sábado, 10 de novembro de 2007

Cow-lady



A Coccinella, a mariquitiña, ese animaliño con ás e que voa con Deus. Era eu neno e cando collíamos unha mariquita (en Lugo chamabámoslle así, seica con nome español, aínda que eu creo que tamén é nome galego, de feito, mariquiña e mariquitiña son o mesmo nome. Volverei a isto) poñíamola na man e deixábamos que nos subise polos dedos, como se os contase de un en un. A mariquitiña buscaba un punto alto desde o que poñerse a voar: a xema dun dedo. Dicíamoslle: Voa, voa, —e soprábasmoslle para axudala. Ninguén mataba unha mariquita, aínda que matásemos a case tódolos outros animais (menos as anduriñas, os carrizos, os paporrubios, os arcángeles). A mariquita era de Deus, era boa.
Bouza-Brey dedicou un traballo aos nomes e tradicións da Coccinella en Galicia. Outros, como tal Rielo, tamén recolleron o seu. Moitas das formuliñas que se lle dedicaban aparecen no delicioso libro de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey, Lerias e Enredos para os máis pequenos. Pero hai moito máis. Vexamos exemplos e tiremos conclusións.
A Mariquitiña
a) leva moitas veces nome de muller, é unha delicada fémina (no pensar do camponés): Mariquitiña, Xoaniña, Maruxiña, Margarita, Mariposiña, Costureiriña, o mesmo aquí que no resto de Europa; en España, Mariquita, Catalina; na Toscana, Lucia; etc En inglés é cow-lady, ladycow, ladybird, ladybug, ladyfly.
b) é un animal das mulleres: na Alemaña, polo das mulleres, vaca das mulleres.
c) está dedicado á Virxe María: bicho da Virxe (suíza), galiño de María, Jungfrau Marias, (Alemaña), vaca da Virxe (Anglaterra) ou a santa Lucía (a santa da luz)
d) é de Deus: na Galicia, bichiño de Deus, cuquiño de Deus; en Rusia, “Pequena Vaca de Deus”, Boszia Karovka; na Alemaña, paxariño de Deus, cabaliño de Deus, vaca de Deus. En sánscrito era Indragopa, protexida por Indra.
e) está dedicado a outro santo: a san Miguel (Piamonte), a san Nicolás (Sicilia), a san Antón (España). Volveremos sobre isto.
f) é do sol (porque é vermella, e ista é a clave, o sol é o verdadeiro Deus): así se lle di Papasol, Pitasol (a pita do sol), e se lle pide que faga bo tempo: Reichín, Reichín, vai e dille ao teu padrín que mañá faga un día de solín; Papasol, Papasol, dille ao teu pai que mañán faga sol. —Ou mándaselle voar e ir ao sol (sen dúbida a pedirlle bo tempo): Pitasol, Pitasol, ensíname os panos e vaite ao sol (os panos son as ás que leva recollidas)
g) se non é de Deus nin do sol, é do ceo: animaliño do Ceo (Alemaña), e pídeselle que voe ao ceo: Voa, voa, que che hei dar pan e cebola.
h) como é vermello, é substituto do sol e é Rei ou cando menos, é dourado, de ouro: en Galicia, Rei-Rei; en Asturias, Reichín (o pequeño Rei), en Anglaterrra, Golden Knop ou Golden Knob (botón dourado, nó dourado)
i) outros nomes aluden á cor: Cascarrubia, Coccinella (que é escarlata), Aveloiriña.
j) é un polo ou unha pita:. No Piamonte : La galiña d`San Michel Buta j ale e vola al ciel ; en Alemaña, galiño de María, galiño do sol, paxariño do sol, galiño de Ouro; en Galicia, Pitasol, Aveloiriña; en Sicilia, palumedda, pombiña.
k) é unha vaca ou un xato: Boszia Karovka Paleti na niebo bog dat tibié hleba (en ruso, Pequena vaca de Deus, voa ao ceo, Deus darache pan) ¿Qué lle dicíamos nós? : Vola, vola, heiche dar pan e cebola —ou: Cóntame os dedos e vaite con Dios. Na Alemaña: xatiño do sol, vaquiña das mulleres (que a invocaban para ter leite e manteiga); en España, vaca de san Antón, etc
l) é un cabalo: cabaliño de Deus (Alemaña). En Calabria, o escarabello verde dourado, a Cetonia aurata leva, en cambio, o nome de cabalo da Lúa. ¿Casualidade? Non parece.
m) xa que pode facer de intermediario con Deus, ou coa Virxe (ou a Deusa) ou co sol, pode adivinar o tempo. Así se lle chama Adiviñón, Deviñón, Sabiñon, así se lle di: Cascarrubia, Cascarrubia, dime se mañá vai haber sol ou chuvia; —ou: adivina, Adiviñón, se mañá fai sol ou non.
n) xa que é trasunto do sol, algo ten que ver co lume. Dinlle os nenos ingleses: Cow-lady, cow-lady, fly away home your house is all burnt, and your children are gone. E na Alemaña: fuxe, fuxe, que a túa casa arde.

6 comentários:

XESÚS MANUEL MARCOS disse...

Benvido á rede. Será un pracer levantar a manta. Un saúdo.

SurOeste disse...

Rei-rei, cantos anos vivirei?
vintecinco non o sei
un, dous, tres, catro, cinco...

paideleo disse...

Benvido ao blogomillo.
Este blogo prometo xa que me gustan os asuntos da natureza e da lingua.
Un saúdo.

Marcos Valcárcel López disse...

Noraboa por esta entrada na rede. Estaremos moi atentos ó teu blog como xa o estabamos á túa obra literaria e de investigación.

Brétemas disse...

Os meus parabéns por iniciar a travesía.

Maruxiña voa, voa
que che hei dar pan de broa...

Chousa da Alcandra disse...

No centro da Galiza incitabamos á avelairiña/xoaniña, con promesas de pan e cebola.

Veño dende a Chousa, atravesando as brétemas para xuntarme ás voces de benvida.