero Anduriño escapa tamén, e mentres isto sucede. Amancio debe enfrontar aos nubeiros e ao seu vello inimigo, Mestre Lionardo. Uns ollos de sangue vixían a aldea entre os nuboeiros e as nubes empezan a concentrarse. Unha grande ameaza pende sobre o lugar. Amancio adormece cada vez que se achega un trebón e do ceo continúan caendo innumerables cousas...
Queren roubar na casa da Susana e por un fachinela entra un ladrón. Ven investigar o asunto o profesor Kalouro, co seu axudante Franco Opaco. Non se entende como un ladrón tan grande puido entrar por unha ventá tan cativa. Só, como proba, queda un violín minúsculo, unha miniatura. Kalouro e Opaco investigan se no inexplicable roubo o ladrón entrou pola ventá ou viceversa..

domingo, 23 de novembro de 2008

INCERTOS



Varios espellismos poden desorientarnos ao lermos este libro. Varios espellismos, ou tentacións. Unha, a de supormos, xa que se trata do primeiro libro de relatos do autor, que é o libro dun nóvel. Porén, xa na segunda páxina decatámonos do noso erro. O autor ten oficio e sabe narrar. Se non nolo din, nunca aceptaríamos que é unha opera prima: a habelencia na creación de atmosferas, o tratamento da frase, a construcción dos personaxes fannos crer o contrario. O segundo espellismo é o de crer que estamos fronte a unha obra do xénero fantástico. En puridade, non é así. Unha boa mada de relatos está máis ben no ronsel de Edgar Poe, do Cortázar de Casa tomada ou de Rafael Dieste ca no de Lovecraft, Borges ou Fole. Trátase da literatura dos límites, da literatura do estraño ou dunha caste de realismo mutado. Xa o primeiro relato, Advertencia, avisa no seu título e no seu contido do que podemos agardar: a omnipresente sensación de estrañeza en estado puro, de que debaixo desta aparente realidade hai outra, de que a orde é só superficie, irrealidade. Unha vella toupa esburaca os cimentos e está a piques de causar un terremoto. O certo, o único verdadeiro, é a incerteza.
Un novo espellismo provén aínda do uso da linguaxe. Lin nunha crítica que estes relatos estaban próximos á literatura oral. Non hai tal cousa: os personaxes falan cando están falando, iso si, porque están vivos, e falan como falamos as persoas. Dobao utiliza claves e termos da lingua coloquial, mais non hai ningunha (agás unha que creo observar e que se refire ás historias de abducidos) connivencia coa narrativa oral; nin nos modos nin nos temas nin nas estructuras. Ademais, a lingua está depuradísima e débese agradecer o coidado, fronte á espantosa moda do galego pobre que outros teñen a gala.
Advertencia é, pois, un relato de estrañamento. Trasmonte, un de pantasmas que non me atrevo a calificar de fantástico. O estupendo relato chamado Eu non era, para min o mellor, dálle a volta á lenda urbana, ao mito das abducións, é unha historia de outredade, de desdobramento, de confusión, que nos produce non só estrañeza e incerteza, senón mesmo terror e desacougo. Con inagardada sorpresa final, é un conto clásico e anovador, que non cadra lonxe da ciencia ficción nin da realidade máis cotiá e máis real, un relato onírico, escrito cunha técnica que imita as disrupcións do soño.
Os relatos Pola memoria do teu pai, Non somos nada e O rostro da muller de Aldrei están máis apegados ao realismo, pero son igualmente incertos, porque é incerto o comportamemnto sexual ou ético dos personaxes, confuso, indefinido. Quédalle ao lector o labor de posicionarse. Pola memoria do teu pai remite a un certo Ferrín, a un Ferrín grande, non só no tema, senón na claridade da posición ideolóxica e no orgullo, non disimulado, que temos os que nos sabemos dun determinado bando, e hai que dicilo moi claro. O rostro da muller de Aldrei constitúe unha aguda reflexión sobre o eu, sobre a literatura e sobre a creación. Círculo vicioso é, tal vez, un relato fantástico. Mais ao lelo decátome de todos os relatos poden ser tamén lidos como alegorías, sospeito que poden ser alegorías, magníficas alegorías como as de Hawthorne ou Wells. Pero non. Trátase só dun compoñente máis a ter en conta, un segundo , ou terceiro nivel na lectura: representacións do mundo feitas con mala hostia, representacións que queren desenmascarar a realidade impostada.
O espello provócame unha manchea de reflexións que non se refiren só a el, senón ao conxunto da obra: está moi ben escrito, conecta co “nouveau roman” e coa “nova narrativa galega”, conecta co tema do espello, presente no relato anterior e tan característico de Méndez Ferrín, dálle valor, coa repetición e o decurso lento, ao cotián, ás cousas, aos movementos mínimos, que repetidos e ollados desde outro punto de vista, son outra cousa; o automatismo imbrica o superficial e inxértao nas profundidades máis fondas da alma humana; o cotián, o repetido fanse imprescindibles para navegar pola incerteza: nun mundo que cambia vertixinosamente, que se derruba: os movementos, os costumes, son todo o que nos queda; trátase a cuestión do sexo, moi presente tamén na obra, a das identidades, a do homoerotismo; o cambio no punto de vista pon en relación este relato co titulado Eu non era e non debe ser por casualidade.
A trabe de alcatrán é en parte resultado do enxurrada de petróleo de hai uns anos. A pesar da néboa e das dúas secuencias temporais (o tratamento do tempo é outro dos méritos deste libro), é un relato realista que transcende a maré negra e usa unha peculiar pedagoxía política. Valor de producción, sempre apegada á realidade, neste caso da ribeira, é unha metáfora da soidade e da destrucción. Conto de pantasmas no que nos queda a dúbida de se hai pantasma, e iso é o bo, é unha historia tremenda de saudade dun mundo precapitalista en extinción. De paso, Antón, se cadra Freud tería algo que dicirche: o estraño papel dos cineastas daría para unha revisión freudiana.
O libro que nunca lin, reflexión sobre o escritor máis ca sobre a literatura, discusión moi ben resolta sobre se hai que volver contar as historias, é unha versión do mellor Borges, o do outro, e un relato, se cadra o único, autenticamente fantástico. Versión de Borges, dixen , pero non, porque en Borges non está o inferno, que non son os outros, senón nós mesmos.
A desconcertente derradeira lección incide nas reflexións sobre a literatura, sobre o submundo da cultura galega, sobre o pensamento en si, e as voltas que dá, e como constrúe mundo ficticios ou reais, e sobre esto mesmo que estamos facendo agora, as presentacións de libros, incluíndo o que imos facer despois: tomar uns viños.
Por fin, A encrucillada é de novo un relato pedagóxico sobre os entrecruzamentos das secuencias temporais paralelas e sobre a responsabilidade que cada un ten nos camiños que escolle. Repito o que antes dixen: Unha vella toupa esburaca os cimentos e está a piques de causar un terremoto. O certo, o único verdadeiro, é a incerteza.

segunda-feira, 17 de novembro de 2008

O lobo do conto e o do mito




Tres son as figuras do lobo na literatura oral europea: o lobo do mito, o do conto e o da lenda. O lobo do conto é un parviolo moi brutamontes e moi confiado, ao que sempre enganan o raposo, o coello, o home, a vaca, o porco, as ovellas, os castróns e as galiñas. Ata perde batallas contra os sapos ou contra os abesouros. Sempre famento, só pensa en encher a andorga. Non é de fiar, porque, como non ten romana, pesa como lle dá a gana. E aínda así semella arrepentido e mesmo vai confesar. Un individuo risible, en suma.

Pero non nos enganemos. Debe haber unha causa, e haina, para que maltratemos así o lobo nos contos. A causa é, presumiblemente, o medo que lle temos ao lobo “real”. Como tememos o lobo, ímonos rir del nos contos, que xa se sabe que son mentira e que no fondo reflicten os nosos desexos e non a realidade. Se eu son un ninguén, tamén podo ser un príncipe. Se son unha criada, ben podo ser a Borrallenta. Se o lobo é terrible, ben pode ser risible. Se non teño un can, ben podo atopar un tesouro. E se son o fillo parvo, vai resultar que son o listo. Non hai nada máis democrático ca os contos.

Con que nos rimos do lobo porque o tememos. Unha razón similar á que nos leva a rirnos do demo (pero só nos contos), figura que é neste ámbito intercambiable coa do lobo, só que noutro tipo de contos: o lobo nos de animais, o demo nos que Thompson chamou “Contos do ogro parvo”, que en Galicia son sempre protagonizados polo demo.

Rimos do que tememos cando cremos que estamos a salvo. Pero desto pódese deducir que o lobo é unha figura central nos medos dos europeos desde hai ducias de miles de anos. Talvez, se puidésemos preguntarlles aos nosos primos neandertais, desde hai centos de miles de anos. E, sendo así, a súa figura no mito e na lenda é ben distinta da súa figura no conto.

No mito, neses mitos que en parte proveñen dos libros de animais de Plinio ou de Claudio Eliano, dos fisiólogos e bestiarios, e da mitoloxía paneuropea anterior aos romanos, o lobo fascina coa mirada, causa embazamento, déixate mudo, provócache o arrepío. O mellor remedio contra el é velo antes de que nos vexa. Porque é o amo da noite, non pode andar nin acometer máis ca de noite. Ve no escuro e foxe da luz e da música. Ten medo do lume. Os seus ollos brillan coma brasas. Coa súa ollada obstrúe o fogo das escopetas e as balas non lle dan. Non se lle pode disparar de fronte, pois dese xeito non sae o tiro. Só pode comer a metade esquerda das súas vítimas. Ama a liberdade e é rebelde, non se somete. Ataca o home e devora nenos e gando, todo o gando do mundo. De noite médralle o corazón, faise forte. Nos Contos do Valadouro fálase dun home que tiña unha pel de lobo. De noite os pelos da pelica poñíanse en pé. Un rapaz do Instituto de Meira contoume que o seu avó matara un lobo e lle sacara o corazón. Levou este para a casa e meteuno nun recipiente con auga. Pola noite o corazón medrou, medrou, medrou ata que estalou o vaso.

O lobo! os ollos o lombo do lobo!

Os alanos, os verdadeiros arios




No século V a. C. os sármatas (sarmatae ou saurómatas) estaban na fronteira oriental de Escitia, alén do Tanais (actual Don). Eran un pobo da familia iraniana ou aria relacionado cos escitas. Entre os seus grupos contaban os alanos, roxolanos, iásigas e probablemente os ros. Todas as formas de dicir “alano” son formas dialectais iranias da palabra ario (∞???? en grego; O-lan-na en chino; iron en osetio). Tamén foron coñecidos coas formas: "asi", "as", "os" (yasi, osi). Desta denominación provén o termo osetio e o nome do continente: Asia. Amiano Marcelino consideraba que os alanos eran os antigos masaxetos: “iuxtaque Massagetae Halani et Sargetae”, “per Albanos et Massagetas, quos Alanos nunc appellamus”, “Halanos pervenit, veteres Massagetas”.

Sobre o 370, os hunos arrasaron cos alanos, que se dividiron en varios grupos. Polo oeste uníronse a vándalos e suevos (xermánicos) e nunha grande onda chegaron ata a Lusitania e a Cartaxinense. Foron famosos os seus cans de caza, que sobreviven no País Vasco e aínda levan o nome de alanos. En 429 a maioría dos alanos abandonou a Península, fusionándose cos vándalos. Os reis do Norte de África fixéronse chamar posteriormente Rex Wandalorum et Alanorum. Na Galia, os alanos asentáronse en Orleans e Valence, e posteriormente en Armórica. O nome bretón Alan (e posteriormente o francés Alain) dá fe da súa presenza. Na actualidade crese que o grupo G2 de liña paterna do ADN presente en Europa está relacionado coa herdanza alana.

Os alanos do norte do Mar Negro fuxiron cara a Polonia e deron orixe a outras nacións ao mesturarse cos eslavos: os horoatos ou horuatos (croatas); os serboi (cualificados por Ptolomeo como tribo sármata), que deron lugar a serbios e sorbios (sorabos, lusacianos, wendish —nome que remite aos wándalos—, situados como minoría nacional en Alemaña); os belochrobati (croatas brancos) que vivían no alto Vístula (Hrobatia); os iásicos que chegaron a Hungría. No norte, os ros deron orixe a Rusia. No sur, os alanos quedaron baixo control dos hunos e posteriormente dos mongois, que os confinaron no Cáucaso: son os osetas. No século VIII consolidaron un reino, a Alania medieval, que comprendía as actuais Circasia e Osetia do Norte (chamada actualmente Alania). No século IX quedaron baixo o khanato kházaro. En 1187 aliáronse con Xeorxia. En 1395 Tamerlán invadiu Alania e masacrou a poboación. Desde 1767 os alanos do norte (os iron) quedaron na parte rusa, os tuallag do sur na parte xeorxiana, e os digor occidentais repartidos entre Osetia e Kabardina.

O idioma osetio é un idioma iranio con dous dialectos principias: o digor e o iron. A lingua literaria, baseada no dialecto iron, foi fixada polo poeta nacional, Kosta Khetagurov (1859-1906).

(Hai no oeste do Irak outros alanis. Disque teñen antepasados iranios ou turcos. Son sunnitas. Os integristas xiítas chámanlles cans e pretenden extermínalos de raíz. Non se sabe que relación teñen cos verdadeiros alanos, cos verdadeiros arios: os osetos).

sábado, 8 de novembro de 2008

Abkhasia




Na actual guerra de Osetia, Rusia ten a razón. Desagrádanme profundamente Vladimir Putin e os seus, tan imaxe especular de George Bush e os neocons, tan inimigos do socialismo, tan amigos dos multimillonarios, das mafias e dos criminais, tan despóticos e autoritarios, tan acérrimos adversarios da liberdade, pero unha cousa é diferente da outra.

No territorio da actual República de Xeorxia conviven varias nacións. Ninguén lles preguntou nunca se querían formar parte dese Estado. O propio Estado é máis que artificial e non se debe esquecer o papel do xeorxiano Iosif Stalin na súa configuración.

O abkhasio-abaza forma parte da familia de linguas caucásicas noroccidentais, xunto co ubykh e o circasiano. Nada ten que ver co xeorxiano. No século VI a. C. os gregos xa sabían destes pobos. Plinio (século I), fala da gens Absilae; Arriano, no século II, dos abasgoi. En 1404, Galonifontibus escribe: “A continuación (tras Circassia) atópase Abkhasia…Teñen a súa propia lingua.” Na Idade Media Abkhasia tiña o seu propio reino. Na década de 1860 apareceron os primeiros alfabetos, baseados no cirílico, e os primeiros libros. En 1864, case todas estas xentes (ubykh, circasianos, abkhasios) emigraron en masa desde as súas terras da costa do mar Negro ata as do Imperio Otomano. Fuxían da expansión da Rusia zarista. Abkhasia pasou a ser rusa. Na actualidade hai en Turquía uns catro millóns de persoas que forman unha comunidade errante desta orixe. Pero esténdense en realidade desde Kosovo ata Palestina. As súas terras orixinais foron en parte ocupadas polos karveliamnos e armenios, no sur, e polos eslavos, no norte.

En 1926 intentouse un alfabeto baseado no latino. En 1928 apareceu un alfabeto abkhasio unificado, tamén tomado do romano. Só en 1931 Abkhasia pasa a integrarse en Xeorxia, a pesar de ser república autónoma. Coa constitución da República Soviética de Xeorxia procedeuse pola forza á deslatinización, volvéndose a un alfabeto cirílico baseado no xeorxiano. Outra vez cómpre lembrar que Stalin era xeorxiano e Beria mingreliano. Eses son os anos da “xeorxización” de Abkhasia e de Osetia. A partir de 1940 foron sustituídas as galescolas, quero dicir, as escolas en lingua abkhasia, por escolas obrigadas en lingua xeorxiana, e as publicacións en abkhasio foron vetadas. Tras a morte de Stalin e Beria, en 1953, elabórase un novo alfabeto, de base cirílica, pero con 14 caracteres alleos a ese modelo. Actualmente discútese a posibilidade dunha volta ao alfabeto romano, para que tamén poidan usalo os abkhasios turcos. En Turquía, o abkhasio está total e completamente marxinado (non esquezamos que Turquía é un dos Estados máis monolíticos e perseguidores das minorías que hai no mundo). Na propia Abkhasia, como resultado da emigración do XIX e da política migratoria (de mingrelianos a Abkhasia) e da política asimiladora soviética, os abkhasios son minoría, e non haberá máis de 100.000 falantes. Ao norte, en Cherkesia, uns 30.000 abazas falan no mesmo idioma (pero teñen un alfabeto propio). Ao sur, en Turquía, o idioma tende á desaparición. Pola súa parte, o ubyk desapareceu en 1992 coa morte do último falante, Tevfik Esenç.

sábado, 11 de outubro de 2008

Ramiro Fonte





SALÓN-TEATRO


Pasáronme unha cita e ante as portas
agardei; aínda lembro que ese día
chovía unha auga maina e parecía
un tempo de naufraxio e ilusións mortas.

Por días sen regreso e rúas tortas
chegara alí. A voraz melancolía
devorábame os ollos e poñía
unha urxencia febril nas mans absortas.

Pasáronme unha cita e agardei
ante as portas do cine, cun xornal
atrasado e marcado, e unha clave.

Móllame a chuvia a trenca e o xersei,
esquecinme de cal era o sinal,
xa non o sei e xa ninguén o sabe.

(Extraído de As cidades mergulladas)


Descanse en paz o noso amigo

quinta-feira, 2 de outubro de 2008

O DEMO DA BOTELLA


Amancio Amigo e o demo da botella
1ª edición
Con excelentes ilustracións de Patricia Castelao

A figura do demo na literatura de tradición oral



A AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e a Área de Cultura da Deputación de Lugo organizan a IXORNADA DE LITERATURA ORAL en Lugo o día 17 de outubro arredor do tema "A figura do demo na literatura de tradición oral". Os relatorios e mesas redondas, a cargo de especialistas como José Manuel Pedrosa, Xosé Miranda, Félix Castro Vicente e Peter Missler, vanse desenvolver no salón de Actos da Deputación Provincial, rúa San Marcos S/n. Coordinan a xornada: Isidro Novo e Antonio Reigosa, ambos vogais do Consello Directivo da AELG. A entrada é libre.
Paralelamente, quen así o desexe poderá visitar na sala de Exposicións da Deputación a mostra "Libros do demo: grimorios e ciprianillos", colección de xoias bibliográficas sobre o tema propiedade de Félix Castro Vicente.O profesorado que desexe realizar unha visita co seu alumnado á devandita mostra pode facelo na mañá do 17 de outubro, xa que ese día vai ser o propietario da colección quen a guíe e comente. Neste caso deben concertar previamente a hora de visita no Departamento de Comunicación e Xestión Cultural do Museo Provincial de Lugo, a través do Tfno.: 982 242112 ( ext. 27) ou do e-mail info@museolugo.org.

Consulte o programa aquí.