domingo, 23 de dezembro de 2007

Lean


O que non sabe é como o que non ve, di o saber popular, e peor que o que non ve, pois os cegos len, afortunadamente, con modernos métodos que lles permiten acceder ao coñecemento, e o coñecemento, a información, éo todo. Cegos eran Homero e Borges, case cego Sábato. Pero os libros foron os seus ollos, permitíronlles ver o que hai e mesmo o que non hai. Cada libro é como un par de ollos que se abren nun novo mundo. O lector crea ese mundo cada vez que abre o tomo e se pon a ler. Hai que dicir agora: o que non sabe é como o que non le.
Falase moito da realidade virtual. Porén a realidade virtual existiu sempre. Mesmo antes que os libros, na literatura oral. ¿Ou logo non vivimos as vidas dos demais, non imos buscar o Tesouro con Long Jonh Silver, non nos acusa o Corazón Delator e non tememos a quen Agarda no Umbral?
Fáganme caso, lean. Ler é moi divertido. Hai xentes, estrañamente, que pensan que ler é aburrido. Están errados. Outros cren que hai que moderarse na lectura. Teño oído decir: É que o meu fillo le demasiado, é que se vai poñer tolo! Non o crean. Ler é a única droga que non mata, nin dana, nin afecta o cerebro, o máximo que pode pasar é que teñamos que usar gafas, se lemos moitos libros e libros coa letra moi pequena. Don Quixote non estaba nada tolo: vía os muíños e ademais vía os xigantes. Hai que non quere ver máis lonxe do narís. O que non sabe é como o que non le. Na tradición oral galega existen uns personaxes que son os traslidos. Ou sexa: o que se pasaron lendo e estudiando e quedaron “tocados” e sempre andan nas nubes. Pero ollen: eses traslidos andan literalmente nas nubes. Son Nubeiros. Magos tremendos que dirixen as treboadas, coñecen grandes segredos, controlan os tronos, viaxan sobre as nubes e moito máis. Quen non quere ser un traslido?
Noutras ocasións teño oído dicir que os rapaces (e, naturalmente, as rapazas) que len moito, aínda que sexan estudiosos, obteñen peores resultados que os que, sendo igualmente estudiosos, len algo menos. E dinme que pode ser por dúas razóns: unha, que teñen máis imaxinación e andan nas nubes (ou sexa, que certamente son nubeiros), outra, que, en realidade, dedican menos tempo a estudiar ou a pensar nos estudios, pois a lectura acaba sendo un adversario dos estudios e ambas cousas compiten polo pouco tempo que hai na sociedade actual. En canto ao primeiro, que hai mellor cá imaxinación? Nada. Pregúntenlle aos profesores se queren estudiantes imaxinativos. Verán a resposta. E en canto ao segundo, os mozos teñen tempo para todo. Lémbranse de cando eran novos? E, se non o tivesen, o que hai que facer será estudiar un algo menos, e ler algo, saír un pouco, facer algún deporte. Como dicía Arsenio, non todo vai ser fútbol, digo, non todo vai ser estudio. E ademais, ler é sanísimo, ningún estudio forma tanto como a lectura, ambas cousas son compatibles, e hai que lles preguntar aos profesores de calquera idioma, pero tamén aos de calquera asignatura de letras ou de ciencias, se ler é bo ou non, e se se nota ou non a enorme diferencia entre os alumnos que len e os que non.
Ler é o único vicio que constitúe unha virtude. Déanlle ás á súa imaxinación, porque a min a miña aprendeume que un libro pódese ler e pódese desler. Se un le un libro e o esquece é como cando vén unha enchenta do río, a terra cúbrese, anéganse os prados, e cando as augas se retiran, deixan a lama fértil. A herba que medra a cachón nin lembra que estivo mergullada, pero sobe máis ca nunca, máis ca nunca asubía. Se un le un libro e o lembra, entra nas vidas dos demáis, aprende, goza, imaxina, vive. Se les o libro dun morto, fas maxia verdadeira, porque falas con el. Falar cos mortos é cousa de bruxos. Os que lemos libros somos bruxos.
Se les o libro dun amigo distante, rompes co tempo e co espacio e poste ao seu lado. Maxia auténtica, como non hai outra. Se les o libro dun descoñecido, deixa de ser descoñecido. Soñades xuntos e facedes o libro a medias. Se les un libro podes subir ás nubes, voar sen ás, pasear cos vampiros baixo a lúa, vestir a pel do lobo, ir nas gavela cos bandoleiros, subir a unha torre usando de escaleira os cabelos dunha moza, matar un xigante, falar cos caníbales, navegar á illa do tesouro, conxurar un mouro, abrir as penas, saber segredos, descabalgar nubeiros, contarlle un conto ao teu avó, visitar os cousos do lobo e os cavorcos do xabarín, correr baixo a neve polvoriña, instaurar a república galega e o comunismo.
Se desles un libro baixas das nubes, pechas as augas, zarras as penas do tesouro, enches o cuarto de bruxas, chamas pola escuridade e as sombras decapitadas dos cans saltan os valados, achegándose. Se queiman un libro saen del luces de cores. O libro non morre de todo. Está cheo de trasnos que buscan outra casa. A lectura dá poder. Por eso queren ler só eles e queren que só leamos o que eles din. Os que len libros non queren guerras, nin chapapotes, nin presidentes que se atragantan coas galletas, coas galletas de cereal ou de chapapote. Queren xustiza, paz e liberdade para todos e para todas. Benaventurados os que len libros, e máis benaventurados se ademáis escoitan aos outros, se falan cos maiores, cos nenos, coas avoas, cos paxaros, coas fontes, co río que pasa, coas nubes, co vento que zoa. Benaventurados os que len, porque levan na fronte unha estrela e no bico un cantar.

Um comentário:

Xaime disse...

O texto é un bon regalo de nadal. Boas festas para tí e os teus.